Novas por contido

Tralo curso organizado pola EGAP sobre o "futuro da función pública" chega agora o "futuro do Estado autónomico". Desta volta, e nun novo alarde de hipocresía, a Xunta non se priva de utilizar cartos públicos autonómicos para atacar a propia configuración autonómica galega que lle permite dispoñer deses cartos.

Nesta época de austeridade chama a atención que se detraian cartos da finalidade fundamental da EGAP, formar as empregadas e empregados públicos, para organizar cursos monográficos de adoutrinamento político aos que invitar aos amigos do partido. Entre tantas personalidades do mundo da Universidade e catedráticos destacan Carlos Negreira, Alcalde da Coruña, e Romay Beccaria, actualmente presidende do Consello de Estado. E dicimos amigos porque curiosamente, entre os 11 ponentes, non figura nin unha soa muller.

Entre resto de ponentes de "diversidade ideolóxica" atopamos na conferencia inugural a Tomás-Ramón Fernández Rodríguez, catedrático emérito da Complutense, coñecido por andar en todos os programas da TDT-party falando sobre a necesidade da reforma da constitución no título VIII, para reconducir  as autonomias e retirar competencias "excesivas" que lles foran transferidas. Tamén está xa un clásico entre este tipo de cursos da EGAP, como é Roberto Blanco Valdés, unha persoa coñecida polos seus ataques á función pública galega pero que non lle fai noxos a cobrar dela.

Pero non remata a cousa aí: invitan tamén a Miguel Anxo Bastos Boubeta, liberal declarado, próximo ao partido popular e polémico onde os haxa. Famoso polas súas frases sobre que nas facultades "ensinan veleno" e "hai que sacarlle a esquerdallada da cabeza". Velaquí un elenco das súas mellores frases. Tamén está outro dos grandes clásicos do PP, Manuel Aragón Reyes, ex-maxistrado conservador do Tribunal Constitucional, que axudou ao recorte do estatuto catalán e que saía co puro naquela corrida de touros en Sevilla co resto de maxistrados conservadores nas vísperas de publicarse a dita sentenza.

Non resulta estrano que a organización desta clase de cursos vaian seguindo o camiño trazado pola FAES, fundación que marca a liña ideolóxica do PP, no sentido de atacar á función pública primeiro, logo ás autonomías e do Estado do Benestar, en xeral. O que sería estrano é que se organizase un curso relacionado cos niveis de corrupción galopante nas Administracións aproveitándose dos recursos públicos, o alto índice de fraude e evasión de capitais, a regresividade fiscal ou o nivel de infradesenvolvemento dos Servizos Públicos respecto ao que nos correspondería por PIB.

Desde a CIG, criticamos que se empreguen os recursos da EGAP para organizar actividades que non son de formación, senón de ideoloxización. Unha institución pública non pode dar unha visión sesgada á cidadanía sobre o "futuro do Estado das Autonomías". Porén, do programa do curso despréndese unha clara CENSURA da liña de pensamento oposta á RECENTRALIZACIÓN do Estado, por non dicir da defensa doutros modelos de estrutura territorial do Estado alleos ás políticas do Partido Popular. Trátase logo, dun curso partidista que debería financiar a FAES e ser desenvolto no ámbito do Partido Popular, e non a través dunha institución pública adicada á formación das empregadas e empregados públicos e pagado con cartos de todas e todos os contribuíntes.

Por último, imos solictar explicacións formais e reclamaremos o seu custo exacto, incluíndo organización, publicidade, ponencias e axudas de custe. Se queren convencernos de que recortar é o mellor, a base de repetir e repetir os mesmos argumentos, canto menos que o fagan cos recursos das persoas que se están vendo beneficiadas por esas políticas.

NOTA: O 4 de xuño publicouse no DOG a convocatoria deste curso monográfico. Posteriormente desde a EGAP deusélle reiterada publicidade a través de varios envíos aos correos corporativos das empregadas e empregados públicos da Xunta. A sesión incial terá lugar na EGAP o mércores, 19 de xuño, ás 13:30h.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...