Novas por contido

A Comisión de Persoal do luns 30 de xuño aprobou as Ordes de Integración do persoal de diversos entes instrumentais da Administración Autonómica (Axencia Humanitaria de Galiza, Fundación Galiza-Emigración, Instituto de Estudos do Territorio, Fundacións Comarcais, Xestures, Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos). En días previos, a CIG presentara alegacións, e a Administración só acepta modificacións menores.

Como visión xeral, a CIG manifesta que:

  • Non se fixan os criterios para considerar si se da cumprimento ao requisito de publicidade (nós alegamos que as convocatorias deberían ter aparecido nun diario oficial ou en dous medios de comunicación de ámbito nacional galego).
  • Non se garante o mantemento de todos os postos de traballo (non se establece ese compromiso plasmado nas ordes de integración, nin se garante que non haxa perda de emprego público nin se garante que non haxa amortizacións posteriores, tanto do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza, como do procedente dos entes).
  • Non se establece a homologación salarial inmediata co V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza (nas nosas alegacións ao Decreto 129/2012 xa solicitamos a homologación salarial automática, tanto para os casos que están por riba das retribucións do V Convenio, como para os que están por debaixo).
  • Non se crea, a través desas ordes, como tampouco se fixo no Decreto 129/2012, unha comisión paritaria de carácter xeral para o control de todos os procesos de integración presentes e futuros.
  • Non se establece que a adscrición a todos os postos sexa con carácter provisional, e ademais se crea o agravio de recoñecelo para o persoal dalgúns entes e doutros non.

A maiores de todo isto, é de todos sabido a oposición deste sindicato á LOFAXGA e ao Decreto 129/2012 de integración, que temos recorrido no TSXG, o que, en consonancia con este posicionamento fai que non poidamos ter unha consideración positiva (ao que hai que sumar as cuestións anteriores) destas ordes que son froito dese decreto.

En consecuencia, a CIG vota en contra de todas as ordes.

Esta foi a postura comunicada pola CIG á Dirección Xeral de Función Pública para a negociación previa á Comisión de Persoal:

ALEGACIÓNS XENÉRICAS A TODAS AS ORDES DE INTEGRACIÓN

É de todos/as coñecido que esta central sindical se opuxo á LOFAXGA, lei que aposta por un modelo de Administración desbordante de entes instrumentais, e que non da solución aos problemas que tal tipo de Administración xera en relación ao recrutamento, selección de persoal e provisión de postos, dende unha óptica que respecte os principios de acceso ao emprego público recollidos no EBEP.

Ademais introduce dinámicas que, lonxe de unificar unhas condicións igualitarias e establecer unha política de recursos humanos única para toda a Xunta de Galiza, independentemente de onde presta o persoal os seus servizos, trata de solventar o problema creado polo Partido Popular no pasado ao crear entes con falta de transparencia e seguindo criterios alleos aos principios constitucionais que rexen o acceso ás Administracións Públicas, sen poñer punto final a estas situacións que poden seguir xerándose propiciadas pola propia LOFAXGA.

De igual modo a CIG ten recorrido o Decreto 129/2012 que regula o persoal dos entes instrumentais, e que ven a desenvolver regulamentariamente a LOFAXGA.

Con estes antecedentes, se nos presentan agora unhas ordes de integración que van recoller as eivas de transparencia da propia lei e do decreto que a desenvolve.

A CIG fai as seguintes consideracións ao respecto das ordes de integración:

1.- Crear unha comisión de seguimento paritaria formada pola Administración e os sindicatos representados na Mesa Xeral que vele pola legalidade vixente nos procesos de integración.

2.- Crear unha comisión de avaliación paritaria para cada un dos procesos de integración, onde, a maiores das secretarías xerais técnicas da consellaría afectada, participe a Dirección Xeral de Función Pública e os sindicatos representados na Mesa Xeral, para a avaliación das solicitudes presentadas. Esta comisión terá coñecemento dos recursos presentados en relación aos procesos de integración e da súa resolución.

Si se pode presentar nova documentación, aínda que sexa a instancia de parte, debese xeneralizar a partir de agora para todos os procesos que a xunta poña en marcha, xa que é un cambio de criterio. Outra cousa e completar ou emendar erros.

As comisións de avaliación paritarias, de cada un dos procesos de integración presentará unha proposta a comisión paritaria de interpretación do V Convenio Colectivo único para o Persoal Laboral da Xunta de Galiza, para que esta, no exercizo das súas funcións, propoña a integración nun grupo e categoría recollido no dito convenio.

O persoal adscribiranse a un posto con carácter provisional, ata a celebración do primeiro concurso de traslados para o persoal laboral da Xunta de Galiza, onde serán ofertadas ditas prazas e, logo da resolución do concurso, se lle ofertarán as prazas necesarias para a elección de destino definitivo.

As ordes de integración deben definir o número de anos para a equiparación aos salarios do V Convenio Colectivo. A CIG, cando se nos presentou o borrador do Decreto 129/2012, tiña alegado que a homologación salarial co V Convenio se debería establecer seguindo o principio de a igual traballo igual salario, dende o inicio.

