Máis que CIG-Autonómica

Os recortes orzamentarios decretados polo goberno do PP, e que foron definitivamente aprobados na sesión plenaria deste martes, abocarán á privatización de servizos públicos, rebaixarán as condicións laborais e salariais do seu persoal e deteriorarán a atención que reciben as usuarias e usuarios. Así o denuncia a CIG e así o denunciaron tamén, ante un Parlamento literalmente tomado por efectivos antidisturbios, centos de empregadas e empregados públicos que participaron na concentración convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos.

 

Ás 12:00 horas comezaba diante do Parlamento a concentración convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, ante un desproporcionado dispositivo policial que custodiaba o Pazo do Hórreo impedindo o paso, non só a manifestantes, senón tamén a veciñas e veciños de Compostela e aos vehículos que querían acceder ao centro da cidade.

Contra as 13:30 horas sumábanse á concentración estudantes, profesorado e persoal técnico e administrativo das universidades galegas, nomeadamente da de Santiago, tras rematar un peche de 24 horas na facultade de Filosofía e baixar pola rúa do Hórreo en manifestación desde a Praza do Toural. En Vigo e na Coruña tamén se celebraron concentracións de protesta, diante do Reitorado no primeiro caso e no campus de Elviña no segundo. En Ferrol a mobilización foi diante da Facultade de Humanidades.

Ao unísono, as e os concentrados berraron consignas como “O público é servizo, o privado beneficio”, “Menos sobres e máis traballo” ou “Ilegalizar ao Partido Popular”. Todas e todos contra uns orzamentos que propician o desmantelamento dos servizos públicos e atacan os dereitos laborais e retributivos das empregadas e empregados públicos.

En cuestión están servizos públicos esenciais como a Sanidade e o Ensino pero tamén outros tan importantes como xustiza, universidades públicas, os servizos propios da Xunta ou os prestados polas administracións locais. Cómpre alertar do deterioro da atención ás usuarias e usuarios en todos os chanzos da administración, abríndose así o camiño cara a súa progresiva privatización.

E se os servizos públicos están en risco, non o están menos as condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos, que sufrirán unha regresión sen precedentes nos seus ingresos, ao decretarse un recorte do 40% das pagas extras cando estas están contempladas integramente na lei de orzamentos do estado español.

Pero non só se verán minguadas as súas condicións laborais e salariais. Hoxe están en risco mesmo os postos de traballo e, de feito a Xunta, sen agardar sequera a aprobación dos orzamentos, iniciou o procedemento para reorganizar aos seus efectivos, eliminando postos de traballo das RPTs, como xa fixo nos centros escolares cos servizos de comedores.

Nesta liña de destrución de emprego público, vén de se pór en marcha unha reestruturación da Consellaría de Traballo cunha proposta de amortización de case 300 postos de traballo. Inclúense prazas ocupadas por persoal fixo, que previsibelmente acomodarán noutros departamentos, mais tamén se amortizan outras ocupadas por persoal laboral indefinido que será despedido coas condicións impostas pola reforma laboral.

O sistema sanitario en perigo

Desde o ano 2009 os orzamentos reducíronse en máis de 500 millóns de euros. Isto afecta tanto á calidade asistencial, como ás condicións laborais. De feito, coa imposición da taxa de reposición do 10% o sistema sanitario público galego perderá máis de 3.000 profesionais no sistema, incluíndo as prazas que non se cubriron pola paralización do Plan Mellora e pola paralización do Plan Galego de Saúde Mental.

O obxectivo do PP non é outro que facer inviábel a prestación do servizo sanitario e agocha a intención de privatizar a sanidade porque mentres se recortan os investimentos para dotar á sanidade pública dun cadro de persoal suficiente para garantir a prestación sanitaria nos prazos indicados polo sistema, mantéñense os concertos coa sanidade privada.

En cuestión o dereito á educación

Con estes orzamentos cométese unha agresión máis ao ensino público e ponse en tea de xuízo o propio dereito á educación ao reducírense as partidas nun 6,6%, nin máis nin menos que 150 millóns de euros menos que en 2012 e 600 millóns menos que no ano 2009.

Estamos ante unha ameaza realmente seria para o funcionamento dos propios centros educativos, que van ver gravemente limitada a súa capacidade para atender á diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais. Estes Orzamentos predispoñen un 2013 con máis profesorado no paro, menos profesorado nas aulas e coas aulas máis masificadas.

O sistema universitario público en estado crítico

Tamén se atopan en conflito as universidades, xa que alén do recorte dun 6,5% respecto de 2012, que retrotrae os seus orzamentos ao ano 2005, comezou a transposición da Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público, que se negocia en cada unha das tres universidades cos mesmos resultados que os obtidos para o propio persoal da Xunta e concellos: anúlanse convenios directamente e impóñense as modificacións de xeito unilateral.

Aparte dos cambios nas condicións laborais e salariais estes orzamentos son tan agresivos contra as universidades que suporán a desaparición de moitos dos servizos que estaba a prestar até agora (como bolsas de investigación) e non se descarta que por este motivo haxa regulacións de emprego e despedimentos.

A sección sindical da CIG da USC, que vén mobilizándose por este motivo desde que se coñeceron os recortes previstos, denuncia que as universidades están experimentando unha perda constante de estudantes pola crise económica e alerta de que xa se aprecian impagos dos segundos prazos das matrículas. A selección económica do estudantado tamén se consolida coa baixada de bolsas e a elevación dos requisitos para a súa adxudicación.