Novas por contido

As RPTs de Traballo (centrada no persoal laboral), da Axencia de Turismo (ATURGA, que afecta a toda a axencia) e da Axencia de Infraestruturas (AXI, referente a dous postos) continuará o seu trámite na Comisión de Persoal o venres 10 de xullo, despois de pasar pola Mesa Xeral de Negociación o martes 7. E continuarán como xa nos ten acostumado o goberno de Feijoo: sendo un paripé, un trámite formal, sen cambios entre as dúas reunións.

RPT de Traballo

Na Mesa Xeral fixemos un repaso ás nosas alegacións presentadas nas xuntanzas previas. Por dar unhas ideas do manifestado:

  • Defendemos que os 63 postos que crean de fin de semana, sexan de xornada completa, algo que facemos extensivo aos postos de fin de semana xa existentes. Esto é necesario para a recuperación dos descansos e compensacións que nos roubaron. A proposta, que é insuficiente, non soluciona os problemas, e no seu lugar crea precariedade.
  • Os pluses que ofrecen son insuficientes. Entendemos que teñen que harmonizar os pluses nas diferentes residencias. Non conformes con que nalgúns servizos uns traballadores cobran pluses e outros non. Non estamos conformes que en servizos como RISGA ou Dependencia non estean a cobrar o plus de responsabilidade.
  • Esiximos que se modifique o criterio de elaboración de carteleiras ao dotar de persoal aos centros e que se elimine a obrigatoriedade de facer un mínimo de 1665h, xa que o convenio marca como máximo e non mínimo como ocorre hoxe en día.
  • Queremos data para recuperar os dereitos subtraidos do convenio colectivo.

A consellería, que non cambia a súa proposta, comprométese a que se van cubrir todas as prazas creadas. Respecto das xa existentes que están sen cubrir, non se compromete máis que a cubrir “os postos necesarios” (como se sobrase persoal).

Referente ás carteleiras, comprométense a que pasada a Comisión de Persoal (venres 10), achegarían novas instrucións de carteleiras para a súa discusión. Queren aplicar as novas instrucións nas carteleiras do 2016, pero que xa co novo persoal contratado os centros poderán modificar as vixentes do 2015.

Descargar a proposta de RPT de Traballo e Benestar que se vai discutir na Comisión de Persoal do 10/07/2015.

RPT de ATURGA

Defendimos a postura da CIG, xa presentada por escrito e tratada na xuntanza previa á Mesa Xeral. Recoñecemos que algunha cousa cambiou respecto da proposta inicial, pero para a CIG segue a ser insuficiente.

Acordo de condicións de traballo en oficinas de turismo:

  • Mantemos que hai diferenzas substanciais entre o tipo de cidadáns que atende cada oficina, incluidos horarios e meses de maior afluencia, o que debería ser razón suficiente para non aplicar un horario igual a todas as oficinas.
  • Conformes que o xefe de área provincial poida pechar os domingos de temporada baixa. Pero esa potestade podería ampliarse a que poida fixar un horario inferior, ou pechar fins de semana en temporada baixa.
  • Pasan o descanso en sábado e domingo de 1 de cada 2, a 1 de cada 3. Comprendemos que pretenden mellorar os descansos en fin de semana, pero advertimos que coa redacción actual queda peor, pois a frecuencia que diminúa non é a de traballar, senón a de descansar.
  • Ainda que reducen a 4 as horas que terían que traballar en 24 e 31 de decembro, esa redución non deixa de ser unha penalización. Mantemos a nosa petición de compensar con dous días a cambio.
  • Amplian o específico diferenciado a quenes acepten o acordo, que pasa de 68 euros mensuais a 150 euros. Ben polo incremento do específico diferenciado, pero insuficiente tendo en conta que van ter que traballar mañás, tardes, sábados e domingos.
  • O acordo vai ser voluntario. Incidimos na importancia que ten para que os traballadores e traballadoras o acepten que haxa concreción nas conversas coas administracións locais respectivas a fin de unificar oficinas locais e autonómicas e poder así dar satisfacción aos horarios de referencia. Resposta a axencia que xa teñen todo arranxado co concello de Ferrol e a deputación de Pontevedra, e que hai conversas que van por bo camiño con Vigo.

Inspectores Turismo: Mantemos que as características desta xente, que traballa en horarios que poden chegar á madrugada, inspeccións en lugares perigosos ou penosos, ben merece un recoñecemento por parte da Administración incrementando o actual nivel 22.

Creacións e amortizacions: Non apoiamos nin a creación nin amortización de postos de estrutura. Rexeitamos a creación dos dous postos de persoal directivo profesional.

Forma de provisión: Non queremos xefaturas de servizo, e inferiores, nin LD nin CE. Querémolas de concurso.

Administración: Non conformes coa apertura a docentes de dúas xefaturas de área, sen reciprocidade.

Méritos, requisitos e titulación: rexeitamos os méritos de experiencia, que limita a mobilidade voluntaria.

Bolseiros: A consellería ven contratando bolseiros/as para colaborar en temporada alta. Segundo a nosa información, o persoal bolseiro está a ser utilizado como persoal de reforzo contratado con baixas retribucións, obviando a formación. Solicitamos información e revisión das contratacións de persoal bolseiro. Tamén solicitamos que, se son necesarios reforzos en temporada alta, se proceda a contratar persoal das listas de substitucións.

Descargar a proposta de RPT de ATURGA que se vai discutir na Comisión de Persoal do 10/07/2015.

RPT AXI (AXENCIA GALEGA INFRAESTRUTURAS)

Queixámonos polo método da xuntanza previa, xusto o día anterior á Mesa Xeral. Conformes co cambio da titulación que pasa de ser requisito a ser mérito. Mellor se suprimen tamén o mérito, e queremos que apliquen o cambio tamén á outra sección que se mantén como requisito.

Descargar a proposta de RPT de AXI que se vai discutir na Comisión de Persoal do 10/07/2015.

Outras novas recentes

Martes, 16 Xuño 2026

Actualización definitiva de méritos das listas de substitucións da Xunta de Galiza

No DOG do 16/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2025 nas listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de...
Venres, 12 Xuño 2026

Crónica dun enchufe anunciado: como a Xunta adaptou a praza da dirección do CGAC á súa candidata

Na CIG denunciamos que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente...
Venres, 19 Xuño 2026

Plantón sindical a Educación na negociación da RPT ata que non negocie un acordo para o persoal non docente

O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás OOSS para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa. Hoxe a CIG e as outras OOSS presente na mesa quixemos dar unha mostra clara e...