Novas por contido

A marcha en defensa do emprego e por unha industria con futuro sae de Vía Norte ás 20.00 h

A Unión Comarcal da CIG de Vigo fai un chamamento á veciñanza a participar este mércores 12 na manifestación convocada en defensa do emprego e por unha industria con futuro fronte ás políticas que condenan a maioría social “á fame e á miseria”. A marcha, que coincide coa folga comarcal convocada en Ferrol, sairá de Vía Norte ás 20.00 horas.

O secretario comarcal da CIG de Vigo compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto ao secretario nacional do Naval e os responsábeis comarcais das federacións de Construción, Servizos e Químicas, para ofecer os detalles da mobilización que percorrerá as rúas da cidade este mércores 12 baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha insdustria con futuro”.

O secretario comarcal comezou a súa intervención facendo un repaso polas principais cifras que amosan a grave situación económica e de desemprego que padece a comarca viguesa. Neste senso, lembrou que nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medrou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade, aínda que insistiu en que os datos superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En canto ao número de afiliacións á Seguridade Social, o secretario comarcal da CIG de Vigo indicou que descendeu en 30.000 persoas dende 2008, cun ritmo de destrución neta de emprego de 5.000 postos de traballo anuais. “Isto fai que a taxa de risco de pobreza sexa cada vez maior na nosa bisbarra, superando xa o 16%, cinco puntos máis que ao inicio da crise”. Ao mesmo tempo, máis do 50% dos fogares chegan con dificultades a final de mes e máis do 12% con moitas dificultades.

Dende a central nacionalista culpan desta situación ás políticas que está a promover a troika (FMI, Banco Central e Comisión Europea) a nivel europeo “e que están a seren asumidas e executadas polos gobernos do PP en Madrid e Galiza”. Segundo denuncian, delas deriva en boa medida o desartellamento produtivo que padece a comarca, “estimándose xa nun 60% o número de empresas e factorías do sector industrial desaparecidas nos últimos cindo anos”.

Nesta liña, lembrou que a CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.

A continuación tomaron a palabra os resposábeis das federacións para facer un breve repaso das principais problemáticas que atravesan os distintos sectores produtivos na comarca de Vigo, con especial atención á crise do naval e da construción e a súa posterior repercusion no sector servizos. Diante disto, a CIG é partidaria de convocar unha folga xeral na comarca a finais de xuño ou a comezos de setembro e fai un chamamento a CCOO e UGT a sumarse á iniciativa.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar