Novas por contido

Un ambiente de represión, terror e acoso laboral. Este é o resumo do ambiente laboral descrito no informe oficial emitido dende a Inspeción de Traballo sobre os despedimentos masivos de persoal dependente da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Administrativa dende que Mar Pereira fora nomeada a súa máxima responsábel. En base a este informe, o Xulgado do Social número un de Santiago de Compostela declarou a nulidade dos despedimentos denunciados, dándolle así á razón ás reiteradas denuncias que nos últimos meses vimos facendo dende a CIG-Autonómica.

Represión laboral e represión sindical

Nesta recente sentenza, a Xustiza recoñece que os despidos tiveron como causa real a persecución sindical e a represión laboral nos centros de traballo. Trátase do personal contratado nos distintos Centros Tecnolóxicos e de I+D que foran postos en marcha durante o bipartito e que comezaron a ser desmantelados ou privatizados coa volta a San Caetano do Partido Popular. Entre outros a xustiza dalle a razón aos traballadores e traballadoras de centros tecnolóxicos como Mancomún, a Rede de Dinamización e os distintos centros e proxectos de I+D+i.

Despilfarro e nova adxudicación de licenzas

Dende a CIG-Autonómica lembramos tamén o alto custe económico que estes procesos xudiciais supoñen para a cidadanía. Así, os gastos estimados resultantes de sumar as indemnizacións, taxas, gastos de asesoría xurídica e representación así como as improcedencias suporán un custe aproximado de 1 millón de euros.

Asímesmo é preciso lembrar as perdas derivadas polos cambios na xestión dos centros tecnolóxicos, das que son boa representación os 2 millóns de euros en axudas europeas que se perderon debido ao desmantelamento Mancomún. Tamén relacionado co software libre, compre sinalar que este despilfarro pode constatarse coa política de licenzas de software onde o Partido Popular adxudicou a traverso de Mar Pereira mais de 6 millóns de euros en licenzas de programas como Windows ou Office, que outras administracións están substituíndo por alternativas libres gratuítas como Ubuntu ou OpenOffice.

Neste sentido a CIG-Autonómica denuncia que a pesar das promesas de ter unificado a compra de licenzas nun único contrato, o pasado venres 5 de novembro a Secretaría Xeral de Modernización adxudicou 800.000 euros en novas licenzas para o "software de base" deste mesmo organismo. Desta forma Mar Pereira deixa blindada a entidade que dirixe contra o software libre durante alomenos tres anos. Non resulta posible outorgar a máis mínima credibilidade ás promesas dunha persona que fai o contrario do que dí públicamente.

O Partido Popular ofrecía no seu programa eleitoral a promesa do uso do software libre. En troques de inxectar unha cantidade inxente de fondos públicos nunha situación de crise a empresas privadas, de cumpriren o seu programa so faría falla unha pequena cantidade para obtermos unha verdadeira promoción dun tecido productivo propio ligado ao desenvolvemento de software, ás necesidades de instalación e de mantemento. Pero non, todo ese diñeiro vaise para xerar emprego fora do país. E sempre sen esquecer que o argumento do recorte salarial dos empregados públicos o xustifican coa reducción de ingresos e a necesidade política de contención do gasto.

A CIG esixe a dimisión de Mar Pereira

Dende a CIG-Autonómica, lembramos que a persecución por causas políticas ou sindicais é unha inxustificabel agresión contra a liberdade de opinión e de expresión, que por estar tipificada como delito no Código Penal podería ser causa de inhabilitación para o exercizo de cargo público. Todos os despedimentos considerados nulos tiveron lugar baixo a xestión de Mar Pereira, única responsabel política dos feitos denunciados.

No que se refire á política tecnolóxica, a Secretaria Xeral de Modernización non cumpriu a día de hoxe nin un só dos seus compromisos. Máis alá deso, resulta evidente que as adxudicacións reiteradas e masivas de licenzas de software contradín as promesas de implantar o software libre realizadas públicamente por ela, que desta forma queda completamente desacreditada para o cargo que ostenta.

Por todos estes motivos, dende a principal central sindical do país esiximos a destitución de Mar Pereira e a designación dunha persona competente para asumir as importantes funcións deste organismo.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...