Novas por contido

Plan de formación 2020 da EGAP: Traballar é compatible con formarse, e a formación tamén precisa medidas de conciliación

Na xuntanza do Consello Reitor da EGAP do pasado 19 de decembro de 2019 tratamos o plan de formación 2020 da EGAP. Mentres dende a Escola se nos di que ou ben traballamos, ou ben nos formamos, na súa insistencia de programar formación pola tarde, dende a CIG entendemos que traballar é compatible con formarse, e que hai que respectar o dereito do persoal a formarse no horario laboral e a conciliar.

Ademais, a EGAP segue a programar plans de formación ilegais, que incumpren a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Volvemos reiterarlle á EGAP que a formación debe contemplar o principio de igualdade entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero. A formación é obrigado obxecto de avaliación detallada  para a elaboración e implantación dos necesarios e indispensables plans de igualdade, que garantan que se impida calquera situación de discriminación profesional e desigualdade vinculadas con aspectos de xénero, e estableza mecanismos para o acceso á formación do persoal con necesidades de conciliación. Dende a CIG reiteramos a nosa solicitude e esiximos que se tomen medidas que se anticipen á elaboración e implantación do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, a día de hoxe inexistente.

De cara á programación da formación, dende a CIG pedimos que se teña en conta non só a opinión dos distintos departamentos e consellarías, senón tamén as dos/as propios/as representantes do persoal, con propostas elaboradas coa información facilitada polos/as traballadores/as sobre as súas necesidades inmediatas e específicas. Reiteramos, polo tanto, a proposta feita pola CIG no mes de setembro de 2019, formación especializada e técnica de determinados eidos de actuación da Administración autonómica que a día de hoxe seguen sen plasmarse nas programacións de formación da EGAP.

Botamos en falta e solicitamos, por outra banda, unha información clara e obxectiva sobre os criterios empregados á hora de decidir por parte das consellarías e a EGAP que cursos se van impartir, a que ámbitos pertencen os cursos e cal é a proporción deses ámbitos na programación formativa, o número de edicións convocadas, o número de prazas ofertadas, ou que cursos se organizan só presencialmente.

Propoñemos dende a CIG que a EGAP leve a cabo estudos diagnósticos das necesidades formativas que permitan arrecadar a opinión directa dos/as usuarios/s, e posibiliten elaborar e actualizar de xeito obxectivo e rigoroso o catálogo de áreas formativas, catálogo que a día de hoxe, por certo, non é público, e que reiteramos que se publique.

Non vemos ningún rigor nin lóxica en que a EGAP considere un éxito os cursos nos que existiu un desfase maior entre as prazas ofertadas e as solicitudes presentadas polo persoal, e que tome como referencia o seu propio desaxuste para proxectar e repetir as actuacións formativas no ano seguinte.

En definitiva, reiteramos e sinalamos unha vez máis ante o Consello Reitor as seguintes necesidades urxentes, que non vemos trasladadas nas súas actuacións a día de hoxe:

  • A  formación preferente no horario laboral e na modalidade de teleformación; e a versión en teleformación de toda a oferta formativa presencial
  • A descentralización que permita a formación presencial noutras localidades distintas de Compostela
  • A adopción de medidas de igualdade e da perspectiva de xénero: medidas de conciliación que permitan o acceso prioritario á teleformación de persoal con dificultades de acceso á formación presencial (traballo a quendas, coidado de fillos/as e/ou dependentes, familias monoparentais etc.)
  • Programación para todas as categorías profesionais, que inclúa formación máis especializada e específica para determinado persoal, como o persoal de incendios, enfermaría, subvencións e medidas antifraude, etc.
  • A ampliación da oferta en formación lingüística no referido ao galego, ampliación a outras linguas cooficias do Estado e a outras linguas da UE.
  • A oferta de probas de certificación oficiais da competencia das linguas impartidas pola EGAP

Temarios e repositorio de lexislación e contidos actualizado

  • Temarios actualizados para os distintos grupos e categorías para os procesos selectivos que se están a convocar.
  • Repertorios de referencias bibliográficas actualizadas para a preparación de todas as probas.
  • Repositorios de lexislación en lingua galega como mínimo cos seguintes elementos: 1) a lexislación dos temarios dos procesos selectivos, e 2) a lexislación e material dos cursos impartidos pola Escola.

Outras novas recentes

Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...
Mércores, 01 Outubro 2025

RPT de Medio Rural e RPT da administración especial para poder finalizar o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

O venres 26/09/2025 celebrouse a Comisión de Persoal onde se levaban dous asuntos,   RPT de Medio Rural Estamos en contra dunha modificación de RPT na que se amortizan 14 postos de traballo para crear 7. Sen os postos derivados do decreto de estrutura temos que se destrúen 7 postos para crear 2 e para financiar a inmoral e insolidaria suba do complemento específico dos...
Xoves, 02 Outubro 2025

Persoal non docente de Educación mobilízase por unhas condicións de traballo dignas

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e...