Novas por contido

A CIG reclama medidas inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias, e un servizo público único, de xestión directa e dependente da Xunta de Galiza, para traballar na prevención e respostar ás multiemerxencias do medio natural e rural durante  todo o ano.

Un total de 29 localidades de todo o país acolleron o 21 de agosto mobilizacións multitudinarias convocadas pola plataforma "Por un monte galego con futuro" para rexeitar a política forestal do PP, que queima os nosos montes e as nosas casas, e en solidariedade coas persoas afectadas pola actual vaga de lumes e co persoal do dispositivo contra incendios. 

A CIG  demandou solucións inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias do desastre medioambiental e urxe medidas para que o que estamos a padecer estes días non volva a acontecer.


A plataforma —integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións; e que naceu en 2018 para promover varias ILPs de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último plan forestal aprobado pola Xunta de Galiza— fixo público un manifesto no que lle traslada a súa solidariedade tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios.

Tamén denuncia que esta traxedia ambiental, social, cultural e económica que están a provocar os lumes ten como causa directa o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido, que son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste senso, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta de Galiza para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida.

Lembran que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (Pladiga) é unha ferramenta inútil, que foi aprobada sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural. 

Finalmente, inciden en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as unidades de xestión forestal (Uxfor).


 

Solucións inmediatas

A CIG, que fai parte da plataforma, esixe a dotación dunha partida económica urxente que permita aplicar solucións inmediatas para as persoas e os bens afectados pola vaga de incendios. Sinala que as mobilizacións teñen que servir como expresión de solidariedade do pobo galego con quen padece os danos e con quen loita contra o lume, mais tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite que algo así volva suceder.

Denunciou que os incendios que ano tras ano afectan o noso país son consecuencia directa da polvoreira na que se ten convertido o monte galego pola política do PP de entrega do rural a intereses especulativos que provocan a destrución das actividades económicas produtivas que favorecen o asentamento da poboación nestas zonas. Unha poboación rural que se atopa totalmente abandonada polas administracións públicas.

Ao mesmo tempo, urxiu un plan de choque con accións inmediatas nos terreos queimados para evitar a erosión dos solos e procurar o antes posíbel a súa restauración, así como impedir a chegada de cinzas e outros contaminantes aos ríos e ás rías.

E demandou a creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta de Galiza, composto por profesionais adecuadamente formados en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias, que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano. 

Finalmente, adiantou que esixirá a depuración de responsabilidades a todos os niveis polo que está a acontecer, comezando polas administracións públicas; e insiste en que estas protestas, e as que se poidan convocar nos vindeiros días, teñen que servir tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite novas vagas de lume no futuro.

 

Outras novas recentes

Venres, 29 Mai 2026

Inacción da Xunta ante o risco do radón

A CIG esixe transparencia inmediata sobre os resultados das medicións do radón A CIG denuncia publicamente a gravidade da situación no edificio dos Xulgados das Cigarreiras, na Coruña, dependente da Xunta de Galiza, onde existen sospeitas fundadas de que os niveis de radón poderían ser moi elevados, poñendo en risco a saúde do persoal. As medicións foron feitas con data...
Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Xoves, 04 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do segundo semestre de 2026

No DOG do 04/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Convocan as actividades formativas que figuran no anexo II,...