Novas por contido
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, comunicou ás organizacións sindicais que a Xunta de Galiza non pagará a parte da paga extra de 2012 non abonada indebidamente ás empregadas e empregados públicos mentres non dite sentenza o Tribunal Constitucional. As organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Función Pública de Galiza xa anunciaron, antes de comezar a xuntanza, que de non haber unha resposta favorábel avaliarían, de inmediato, as accións a pór en marcha.
 
A xuntanza coa conselleira celebrouse a petición das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral da Función Pública. Unha xuntanza que xa tiñan solicitado co director xeral da función pública desde novembro de 2013 e para a que non obtiveran resposta algunha.

O seu obxectivo era saber como pretendía a Xunta de Galiza dar cumprimento ás numerosas sentenzas que a obrigan a devolver a parte indebida da paga extra que non se abonou a todas as traballadoras e traballadores públicos. Sentenzas que xa saíron publicadas e que son favorábeis para o persoal laboral que depende de Portos de Galiza, do V Convenio da Xunta de Galiza, das tres universidades, tanto para o persoal laboral PDI como PAS, Seaga, Turgalicia ou CRTVG e persoal funcionario do SERGAS e Ensino, de momento.

A CIG instou a que se faga efectivo xa o pagamento dos salarios deixados de percibir e demandou que se deran instrucións para que todos os organismos e administracións dependentes da Xunta de Galiza procedan xa a facer esta devolución. Fixeron extensiva esta demanda aos concellos, onde tamén hai sentenzas favorábeis e denunciaron os custos que a vía xudicial está provocando á administración, que en moitos casos son superiores ao que custaría facer efectiva a parte correspondente á paga extra de 2012.

Malia isto, a conselleira de Facenda xustificou a súa negativa a acatar as sentenzas argüíndo que a decisión de non abonar a paga extra derivaba dun Real Decreto estatal que obrigaba á Xunta de Galiza a aplicalo e que tiñan orde do Estado de agardar a que se ditara sentenza firme do Constitucional.

Sinalou, ademais, que a Xunta de Galiza non pode pór en marcha ningunha iniciativa propia porque dependen das decisións que se adopten a nivel de Estado. Porén, si puido o goberno galego, presentar recursos a todas as sentenzas nas que cabía presentalo, tanto as referidas a persoal laboral como a persoal funcionario. E isto o facía mentres outras comunidades anunciaban que pagarían: como é o caso de Estremadura ou Castela e León.

Ante isto, na CIG denunciamos que é unha irresponsabilidade e un abandono das súas funcións como goberno galego depender das ordes que tome o goberno de Madrid. Tamén se lle reclamou que fixeran uso das competencias que ten o goberno galego e que se anunciou que, deste xeito, non queda máis remedio que abrir a vía das reclamacións individuais.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...