Novas por contido

Mentres Facenda continúa botando balóns fóra no asunto do atraso no cobro das nóminas, a CIG-Autonómica esíxelle á conselleira que se depuren responsabilidades para asegurar que esta situación non se volva a repetir. O persoal da Xunta leva xa acumulados moitos puntos de perda de poder adquisitivo, e máis co último recorte salarial, para aínda por riba ter que soportar cargas financeiras adicionais.

Nestes últimos dous meses o persoal da Xunta de Galicia vén cobrando a nómina cun certo atraso con respecto ao que atá o de agora viña sendo habitual. Na última nómina o atraso foi tal que moitos traballadores chegaron a dispoñer do diñeiro na súa conta o 2 ou mesmo o 3 de maio. Nesas datas son moitas as persoas que teñen xa domiciliado o pagamento de recibos ou débedas, ocasionándolle gastos en concepto de descubertos.

Desde a CIG tivemos coñecemento de que o libramento dos fondos por parte do Tesouro fíxose estes 2 meses axustando os prazos ata o último día permitido pola normativa. Porén, nesta ocasión obviouse que ao existir unha fin de semana polo medio e coa operativa interbancaria actual, cabía a posibilidade de que os traballadores que non teñen conta na entidade colaboradora recibirían a transferencia xa en maio. Pódese falar logo de imprevisión?

Por outra banda, o libramento do Tesouro non foi completo para pagar as nóminas dos traballadores de todas as consellerías. Isto tivo como resultado que, con independencia da entidade bancaria final do traballador, uns traballadores cobraran antes que outros.

Con base ao anterior, a CIG vén de solicitar á conselleira de Facenda que:

1) Tome as medidas oportunas para que estes atrasos non se volvan repetir e o persoal da Xunta, independentemente da consellaría para a que traballe, poida seguir percibindo as retribucións tal e como viña facendo na súa conta de xeito habitual.

2) Depure as responsabilidades entre a Administración e a Entidade Bancaria colaboradora para atopar a resposta da maior demora da percepción dos haberes dos traballadores en determinadas consellarías (Cultura, Mar, Medio Rural e Presidencia).

3) Para rematar coas suspicacias que xeran estes atrasos nos pagamentos das nóminas, dea unha resposta oficial a este escrito dando coñecemento da situación financeira actual do capítulo I das diferentes consellarías. Por conseguinte, e seguindo o exemplo da Administración Central, faga un compromiso público de non seguir castigando ao traballador da Xunta de Galicia nin con máis atrasos no pagamento das nóminas nin con futuribles recortes salariais.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...