Novas por contido

Alertamos de que se están a facer chamamentos en plena vaga de lumes sen tempo para formar en prevención.

Dende a CIG-Autonómica denuncia a caótica xestión da Xunta de Galiza en materia de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), até o punto de que a día de hoxe aínda non se coñecen nin as vacantes que están por cubrir.

Temos datos de chamamentos en referencia ao aviso das coberturas que se van realizar, pero non sabemos cal é o criterio de cobertura, cantas prazas en total hai vacantes e se quedan prazas sen cobertura.

Lembramos que ano tras ano a CIG esixe a cobertura de todas as vacantes do SPIF antes de que comece a campaña para que dea tempo a formar nas tarefas do posto e en prevención de riscos laborais ás novas incorporacións e para que poidan coñecer minimamente a operativa do dispositivo.

Mais a Xunta vén de facer os últimos chamamentos de persoal o pasado venres 15, que constitúen os números 16 e 17 desta campaña dende que os chamamentos comezaron no mes de abril. Nesta ocasión cubríronse 198 baixas (non vacantes, senón substitucións) que non sabemos cando se xeraron, cando comezaron e por que non se cubriron antes.

Estas prazas cubriranse mediante as listas de contratación, polo que tal e como están as listas na actualidade moitas das persoas que van ser chamadas non teñen experiencia previa en lumes forestais e van a entrar cun dispositivo desbordado, colapsado, co persoal esgotado e coa presión psicolóxica de perigo e de risco grave debido á gran cantidade de lumes e do seu tamaño entre outras cousas porque xa se rexistráron máis de 20 grandes incendios forestais, algúns deles os maiores en superficie dende que hai datos, e temos 60.000 hectáreas queimadas só na provincia de Ourense. E todo isto cando aínda resta máis dun mes para que remate o período máis perigoso para a extinción dos lumes segundo as estatísticas.

Chegamos a isto porque dende a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural negáronse a cubrir os postos vacantes e non vacantes antes da campaña de incendios a pesar de que as persoas expertas e a representación do persoal alertamos de que ía ser unha campaña difícil e que se tiñan que cubrir as prazas do persoal.

Queremos tamén denunciar que a Xunta intente responder ás críticas incluíndo no operativo contra incendios a persoal dos GES, Protección Civil, e membros dos distintos corpos policiais e militares. Cando se trata dos datos do SPIF, a realidade é que o Servizo conta con 2.888 persoas, entre bombeiros/as, vixiantes-emisoristas, axentes forestais ou persoal técnico, mais descoñécense canta prazas hai cubertas en realidade.

Existe un total de 458 axentes ambientais e enxeñeiros/as técnicos/as (directores técnicos/as de extinción, unidades de investigación, etc). Mentres que o resto do dispositivo (bombeiros/as, motobombistas ou vixiantes-emisoristas) está integrado por 2.430 persoas; destas, 1.434 son funcionarios/as e 996 laborais (a maioría persoal fixo-descontinuo que este ano traballará oito meses como máximo).

Trátase do persoal que ten funcións directas no operativo de incendios, entre o que non se inclúe o persoal de dirección e administrativo, os postos base, os codificadores e os oficiais de maquinaria do parque de vehículos.

 

Sen previsión nin planificación


A esta problemática hai que engadir as eivas na xestión dos propios medios materiais, xa que a mobilización de medios dende o norte de Galiza para os incendios de Ourense faise co peor material (especialmente motobombas, que tardan en chegar á área de incendios até tres horas, polo que o tempo de traballo efectivo na extinción se reduce ao destinar a maioría da xornada ao desprazamento).

Por outra banda, dende a CIG reclamamos que se axusten as quendas de traballo e que o persoal desprazado pernocte na zona para ser máis efectivo e poder descansar entre quendas. A CIG está a intentar abordar este asunto coa Dirección Xeral de Defensa do Monte, pero non obtivemos resposta. Tamén consideramos importante que o relevo se faga de forma organizada e que funcione o avituallamento e a substitución do material danado: quéimanse mangueiras e avaríanse as bombas de extinción, e sen equipos de seguridade e EPI en condicións aumentan os riscos. Levamos 15 días de vagas de lume xa tiñan que ter isto arranxado, pero a previsión e a planificación son nulas.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...