Novas por contido

Na Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos do día 1 de agosto de 2013, a Xunta preséntanos aos representantes dos traballadores o seu plan para importar persoas da empresa privada.

Só na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) a Xunta vai gastar 144.664,53 euros ao ano nos tres directivos, isto sen contar as retribucións variábeis que poden chegar ata o 14% das fixas.

Os tres directivos alleos á Administración traballarán na AMTEGA cobrando 6.000 euros máis ao ano que un/unha subdirector/a xeral.

Como xa anunciamos hai uns meses, é intención da Xunta encher de persoas afíns e procedentes da empresa privada esta Administración sen reparar en gastos, nun momento en que os recortes aos empregados públicos son notorios e o discurso da austeridade da Xunta é a mentira oficial deste goberno.

Nestes intres compre lembrar que isto é o froito lamentable das moitas "virtudes" da LOFAXGA e do EBEP, normas legais que foron aprobadas no seu día co único voto en contra da CIG.

Non entendemos agora que o resto de organizacións sindicais se tiren dos pelos despois de votar a favor dunhas leis que permiten todo isto. Unhas leis que desestruturan o emprego público e que permiten a privatización da Administración.

Ademais de ser a primeira vez na historia da Xunta na que se colocan persoas da empresa privada en postos de funcionarios, e do gasto excesivo que supón, isto constitúe un insulto aos/as funcionarios/as, especialmente aos do grupo A1 da Xunta, aos que indirectamente se lles está a considerar incapaces para asumir tarefas directivas.

A CIG manifestou nas súas alegacións ao Anteproxecto de Lei de Emprego Público o seu rexeitamento ao desenvolvemento da figura do persoal directivo e á pretensión de privatizar os postos de funcionarios/as, porén non agardan nen á súa aprobación.

Xa con anterioridade criticamos que no programa do PP para as eleccións autonómicas do 2012 se recollía esta posibilidade de colocar amigos e xente da empresa privada, cousa que Feijoo se apresurou a desmentir dicindo que se trataba dun erro. Feijoo mentiu e agora temos a proba.

Non se conforman con que a xente afín ocupe os altos cargos na Administración (secretarías xerais e direccións xerais) senón que os meten directamente en postos de funcionarios do A1.

E no aspecto retributivo, o sobrecuste en relación a postos de funcionario/a é tamén salientábel. No caso do xerente  51.786,50 euros máis as retribucións variábeis. Mentras que unha subdirector/a xeral, o posto máis alto ao que pode chegar un/unha funcionario/a cobra 46.265,14 euros. Un despilfarro de cartos mentras impoñen recortes aos empregados públicos.

Agora xa sabemos a onde van parar os cartos dos recortes, nin a manter a Educación, nin a Sanidade, nin a Dependencia senón ao peto dos/as amigos/as.

NOTA: No Boletín especial sobre a Lei de Emprego Público xa advertíamos sobre a implantación desta figura. Non esperaron a aprobar a lei porque nin tan sequera é necesario, outra cousa é os privilexios que esta lles outorgue a maiores (como a carreira profesional).

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar
Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....