Novas por contido

O mércores 11 de novembro os sindicatos sentámonos coa Administración na Mesa Xeral e Comisión de Persoal, onde tratamos diversos asuntos (RPT Vicepresidencia, RPT Presidencia, RPT Cultura, modificación dos programas que rexen nos procesos selectivos de corpos xerais por libre e promoción interna, e asuntos de interese en rogos e preguntas).

Relacións de postos de traballo

Das relacións de postos de traballo (RPT), destaca a de Vicepresidencia. Recoñecemos que houbo negociación real, con cambios respecto da proposta inicial. Finalmente a CIG non apoiou a proposta da consellería porque amortizan de 9 postos de traballo, todos de niveis baixos, destacando a eliminación de catro postos de limpador/a que vai dar lugar necesariamente á entrada dunha empresa privada. CIG, CCOO e UGT votamos en contra. CSIF votou a favor.

En canto á RPT de Presidencia da Xunta, limítase a crear dous postos de traballo na Secretaría Xeral de Emigración, obrigados pola LOFAXGA e integración da Fundación Galicia Emigración. CIG, CCOO e UGT abstivémonos, mentres CSIF tamén votou a favor. 

Cultura crea catro postos de técnicos superiores de bibliotecas, obrigados pola falta de postos de traballo para darlle destino ao persoal de novo ingreso. Responsabilizamos a Cultura por promotora, e Función Pública por consentidora, da modificación da RPT do ano 2012 que reestructurou os postos dos museos, bibliotecas e arquivos, causando o desfase de postos. Demandamos que os postos de director/a destes centros volva a ser como antes do 2012, de concurso. CIG, CCOO e UGT abstivémonos. CSIF votou a favor.

Modificación dos programas que rexen nos procesos selectivos a corpos xerais por promoción interna e acceso libre

Función Pública da traslado da modificación dos programas, consecuencia da publicación o 2 de outubro da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común e da Lei 40/2015 de réxime xurídico do sector público. As modificacións sairán publicadas no DOG. 

Advertimos que en case todos os programas tanto de libre como de promoción interna entra a administración electrónica, sendo a normativa galega o Decreto 198/2010 que regula a Administración electrónica en Galiza e entidades dependentes. Esta normativa está afectada por normas básicas do estado (lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e RD 1671/2009 que a desenvolve parcialmente). As referidas normas do estado están derrogadas pola nova lei 39/2015 de procedemento administrativo común. Solicitamos aclaración de que artigos do decreto galego 198/2010 seguirán vixentes a efectos de estudo.

Advertimos tamén que o V Convenio do persoal laboral é unha norma publicada e os artigos afectados pola Lei de medidas non están derrogados, senón "suspendidos na súa eficacia", demorados no seu vigor até que se derrogue a Lei de medidas. Cómpre que aclaren se entra o V Convenio íntegro, cos artigos suspendidos, ou o V Convenio realmente aplicable a día de hoxe coa Lei de medidas. 

Entende Función Pública que estas dúas advertencias, xunto coas posíbeis incidencias dos cambios normativos respecto da responsabilidade patrimonial e o procedemento sancionador, poden estar efectivamente afectados por cambios normativos, pero non así a redacción dos programas, sendo responsabilidade do alumno/a estudar a materia correcta. Para evitar problemas, comprométese a Administración a que a EGAP terá en conta os posíbeis cambios normativos para a publicación dunhas guías o máis rápido posíbel.

Rogos e preguntas

Orientadores laborales para oficinas de emprego. Informan que a titulación vai ser a mesma que á vez anterior. Citacións na última semana de novembro.

Procesos selectivos corpos xerais, libre e promocion interna. As listas de libre estarán en novembro. Os exames (libre e P.I.) non serán antes do 1 de abril.

Modificacións no decreto de listas. Están a estudar as alegacións dos sindicatos. A semana que ven teremos a primeira xuntanza, e haberá mais.

RPTs paradas. Solicitamos información polo estado de diversas Relacións de Postos de Traballo paradas dende fai tempo (Medio Rural e Mar, última xuntanza o 3/2/2015, Medio Ambiente, 29/4/2015, Facenda, 12/6/2015, AGADIC, 23/7/2015, Consello Consultivo, 22/7/2015, Sanidade, 24/7/2015). Función Pública comunica que esta semana ou a vindeira estarán os decretos das estruturas das consellerías, retomando as RPTs a continuación.

Escola superior de hostelaría. Preguntamos se vai estar incluida na Axencia de Turismo. Resposta o Director de Función Pública que si estará, pero teñen que buscar encaixe ao persoal profesor.

Presenza sindical no CIXTEC. Informamos a Administración que ainda que existe notificación da Inspección de Traballo, os representantes sindicais do CIXTEC seguen a ver negada a súa participación nos asuntos para os que foron elixidos polos traballadores. Comprométese o director de función pública a instar unha xuntanza para tratar o problema.

Revisión das prazas de persoal laboral que fan tarefas de funcionario. Todas as consellerías teñen bloqueada a revisión das súas RPTs no sentido de que non corrixen a incorrecta clasificación daquelas prazas que, sendo de persoal laboral, deberían clasificarse como de persoal funcionario ocupada por laboral en virtude das tarefas que realizan. Instamos a Función Pública que tome a iniciativa para dar instrucións e fixar criterios.

Concursos escalas e administración especial. Teñen que adaptar as RPTs á nova Lei de Emprego Público, que agrupa escalas. Función Pública asegura que están a traballar na revisión das escalas, paso previo ao concurso.

Concurso Lei 17 (escalas sanitarias). Aseguraran antes do verán que sairía en setembro. Reclamamos o concurso, e a negociación no ámbito da Mesa Sectorial de Funcionarios, non da de Estatutarios como pretenden.

Temario veterinarios. Asegura Función Pública que virá a Mesa Xeral pronto. Está pendente de resposta de unha consellería.

Outras novas recentes

Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Venres, 29 Mai 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma da Galiza (para MSF 01/06/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o luns 01/06/26, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma da Galiza. Descargar Tal e como se indica na documentación que nos achegaron, esta proposta "vén...
Mércores, 03 Xuño 2026

Varias convocatorias de oposicións (A1-A1-C2), listas da Lei 17,«cuestión PAS» e gardacostas (CP 29/05/26)

Nesta xuntanza da Comisión de Persoal tratamos os procesos selectivos de A1-Escala de inspección urbanística, especialidades técnica e xurídica e A2-Escala de axentes de extensión pesqueira; o erro na esixencia do Celga 4 ao C2-Cociña e persoal coidador; insistimos en obter información sobre as listaxes de substitución da Lei 17; denunciamos que non se empregue o Portax para...