Novas por contido

Por unha banda (área de Cultura) temos varias decenas de postos base amortizados (12 ocupados) e pola outra observamos a creación dunha vicesecretaría xeral: a noite e o día. Estamos en crisi, como di o noso Presidente, pero parece que a crise non lle afecta por igual a todo tipo de postos. Tampouco lles impide abrir postos de libre designación a outras administracións nin por suposto seguir traendo asesores.

Peches de comedores escolares, amortizacións de postos administrativos en centros escolares, aumento do número de alumnos por aula, non substitución das baixas de profesores... son diversas consecuencias da política de austeridade e racionalización do gasto público da Consellaría de Educación. Porén, esta política de austeridade e racionalización non afecta para aos postos de persoal de confianza.

A proposta que nos presentou a consellaría en marzo é case igual a de xullo do ano pasado e non porque mudaran algo atendendo ás nosas alegacións, que non o fixeron. A diferenza está no montón de amortizacións que inclúen agora pola “aplicación da Lei de Orzamentos” co obxecto de retirar das RPTs os postos non dotados (os vacantes). Porén, tamén eliminan algo máis que postos vacantes: na área de Cultura un total de 12 ocupados dos que 2 persoas acabarán na rúa.

A xustificación de tanta eliminación deixase entrever nas seguintes verbas da memoria:  elimínase porque é “obxecto de contratación con empresas alleas”. O que estamos a vivir con esta RPT é a continuación dunha política de amortización de postos base, non só os que non son necesarios, senón postos cuxas funcións poden ser privatizadas . Así pois, na xestión de recursos humanos atopámonos con cada vez máis servizos con un ou dous postos dependentes e cunha pirámide que vai adelgazando pola base máis non na mesma proporción pola punta. As listas de contratación, as ofertas de emprego, as convocatorias  están paradas, pero non as contratas administrativas.

Porén non todo son eliminacións, tamén hai creacións, certo, e istas hai que financialas cos cartos das amortizacións porque a lei de orzamentos impide aumentar o gasto. O que non entendemos é que estas non podan financiarse coa racionalización na creación de postos de libre designación ou cos cartos que se aforrarían non traendo tanto persoal de confianza de fóra: asesores ou persoal funcionario doutras administracións.

Asesores docentes: a rpt fantasma

Na área de Educación non hai escalas propias como recordou o secretario xeral e nesto xustificou a existencia de preto de 100 asesores docentes nos Servizos Centrais da consellaría. A pesar de que denunciamos que parte destes asesores están realizando traballo administrativo, a consellaría negouno. O que non puido negar é que estes asesores figuran fóra de rpt e son por tanto incontrolables. Cobran polo seu posto de orixe e fan a labor que lles encomenda a figura directiva que os nomea. Estaría ben que a consellaría demostrase a mesta austeridade e rigor presupostario con esta rpt fantasma de postos a dedo.

Por se ista “escala docente” non fora suficiente, a consellaría sigue mantendo abertos a persoal funcionario docente un montón de postos que nada teñen que ver coa función educativa, como son os postos de xefatura de servizo de coordinación (antigas xefaturas territoriais).

Os postos abertos a outras administracións son máis caros

Nesta proposta de rpt vai a intención de pechar uns cantos postos exclusivamente á persoal funcionario da Xunta, todos de concurso. Pola contra, manteñen a gran maioría de postos de libre designación abertos a outras administracións. O paradigma da proposta é a apertura da Subdirección xeral de Equipamentos e Obras a persoal funcionario da Adminsitración local baixo a peregrina xustificación de que nun futuro se modificará a lei de administración local e as competencias de contratación nos centros as podería asumir a Xunta. Como todo o mundo sabe a lexislación de contratación administrativa ten nivel básico.

Ademáis de que cremos que na Xunta de Galiza hai persoal profesional dabondo para ocupar postos de nivel, hai un dato que é obxectivo: traer xente de fóra implica unha nova nómina. E os postos de libre designación non son precisamente os máis económicos. Vemos que para a consellaría, na liña do resto da Xunta, a confianza ten prioridade sobre o aforro.

