Novas por contido

Suspenso en transparencia, con respecto á lingua galega e no eido da igualdade. Este é o balance despois da derradeira xuntanza de 2019, o pasado xoves 19 de decembro, do Consello Reitor da EGAP, nunha sesión centrada na presentación por parte da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, do informe das actividades de 2019 da EGAP e da programación para 2020. 

A EGAP dános formación sobre igualdade mentres leva 12 anos incumprindo co persoal da Xunta de Galiza a Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e mentres forman o seu Consello Reitor un total de 24 homes e 2 mulleres

Na xuntanza do Consello Reitor da EGAP do pasado 19 de decembro de 2019 volvemos constatar que dende a dirección da Escola se fai gala dun total desleixo pola integración do principio de igualdade na formación, e pola adopción da perspectiva de xénero, aspectos nos que reiteramos que é preciso que se adopten as medidas estipuladas pola lexislación vixente.

Reiteramos unha vez máis a nosa solicitude de que adopten as debidas medidas de transparencia, de forma que no tratamento dos datos contidos nos rexistros e documentación da Escola, enquisas, estatísticas ou outros sistemas de información se permita a análise de xénero, incluíndo a desagregación por sexo. Precísanse indicadores concretos que permitan avaliar e diagnosticar as características das actuacións formativas impartidas ao persoal da Administración autonómica, así como tamén das outras administracións e entidades coas que colabora. Novamente, e a pesar das solicitudes xa feitas pola CIG na xuntanza anterior, non se desagregan nos informes da Escola presentados ante o Consello os datos de mulleres/homes en ningunha das cifras ofrecidas sobre a súa actividade.

Dende a CIG insistimos en que é totalmente insuficiente o único dato desagregado correspondente ao sexo dos/as beneficiarios/as de cursos da EGAP: en 2019 o 66% foron mulleres, dato este que se presenta illado, e sen posibilidade de contrastar co dato total de solicitudes presentadas por mulleres/homes, ou datos sobre as categorías profesionais destes/as beneficiarios/as dos cursos, ou datos de denegacións a mulleres/homes, ou datos sobre mulleres/homes que teñen concedida a flexibilidade por conciliación (por fillos/as, dependentes, etc.), ou persoal que indicou no momento da solicitude dificultades para a formación presencial.

Unha vez máis confirmamos que non só non se está a garantir o acceso a información básica sobre a actividade realizada pola EGAP, senón que ademais se está a dificultar deste xeito a necesaria obtención das diagnoses previas á elaboración dos plans de igualdade que marca a lei que son obrigatorios na Xunta de Galiza xa desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e que constitúen os mecanismos indispensables para, nun primeiro momento, diagnosticar coa maior exactitude posible cales son as dificultades e atrancos que poden existir no eido da formación e da promoción do persoal da Xunta de Galiza, para a continuación poder establecer medidas que permitan o acceso igualitario á formación e promoción profesional por parte de todo o persoal.

Dende a CIG lembramos que aínda está pendente a estas alturas non só a implantación, senón a propia elaboración do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, non hai ningún impedimento para que a EGAP aplique de inmediato os mecanismos que garantan o acceso igualitario á formación, e que establezan a recolleita sistemática de indicadores de xénero, que permitan detectar e medir valores sobre a situación actual no persoal da Xunta de Galiza.

Insistimos, polo tanto, nesta xuntanza de 19 de decembro de 2019, na necesidade da actualización da EGAP na súa aproximación á formación prestada, e que implante a perspectiva de xénero nas súas actuacións, nas que, por certo, tamén está incluído o emprego de linguaxe neutra en todas as súas comunicacións escritas e verbais, así como no material formativo.
Non pode ser máis paradoxal que dende a EGAP se informe de que vai aumentar en 2020 a súa formación cun plan específico sobre a igualdade e a violencia de xénero, que por outra banda é primordial no contexto social actual, tamén dentro das propias institucións, mentres non se nos facilitan e se nos nega coñecer cal é o nivel de igualdade existente nas actuacións da EGAP e cantos medios se están a poñer para que o persoal, tanto mulleres como homes, acceden sen atrancos á formación da EGAP, tanto presencial como non presencial. Queremos saber a cantas mulleres se lle denegan os cursos, e poder facer unha comparación deses datos co que pasa en cada consellaría, en cada ente, e a que cursos quixeron acceder e a que cursos non solicitaron acceder. Tamén nos interesa cantas das mulleres que teñen flexibilidade por conciliación accederon ou non á formación neste 2019, e cantos cursos fixeron.

Ante as peticións feitas desde a CIG, o director de Función Pública tomou nota da necesidade de aplicar unha perspectiva de xénero na EGAP na xuntanza do Consello Reitor de xullo de 2019, polo que agardamos que esta situación mude considerablemente en 2020.

Por outra banda, na xuntanza do Consello Reitor da EGAP o 19 de decembro de 2019, o director de Función Pública confirmou que no primeiro trimestre de 2020 vaise renovar este Consello, tras a constitución da Mesa Xeral. Dende a CIG lamentamos que o Consello Reitor da EGAP sexa na actualidade o fiel reflexo da situación actual da desigualdade que caracteriza á nosa sociedade, e ás administracións públicas galegas en concreto, e unha elocuente mostra do teito de cristal: o Consello Reitor da EGAP é un órgano constituído por 26 membros, dos cales unicamente son mulleres dúas integrantes: a directora da EGAP e a directora xeral de Administración Local.

Outras novas recentes

Luns, 18 Novembro 2024

A Xunta quere probas físicas unisex para o servizo de incendios

A CIG ven de presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) reclamando a equiparación no criterio de superación da proba física entre o persoal bombeiro/ a forestal do SPIF, o persoal técnico de defensa contra incendios forestais e o persoal axente técnico de xestión ambiental. Nas convocatorias publicadas destas...
Luns, 18 Novembro 2024

RPT de Política Social e Igualdade (proposta para 20/11/24)

A Consellería de Política Social e Igualdade convocounos a unha xuntanza para o día 20 de novembro, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar. Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG
Venres, 22 Novembro 2024

A Xunta de Galiza segue a detruir postos de traballo, desta vez tocoulle a Medio Rural...

Na xuntanza do pasado 19 de novembro presentan a amortización de 16 prazas, fronte á creación de 8 na RPT da Consellería de Medio Rural, afectando sobre todo aos “postos de abaixo” Nesta RPT, da que non se acompaña memoria económica, máis que segundo os cáculos da CIG supoñen un diferencial de 358,000 euros, é a primeria vez na que se amortizan as prazas de Xefe/a...