Dende a CIG denunciamos que a inxección de milleiros de millóns de euros ao sector financeiro español supón un auténtico saqueo á clase traballadora, que será a que en última instancia teña que afrontar a súa devolución. O capital non presta cartos a cambio de nada; a débeda privada ao final vaise converter en débeda pública.
Desde a CIG censuramos as recentes condenas a sindicalistas do noso sindicato e lamentamos que a Fiscalía non actúe co mesmo celo contra os causantes da crise. Tivo que ser a CIG quen denunciara as persoas xestoras de NCG Banco para que despois a Fiscalía se decidise a presentar unha querela. Neste senso, cómpre lembrar que a CIG e o sindicato vasco ELA denunciaron diante do Tribunal Supremo os ex presidentes do Goberno español Aznar e Zapatero, así como o actual, Mariano Rajoy, e os ex responsábeis do Banco de España.
A CIG seguirá a promover diante dos outros sindicatos a convocatoria dunha folga xeral no conxunto do Estado español antes de que remate o ano. Finalmente, incidimos na necesidade de seguir coa mobilización social para denunciar estas políticas tan antisociais e antiobreiras e esixir medidas que garantan a saída da crise, que axuden a crear emprego e que sexan defensoras dos intereses da maioría social, canto a dereitos sociais e calidade de vida. Unha loita que é para tempo porque a saída da crise non vai ser inmediata, e precisa tamén ir mudando a correlación de forzas no campo laboral pero tamén no institucional, intentando que perdan a maioría no Parlamento as forzas políticas que están defendendo estas políticas lesivas para a maioría social.