Novas por contido

Nestes últimos meses coñecíamos dúas xefaturas territoriais que aplican criterios diferentes ao xeral e descontan as ausencias por razóns médicas inferiores a 3 días que non causan baixa.

Coa Lei de Medidas 1/2012 a Xunta foi pioneira en aplicar os recortes sobre as traballadoras e traballadores públicos. Un destes recortes, o de complemento de incapacidade temporal, foi dos máis polémicos no senso que supuña “ter que pagar por riba de enfermar” como berramos miles de nós durante as masivas protestas do ano pasado.

Froito desas protestas a Xunta tivo que suavizar a súa proposta inicial e subir do 60% ao 75% as retribucións nos 20 primeiros días de baixa e saír ao paso con declaracións de que deixaba fóra do desconto as ausencias puntuais por enfermidade sen baixa médica.

Posteriormente, unhas instrucións igualmente inxustas, e máis se cabe, xa que cargou por igual contra as incapacidades temporais sen ter en consideración as relacionadas con outras continxencias comúns como: as enfermidades crónicas ou dexenerativas, as de carácter infecto-contaxioso ou as de tipo psicolóxico ou psiquiátrico-invalidante, entre outras.

Outro dos grandes defectos destas instrucións foi non definir claramente os días máximos aos que se podía acoller o traballador nesa “ausencia por enfermidade sen baixa médica”. No proxecto inicial figuraban 2 días pero finalmente Función Pública eliminou o número exacto destes días. Informalmente recoñecíase que podían ser 3 en base tamén á Orde do 3 de maio de 1984 da Consellaría de Presidencia sobre a xornada de traballo, vacacións e licenzas (DOG 17/05/1984). A dita orde, que segue en vigor, recolle que a presentación do parte de baixa será obrigatorio en todo caso a partir do 4º día de enfermidade e cada 15 días.

A pesar da nosa insistencia, Función Pública deixou finalmente o dito apartado das instrucións do seguinte xeito tan pouco claro e que daba pé a que cada servizo de persoal se convertese nun reino de taifas:

Sen prexuízo da obriga de comunicar inmediatamente a ausencia, nos casos de horarios especiais, traballo a quendas e outras circunstancias valorables polo órgano competente en materia de persoal, esixirase xustificación médica desde o momento no que se produza a ausencia.

No caso de que estas ausencias non sexan xustificadas, procederase a efectuar o correspondente desconto de retribucións, previa comunicación ao empregado público.

Aínda así o director xeral de Función Pública insistiu que menos de 3 días de ausencia xustificada por motivos médicos que non implicara a necesidade de baixa non ía provocar desconto nas retribucións. Porén, nin nas instrucións nin tan sequera na acta da Mesa Xeral recollían nada disto.

Finalmente, na Comisión de Persoal 4 de maio, no que se votaron as ditas instrucións, conseguimos que se recollese en acta a dita interpretación que non quixeron poñer nas instrucións:

A persoa representante da CIG pide a suspensión da aplicación da Lei 1/2012, e manifesta consideracións en relación as presentes instruccións no senso da inclusión das enfermidades crónicas, ITs derivadas do embarazo, solicita que conste en acta “que os tres primeiros dias de ausencia derivada de causa médica do punto sexto non se vai a aplicar o desconto que se aplica en caso de Incapacidade temporal” O director xeral da Función Pública matiza que esto se produciria so no caso de estar xustificada esa ausencia mediante un informe médico, descontándose en todo caso, se non hai xustificación da baixa

A partir de entón as instrucións foron aplicándose, comezamos xa a apreciar a mordida nas nosas nóminas cada vez que tiñamos unha enfermidade que implicaba unha baixa. Os servizos de persoal viron aumentar a burocracia neste tema e tamén algunha que outra reclamación en base a descontos mal aplicados que axudamos a tramitar desde os nosos locais.

Entre estes descontos mal aplicados atópase precisamente o problema de descontar cando hai unha ausencia xustificada sen baixa médica de menos de 3 días. Estes descontos fóra das instrucións fixeron que dirixiramos un escrito ao director xeral de Función Pública e ante a falta de resposta que sacaramos o tema na Comisión de Persoal do 23 de xullo.

O que pedimos é que se apliquen criterios similares con relación ao días de ausencia por motivos médicos que non xeren IT, xa que xa son dúas as  xefatura territoriais (Área de Cultura en Pontevedra e Traballo e Benestar na Coruña) que esixen que ao faltar un día por causa médica se presente parte de baixa ou senón proceden ao desconto de haberes.

De momento temos o compromiso da persoa responsable da Área de Cultura para a aplicar a todo o persoal por igual o mesmo criterio e que cursaría instruccións ás xefaturas territoriais para que así fose. Non había representante de Traballo e Benestar na última Comisión de Persoal polo que procedemos a presentar escrito a parte do toque que lle debería dar o director xeral de Función Pública.

Xa advertiramos que dada a pouca claridade destas instrucións e a pesar das palabras no seu momento do director xeral de Función Pública, podían provocarse estes problemas. Estamos demasiado acostumados a contemplar privilexios nesta Administración, moitos deles froito da desregulamentación ou da mala regulamentación, privilexios que resisten os recortes e que como empregadas e empregados públicos non debemos consentir. O que xa é o colmo é ter que soportar agora os “antiprivilexios” dunha aplicación particular dunha mala norma e, aínda por riba, pouco clara. Por nós, claro está, podían meter a súas tesoiras normativas de podar noutros sitios, precisamente nos sitios onde están os cartos e os privilexios e non sobre a clase traballadora.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...