Máis que CIG-Autonómica

[CIG] A Xunta despide masivamente a traballadores/as dos centros públicos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. A decisión chega logo do preaviso para as eleccións sindicais e vai supor o desmantelamento das entidades dedicadas a I+D+i.

A CIG-Autonómica denunciou publicamente o desmantelamento que a Xunta de Galiza está a levar a cabo das fundacións creadas polo bipartito destinadas á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. O goberno galego vai despedir a máis de 100 traballadores/as destes centros, recoñecendo explicitamente a improcedencia dos mesmos, sen garantir a continuidade da actividade. As notificacións comezaron a chegar logo de que a CIG preavisara da celebración de eleccións sindicais o pasado mes de setembro.

O responsábel da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot, acompañado por Alexandre Prieto, membro da Xunta de Persoal por Pontevedra, Anxo Anta, representante da Xunta de Persoal de Servizos Centrais, e Suso Baleato, ex-coordinador de Mancomún, denunciou a “vulneración dos dereitos sindicais” dos traballadores/as dos centros dedicados á investigación tecnolóxica que a Xunta de Galiza está a levar a cabo.

Pouco antes de mediados de setembro, a CIG deu o preaviso de eleccións sindicais nestes centros. A partir desa data comezaron as comunicacións de despedimento con dúas modalidades: ceses inmediatos nos que a Xunta recoñece a improcedencia dos despedimentos e ofrece as correspondentes indemnizacións de 45 días por ano traballo e, noutros casos, notificacións certificadas sobre a finalización de contratos por obra e servizo o próximo día 31 de decembro.

“Estamos convencidos de que parte  destes despedimentos son unha forma de castigar a aquelas persoas que amosaron interese por participar nas eleccións sindicais escollendo a CIG para representalas, pero tamén é un método para eliminar calquera tipo de desenvolvemento tecnolóxico en galego e para Galiza”, criticou Gallardo.

Desmantelamento dos servizos

Os despedimentos afectan a técnicos de distintos centros de traballo, dos que pola súa importancia pódese destacar tanto o CESGA como a Fundación Calidade. Como consecuencia destes despedimentos, desaparecerían tamén outros servizos impulsados polo bipartito como o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), diversos programas de I+D+i como o IMAN, dedicados a evitar a fuga de cerebros, de apoio ás empresas ou de busca de financiación na Unión Europea. Entre os servizos afectados estaría tamén á Rede de Dinamización da Sociedade da Información, deixando sen servizo a máis de 45 telecentros ubicados en distintas comarcas do país.

A respecto de Mancomún, Suso Baleato destacou o recoñecemento internacional que tiña recibido pola ONU e a Unión Europea como centro de referencia na promoción do software libre dende a administración pública. Co desmantelamento de Mancomún, Galiza tamén vai perder 2 millóns de euros en subvencións europeas que deixarán de tramitarse e en contratos con PEMES que xa non se poderán levar a cabo.

Incumprimento do programa electoral

Neste senso, Alexandre Prieto lembrou que no seu programa electoral, o PP comprometíase a aplicar estándares abertos e software libre na administración e a promover a súa implantación na sociedade galega. Non obstante, unha das primeiras medidas que adoptou Feijoo ao chegar ao goberno foi adxudicar 5 millóns de euros para licencias, dous deles ao xigante Microsoft.

Tamén lembrou o aforro de custos que suporía a utilización do software libre e a necesidade de que sexa a propia administración a que impulse a extensión do seu uso ás empresas e ao conxunto da sociedade. Ademais, denunciouse a hipocrisía do Goberno galego ao criticar o recorte nos Orzamentos Xerais do Estado das partidas destinadas á innovación e desenvolvemento en tempos de crise, mentres desmantela os centros e programas que para tal fin se puxeron en funcionamento no nosos País.

Pola súa banda, Anxo Anta referiuse aos efectos que a decisión vai ter sobre as diferentes unidades administrativas relacionadas con I+D, que teñen encomendas de xestión por realizar, pero que agora non van poder cumprir ao despedirse o persoal encargado de tales tarefas.

Outras novas recentes

Xoves, 18 Mai 2023

Acordo FISP (borrador 16/05/23)

A Dirección Xeral de Función Pública remitiu aos sindicatos unha nova versión do "Acordo de Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública". Aceptaron varias alegacións sindicais sobre o primeiro borrador (que eran erros de bulto). Temos novo período para alegar este segundo texto, ata o 24 de maio, e esperemos ter ao menos unha mesa de negociación coa consellaría de...
Xoves, 25 Mai 2023

RPT de Augas de Galiza (para MX 29/05/23 e CP 30/05/23)

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal que serán, respectivamente, o luns 29/05/23 e martes 30/05/23, coa seguinte Orde do día: RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE AUGAS DE GALIZA Descargar Esta modificación comezou a súa tramitación cos sindicatos o 4 de outubro do 2022. Case oito meses...
Xoves, 18 Mai 2023

Modificación da RPT do SPIF de cara á funcionarización (en CP 16/05/23)

Na Comisión de Persoal do pasado día 16 de maio aprobouse a RPT de funcionarización do SPIF co voto en contra da CIG. Este foi un proceso que “comezou polo tellado” e dende a CIG sempre defendimos un proceso transparente, que facilitara toda a información que permitira ao persoal do servizo de incendios tomar a decisión de funcionarizarse ou non con tódalas garantías e...