Novas por contido

Inciase coa presentación do conflicto colectivo no ámbito do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galiza

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F anunciaron publicamente este luns o inicio de accións legais conxuntas para reclamar a paga extra do ano 2012. A CIG subliña que se actuará en todos os ámbitos nos que teña capacidade legal e agarda que coas accións xudiciais que se poñen en marcha en Galiza, tanto para o persoal laboral como funcionario,  os gobernos central e galego tomen nota e rectifiquen canto antes repoñendo o dereito constitucional de todas as traballadoras e traballadores a recibiren a paga extra.

A CIG considera que os gobernos non deberían agardar a que os distintos xulgados ou organismos xudiciais vaian ditando sentenzas favorábeis nos distintos ámbitos no que se teñen que facer reclamacións.

As distintas organizacións con presenza na Mesa Xeral de Negociación de todo o persoal da Xunta de Galiza explicaron que o persoal laboral ten un ano para presentar as reclamacións por cantidades. En todo caso, subliñouse que conta co instrumento do Conflito Colectivo, que permite reclamar para todo o colectivo afectado e concede lexitimación para actuar aos sindicatos.

Por iso, e para utilizar a fondo todos os instrumentos posíbeis, anunciaron a presentación de conflito colectivo no ámbito do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, salientando que neste momento existe xa a providencia  da Sala da Audiencia Nacional onde valora a posíbel inconstitucionalidade da Lei 20/2012 e unha sentenza da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid na que se repón parte da paga extra. Esa non é a sentenza que queremos, pero supón en todo caso un avance.

No resto dos ámbitos estarán á espera de ver como van evolucionando as cousas en función dos pronunciamentos xudiciais que se vaian obtendo.

Máis complicado para o persoal funcionario

Para o persoal funcionario e estatutario a situación é moito máis complicada e os prazos máis longos, xa que se poden presentar reclamacións por un período de 5 anos. Porén, os sindicatos non teñen lexitimación para actuar en nome dos empregados e empregadas en reclamacións por cantidades. Isto pode facer que calquera acción desenvolta polas organizacións sindicais podería resultar non admitida por falta de lexitimación para actuar en nome dos recorrentes.

Xunto a isto están, por unha banda, os problemas das costas, que poden significar un grave castigo para o recorrente no caso de non ver aceptada a súa reclamación e, pola outra, o problema de que calquera reclamación terá efectos xeneralizábeis só para o ámbito territorial da sala que se pronuncie.

Por iso, as distintas organizacións sindicais acordaron interpor demandas referidas ao persoal funcionario da Xunta, SERGAS e Ensino nos distintos ámbitos. Serán presentadas, a título persoal, por representantes das catro organizacións sindicais, das que se fará constar a súa condición na presentación da demanda. Neste caso, primeiro presentarase unha reclamación previa e, esgotada a vía administrativa, irase ao contencioso. Intentarán que unha vez haxa unha sentenza favorábel, esta se estenda ao conxunto do persoal.

Aconsellamos que non se presenten recursos individuais á espera do resultado final das reclamacións e dos recursos que van presentar as organizacións sindicais, pois de ser positivos cada un de nós tería tempo para a iniciar o proceso, cinco anos desde o ingreso da nómina do mes de decembro.

Outras novas recentes

Martes, 24 Febreiro 2026

Criterios de reparto do FAS 2025 (borrador 24/02/2026)

Dende a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais remitíronnos hoxe 24 de febreiro o borrador dos criterios de reparto do fondo de acción social 2025, para que formulemos alegacións, con prazo até o 27 de febreiro ás 14 h. Posteriormente, seremos convocadas á correspondente xuntanza. Se queres facernos algunha achega sobre esta nova edición do mal chamado...
Mércores, 18 Febreiro 2026

Concursos de persoal educ. infantil-aux. coidador e PSX-xerocultores/as (MSF 18/02/26)

A Xunta teima en primar a adaptación ao Fides do Sergas para a tramitación dos concursos de traslados, aínda que para iso teña que sacrificar na nosa Administración o achegamento ao domicilio das fillas e fillos e persoas dependentes, así como a permanencia como mérito. Hoxe 18 de febreiro tratamos na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario o concurso de traslados de educ....
Xoves, 19 Febreiro 2026

Convocatorias de concursos de traslados: expertas lingüístas e escala técnica de estatística

No DOG do 19/02/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de expertos/as...