Novas por contido

Na última Mesa Xeral e Comisión de Persoal debatéronse e votáronse os seguintes puntos:

  • estatutos do AGADIC

  • modificación da RPT de Medio Rural

  • modificación da RPT de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria

De novo, a documentación da Comisión volvérona a mandar cando aínda non tivera lugar a Mesa Xeral, o que di moito sobre a importancia que lle da a Administración á negociación colectiva.

Estatutos do AGADIC

Na Mesa Xeral a CIG expón o seguinte

- Hai uns apartados dos estatutos que están numerados con letras “j” e “k”. Xustifican que é porque se vai facer tradución ao castelán e iso producirá inseguridade xurídica. Isto amosa un complexo de inferioridade, supeditados ao castelán. Como alternativa, que utilicen números en troques de letras.

- Contratación de persoal propio:

  • O AGADIC, a diferenza doutras axencias, reservase o privilexio que lle da a LOFAXGA de ter persoal propio. Lemos un texto da resposta que nos deron dende AGADIC ás nosas alegacións escritas: “Excepcionalmente tamén se fan contratacións de duración determinada en previsión do artigo 15 do Estatuto dos Traballadores, principalmente en réxime de interinidade, ben para substituír a traballadores con dereito á reserva de posto de traballo ou para cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a súa cobertura definitiva. Tamén resulta posible para a realización de obras ou servizos determinados non relacionados coa actividade artística, aínda que o emprego desta modalidade resulta prácticamente inédita”.


  • Poderíamos aceptar que a axencia puidese contratar persoal propio limitado exclusivamente ás contratacións artísticas. Pero do resto negámonos.


- Xefatura de persoal: din que a lei de creación da axencia establece que o director da axencia exerce a xefatura de persoal. O artigo 17 da LFPG di que “correspóndelles ás conselleiras ou conselleiros: 1. Exercer a xefatura do persoal do seu departamento e a súa inspección”. O director da axencia ten rango de “director xeral”, polo que se está a rebaixar a xefatura de persoal nestes “entes”.

- Comisión de control de contratacións fraudulentas e externalización de servizos: din que non vén a conto coa comisión de control dos estatutos e vanse pola tanxente dicindo que a que propoñemos nós non ven recollida en ningunha norma. Pois queremos que conste nesta norma. E danos igual que o metan como competencia da comisión de control ou cren unha nova. O caso é que estamos fartas e fartos de sentenzas xudiciais sen que as persoas que o permiten ou o promoven teñan ningún tipo de responsabilidade.

- Condicións de traballo e réxime retributivo: Se estivemos en contra da LOFAXGA, seguimos estando en contra do seu desenvolvemento. Xa que logo, non queremos que o ente poida regular produtividades e avaliación de desempeño.

O director xeral de Función Pública dille á consellaría competente de ter unha xuntanza o luns, 28 de maio, previa á Mesa Xeral para aclarar algúns aspectos no tema das contratacións  e a selección de persoal. Descarga texto definitivo.

Na Comisión de Persoal a CIG expón o seguinte:

Aínda que modificaron o texto nalgún dos puntos máis polémicos (posibilidade de contratar o AGADIC sen ter en conta as listas de substitucións e sen ser contratos de artistas), non atenderon parte das nosas alegacións. A Axencia queda configurada con persoal laboral da Xunta e sen posibilidade, excepto o comentado, de ter persoal propio.

A CIG abstense. CCOO abstense. UGT e CSIF votan a favor.


RPT de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria

A motivación que da a Dirección Xeral de Función Pública desta RPT é que faltan postos para a elección de destino, o que lles obriga a facer o cambio. A modificación a fixeron eles, non a consellaría.

Na Mesa Xeral a CIG expón o seguinte:

Non nos gusta pero non hai alternativa. Isto é consecuencia das amortizacións e do excesivo tempo que duran os procesos selectivos, onde o que ofertan nun ano non coincide co que teñen dispoñíbel anos despois. Lembramos que hai que solucionar un problema cunha praza no arquivo de Pontevedra e pedimos a mesma celeridade coa que abordaron esta modificación.

O director xeral da Función Pública informa que en xuño será negociada a RPT íntegra da parte correspondente a Cultura. En canto á falta de postos xustifica con que isto vén motivado polas adscricións por causas de saúde.


RPT de Medio Rural e Mar

A Dirección Xeral de Función Pública explica que é o mesmo que o anterior

Na Mesa Xeral a CIG expón o seguinte: non é o mesmo. O problema son os atrasos nos procesos + amortizacións + adscricións... Non estamos conformes á apertura dun posto a varias categorías (non ten sentido que para un posto lles sirva tanto un peón como un fontaneiro, por exemplo). Preguntamos que criterios seguiron para decidir as prazas que querían modificar. Tamén preguntamos pola orde de prelación á hora de optar a un posto xente de distinta categoría. Non habería este problema se non houbese tanto atraso nos procesos. A solución é crear postos, non recualificar.

Na Comisión de Persoal (agrúpanse os dous puntos anteriores) a CIG expón o seguinte:

Despois de reiterar que non é o xeito adecuado e que deben crear os postos, o feito de que agrupen nun só punto da orde do día algo que foi separado á Mesa e onde nos íamos pronunciar de xeito distinto fai que a CIG se absteña. As outras OOSS tamén se absteñen.



Outras novas recentes

Luns, 12 Mai 2025

Borrador para a revisión de acordo do persoal veterinario

Dende a vicesacretaría xeral da Consellería de Sanidade veñen de convocarnos ás catro organización sindicais asinantes do acordo para a ordenación e mellora da prestación de servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galicia a unha xuntanza previa o vindeiro venres día 16 de maio sobre a proposta de modificación do dito acordo para súa negociación. Para iso...
Venres, 09 Mai 2025

Concurso ordinario escalas enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos técnicos e ciencias

Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal veñen de comunicarnos que, o vindeiro día 12 de maio, luns publicarase no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se farán públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de...
Martes, 06 Mai 2025

RPT´s: modificación de varios postos da RPT de Administración xeral e especial, Presidencia e Sanidade-SERGAS

Para a Comisión de Persoal do día 08/05/2025 Función Pública pretende facer unha modificación de varios postos da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza consistente en incardinar postos existentes conforme ás escalas e especialidades dos corpos de persoal funcionario da Administración xeral e de Administración especial. Tratase dunha modificación de...