A documentación aportada para constatar que se da cumprimento ao principio de publicidade terá que dar conta de que as convocatorias se fixeron a través dun boletín oficial ou a través de dous medios de comunicación de masas de carácter nacional galego. (non só a inserción nun taboleiro de anuncios).

3.-Os procesos de integración non poden supoñer perda de emprego público, o que implica que non se pode adscribir ao persoal a postos de traballo da Administración ou dos entes ocupados por persoal laboral, temporal ou indefinido da Xunta de Galiza, aínda que teñan estes a condición de vacantes. A tal fin todos os postos de traballo serán de nova creación.

Ao mesmo tempo, os postos que se creen na Administración da Xunta ou nos seus entes instrumentais non serán só os postos do persoal integrado senón a totalidade dos postos dos entes que se extinguen.

Nas ordes de integración ten que constar que non haberá amortizacións posteriores de postos de traballo, nin os de nova creación nin os ocupados por persoal fixo, temporal ou indefinido da Xunta de Galiza que sexan adscritos aos entes ou permanezan na Administración Xeral.

 

CONSIDERACIÓNS E SOLICITUDE DE ACLARACIÓNS SOBRE A ORDE DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL PROCEDENTE DE SODECO.

En relación á Orde de integración do persoal de SODECO, queremos unha aclaración xa que consideramos que se este proceso xa foi realizado para este persoal.

E tamén solicitamos que se aclaren as seguintes dúbidas en relación ao persoal integrado no IET:

No borrador da orde de integración faise mención a 3 momentos:
1.- Parágrafo 5. Adscrición do persoal de Sodeco ao IET (concluído)
2.- Parágrafo 6. Integración do persoal fixo de Sodeco ao IET (concluído)
3.- Parágrafo 7. Integración como persoal laboral da Xunta de Galicia (pendente)

Artigo 1º.- Obxecto e ámbito de aplicación
A condición de persoal integrado no IET xa leva implícito que estas persoas tiveron que pasar un proceso e o cumprimento duns requisitos. Estes requisitos son os mesmos que novamente se detallan no punto 1.3.
Tendo en conta isto, a día de hoxe, ao persoal o que se lle ofreceu e optou pola integración no IET, xa non se debería considerar persoal de Sodeco, debido a que xa pasou un proceso regulado polo decreto 244/2011 (momento 2)

Artigo 2º.- Exercicio do dereito de opción
Na liña do anterior, a documentación que se solicita, xa está en poder da propia Secretaría Xeral, xa que foi requerida no proceso de Integración no IET (momento 2)

  • Estes 2 puntos son contraditorios e redundantes.
  • Neste senso, debería aclararse cal é o punto de partida para o persoal Integrado no IET, no proceso de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.- Efectos da integración
Vemos que noutras ordes de integración, EPOSH, Xestures, Fundación Galicia Emigración ou Fundación Axencia Humanitaria, si se fai referencia no preámbulo o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais. (artigos 6b ou 7b do Decreto 129/2012)
No caso do persoal do IET non aparece ningunha referencia ao respecto.

  • Entendemos que o IET é un organismo adaptado a Lei 16/2010 (LOFAXGA) coa aprobación dos seus estatutos (decreto 244/2011) e como consecuencia o persoal procedente do IET encádrase no ámbito do Titulo I, Capítulo III, artigo 6b do Decreto 129/2012 e que cumpre os requisitos do artigo 9.1)
  • Este punto tamén debe ser aclarado, xa que en función do réxime que se lle aplique ao persoal, terá despois efectos a integración (artigos 13 ou 14 do decreto 129/2012)

Outras novas recentes

Venres, 15 Novembro 2024

A Xanela. Boletín especial de centros de ensino. Outubro/2024

Pomos a túa disposición este boletín especial dirixido ao persoal de administración e servizos nos centros de ensino. Descargar Facemos un repaso pola situación das diferentes escalas e categorías do persoal funcionario e laboral que traballa neses centros. Cada quen fala da feira como lle vai nela Prevención de riscos laborais nos centros de ensino. Roupa e calzado de...
Mércores, 13 Novembro 2024

RPT do Medio Rural (proposta 19/11/2024)

A Consellería do Medio Rural convocounos a unha xuntanza que terá lugar o día 19/11/2024 para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT).  Se resulta do teu interese, podes descargar a proposta. Para achegarnos o que consideres, contacta coa CIG.
Luns, 18 Novembro 2024

Posicionamento da CIG en relación aos méritos nas listas de persoal funcionario do SPIF

Como xa manifestamos na Comisión de Listas a CIG está conforme coa apertura de listas para as escalas de persoal funcionario do SPIF. Pero entendemos que os méritos de tempo traballado como persoal laboral non deben ser tidos en conta por tratarse de escalas con diferentes requisitos de acceso e diferentes titulacións. Iso foi o manifestado na comisión celebrada o 19 de...