Novas por contido

A CIG fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar en cidades e vilas de todo o país este xoves 21 a partir das 20:00h

A plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’ convoca mobilizacións para denunciar que a actual vaga de incendios que está a padecer Galiza é consecuencia directa da política forestal do PP, unha política forestal que, tal e como recolle o lema escollido para as protestas, “queima os nosos montes e as nosas casas”. A CIG, que fai parte da plataforma e que tomou a iniciativa de impulsar a convocatoria, fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar este xoves 21 de agosto por todo o país a partir das 20:00 horas.

Con estas protestas en resposta á “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que provocan os lumes preténdese evidenciar que entre as múltiples causas que están na súa orixe, como a mudanza climática, o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido son as que máis inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Con esta iniciativa tamén se quere denunciar que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.

A plataforma -integrada por máis de medio cento de colectivos, asociacións e organización- aproveitará ademais as mobilizacións para trasladarlle a solidariedade do pobo galego tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”. Polo que insiste na necesidade de contar cun Servizo Público de Bombeiros/as Forestais “coa dimensión necesaria para atender a realidade existente”.

Finalmente, incide en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.


LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS

-A Coruña, 20h, Obelisco.

-Allariz, 20h, Campo da Barreira.

-Betanzos, 20h, Praza da Constitución.

-Cangas, 20:30h, diante do Concello.

-Carballo, 20h, Praza do Concello.

-Celanova, 20h, Praza Maior.

-Compostela, 20h Praza Roxa.

-Ferrol, 20h, Edificio da Xunta.

-Lalín, 20:30h, Praza da Igrexa.

-Lugo, 20h, Edificio da Xunta.

-Melide, 20h, Praza do Convento.

-Monforte, 20:30h, Praza de España.

-Monterroso, 20h, diante do Concello.

-Noia, 20h, diante do Concello.

-O Porriño, 20h, distrito forestal (Multiusos de Torneiros).

-Ourense, 20h, Praza Maior.

-Padrón, 20h, diante do Concello.

-Ponte Caldelas, 20h, Alameda.

-Pontevedra, 20h, Praza da Peregrina.

-Ribadeo, 20h, diante do Concello.

-Ribeira, 20h, Praza do Concello.

-Verín, 20h, Praza do Concello.

-Vigo, 20h, Farol de Urzaiz.

-Vilagarcía, 20h, diante do Concello.

-Vilalba, 20:30h, Praza da Constitución.

-Viveiro, 20h, diante do Concello.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...