Novas por contido

O xoves, 1 de agosto, Presidencia colocaba un cartaz na entrada de Facenda para anunciar que o dito acceso permanecería pechado entre o 5 e o 31 de agosto. Esta entrada é usada maioritariamente para o acceso das traballadoras e traballadores públicos e para a comunicación do persoal da consellaría de Facenda coa ATRIGA.

Foron varias as traballadoras e traballadores que se queixaron por esta medida que é o primeiro ano que se toma. Desde a Xunta de Persoal non se tiña coñecemento desta decisión e púxose en contacto coa Secretaría Xeral da Presidencia e mesmo coa Secretaría Xeral de Facenda. Esta última aseguraba non ter coñecemento da medida e que unha vez preguntado lle dixeron que era por cuestións de "seguridade".

Desde a Xunta de Persoal, e conxuntamente co Comité de Empresa, criticamos nun primeiro momento a falta de comunicación cos órganos de representación ao implementar unha medida de servizos comúns que afecta non só ao acceso dos traballadores e traballadoras senón tamén ao normal desenvolvemento das súas tarefas. Por outro lado, o complexo administrativo de San Caetano ten o suficiente movemento e tamaño, aínda en agosto, para xustificar a apertura desta porta. De feito, na contrata do servizo de seguridade non se especifica nada de pehcar ningún acceso dos Servizos Centrais da Xunta nese mes, polo que se sobreentende que o dito servizo debe seguir sendo prestado con normalidade pola empresa.

Sen maiores explicacións, a persoa representante da Secretaría Xeral nos asegurou que cambiaron o criterio e que agora só se pecha o acceso de vehículos e que o de peóns seguiría aberto todo o mes no horario habitual. Cómpre destacar que anteriormente a Xunta de Persoal xa lle reclamara á Secretaría Xeral de Presidencia a ampliación do horario da apertura da dita porta no horario de inverno para facilitar a implantación flexibilidade horaria.

Por outra banda, insistimos que na medida en que se adopten cuestións novidosas respecto ao funcionamento dos servizos xerais dos edificios administrativos de Servizos Centrais se consulte e, canto menos, comunique aos órganos de representación das traballadoras e traballadores públicos.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Novembro 2026

RPT do Mar (centros de ensino) (26/11/26)

A Secretaría Xeral do Mar convocounos a unha xuntanza para o xoves 26 de novembro, para tratar unha proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo. A proposta afecta ás escolas oficiais nautico-pesqueira de Ferrol e Ribeira, ao instituto en acuicultura da Illa de Arousa e ao instituto marítimo-pesqueiro do Atlántico de Vigo. En todos eles crean postos de...
Xoves, 19 Novembro 2026

Aplicación do Decreto 37/2006 e listas definitivas de PSX e xerocultura

No DOG do 19/11/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura dos postos do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares...
Luns, 23 Novembro 2026

A CIG esixe que a Xunta faga o seu traballo e realice unha revisión integral dos niveis das persoas empregadas públicas

Na súa deriva discriminatoria cara ao persoal, a Xunta leva tempo facendo propostas de subas de niveis a cachos e onde lle peta. Vimos de rexistrar unha petición para que fagan dunha vez por todas un estudo serio da estrutura de postos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que está completamente obsoleta e cuns niveis mínimos inferiores a outras...