Punto e aparte merece a cuestión de que a pesar de terlle solicitado á Función Pública o certificado de que se cumpre o límite do 5% de persoal en servizo activo doutras administracións como establece a Lei de Función Pública de Galiza, segue sen facilitalo. Iso por non falar dos problemas de reciprocidade con outras administracións como a local ou as universidades.

Experiencia como mérito, titulitis e outras formas de facer unha rpt ad personam

Outros aspectos que chaman a atención nesta proposta é a “experiencia” ou da “titulación” en Dereito como mérito en determinados postos (xefaturas de sección) da área de Educación. Curioso resulta que estes méritos non se lle valoran aos postos dos cales dependen e curioso tamén que non se valoren en postos similares da área de Cultura ou doutras consellarías.

Xa máis grave nos parece que a consellaría comente que se "trata de adaptar a rpt á situación real" e que "as persoas das que dependen teñen esa titulación". A mesma situación real que pretenden adaptar, por certo, abrindo unha xefatura de servizo a corpos especiais cando xa hai unha persoa nese posto. A rpt é unha ferramenta de ordenación de postos, non de persoas.

Recomendamos a formación en sustitución da experiencia, máis obxectivable e universalmente accesible. Ao mesmo tempo que recomendamos moderación nas titulacións como mérito e non poñela porque a persoa que ocupa ese posto a ten na actualidade.

Por outra banda, chama a atención a libre desginación da “sección de habilitación de nóminas” da área de Educación. En efecto, unha habilitación que manexa moitísimos datos, máis ca da área de Cultura (que é por concurso). Porén, o de manexar datos de especial protección para nós non é xustificación necesaria para ser por LD; de feito deixou de selo cando por defecto todas as xefaturas de servizo pasaron a selo. Cómpre destacar que os coñecementos específicos non se garanten cun sistema de provisión senón coa columna de formación ou titulación.

Traslados en diferido

Outro dos puntos polémicos desta rpt é que chega tarde, cando os cambios xa están realizados. Nesta rpt emanan 3 traslados de persoal: de persoal informático a AMTEGA, de algún persoal da SX de Cultura a Turismo e dalgún perosal da Dirección Xeral de I+D á Secretaría Xeral de Universidades.

O que toca poñer no papel a esta RPT é o último, se ben o traslado de persoal a Turismo adolece da mesma falta de rigor. En ambos casos houbo un traslado de persoas, non de unidades completas coas súas respectivas competencias e persoal. E para estes casos a Lei esixe un Plan de Ordenación de Recursos Humanos vía Consello da Xunta e non un acordo entre consellarías.

Para maior inri este "intercambio de cromos" crea mosqueo entre a xente dado que, usalmente, as persoas trasladadas son as últimas en enterarse e non soen participar no proceso. Cómpre destacar que o traslado da DX de I+D+I está xudicializado.

Outras novas recentes

Mércores, 06 Novembro 2024

A dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas fai auga en materia de prevención de riscos laborais

A CIG valora positivamente a oferta formativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático para o ano 2025 e solicita unha xuntanza extraordinaria e urxente do CSSL monográfica sobre a situación do Parque Nacional Illas Atlánticas en materia de PRL O 29.10.2024 tivo lugar unha nova xuntanza do CSSL da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (CMACC) co...
Venres, 08 Novembro 2024

Os servizos centrais do Consorcio, desprezados polo xerente & cía

Tras unha xuntanza entre a secretaria xeral técnica, o xerente do Consorcio e Función Pública, todas as traballadoras dos servizos centrais teñen que enterarse das súas datas de cese ao filtrarse a información. Que a transparencia non se lle dá ben ao Consorcio é coñecido por todos/as, pero están conseguindo acadar niveis espectaculares na súa incapacidade de xestión. Nesta...
Mércores, 13 Novembro 2024

Concursos-oposicións de estabilización de varios procesos: baremacións provisionais da fase de concurso

No DOG do 13/11/2024 publican as baremacións provisionais da fase de concurso de varios procesos de estabilización da Lei 20/2021 mediante concurso oposición: - Subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento. - Agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo agrupacións profesionais, escala persoal de mantemento....