Novas por contido

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, consonte ao acordado no último Pleno, vén de dirixir un escrito ao Presidente da Xunta co obxecto de revertir a lei de medidas unha vez cumpridos os dous anos da súa entrada en vigor, consonte ao disposto na disposición derradeira da propia lei.

No escrito, esta xunta de persoal manifesta o seguinte:

"Que a LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia leva en vigor dende o 3 de marzo de 2012.

Que o conxunto de empregadas e empregados públicos da Xunta de Galicia leva sufrindo unha serie de recortes sen precedentes dende a entrada en vigor desta lei, tales como a perda do complemento por incapacidade temporal, a perda do fondo de acción social, eliminación de días de asuntos persoais, o dereito á prolongación de permanencia no servizo activo, imposicións con respecto ao horario de traballo, a posibilidade de redución obrigatoria para o persoal interino e diversas modificacións unilaterais de determinados artigos do V Convenio Colectivo, entre outros.

Ademais desta serie de medidas que sufrimos o persoal da Xunta de Galicia, tamén hai que sinalar a perda de poder adquisitivo polo recorte do específico nas pagas extras de 2013 e 2014.

Así mesmo, hai que sumar a esta serie de medidas autonómicas as que o persoal da Xunta soporta por parte do Goberno Central, como foron a paga extra de 2012 e a diminución de días de asuntos persoais na normativa básica.

Non entanto, o propio Estado acaba de anunciar a recuperación dun segundo día de asuntos persoais a maiores do que xa outorgou a finais do ano pasado.

Esta lei de medidas sinala na súa disposición derradeira única “As medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos.”

Segundo se recolle nas propias notas de prensa da Xunta de Galicia, sen ir máis lonxe na que se asina en Panamá o pasado 19 de febreiro, o propio presidente da Xunta manifestaba que Galicia está a ser unha das comunidades máis solventes e máis seguras ao cumprir o déficit público no ano 2013 por debaixo do tope máximo autorizado polo Goberno de España, abondando posteriormente que Galicia está cun déficit por debaixo dos obxectivos fixados e que o leva cumprindo dende o ano 2009, sinalando que Galiza é unha das comunidades máis solventes do Estado, ademais de que a débeda pública, segundo fontes da Xunta, ficou 3,6 puntos por debaixo da media.

Tamén á conselleira de Facenda sinalou, nunha entrevista na Radio Galega o pasado 23 de marzo, que se ía proceder a revisar á alza as previsións de medre da economía galega para este ano 2014, estimada para o presente exercicio nun 0,8 %, xa de entrada unha décima superior á previsión do Estado.

Por todo o exposto, EMPRAZAMOS ao presidente da Xunta a que se revertan todas estas medidas ou cando menos sexan revisadas, debido a que xa se esgotou, o pasado 3 de marzo, o prazo de dous anos que establecía esta Lei de Medidas e debido tamén a que a mellora da situación económica e de déficit é moito máis sustentable que hai dous anos, segundo manifesta sempre a propia Xunta de Galicia."

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...