Novas por contido

A Xunta aprobou a Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2020 (cando estamos ás portas do 2021). Inclúe promoción interna, acceso libre, estabilización, consolidación e funcionarización do persoal laboral fixo. A Oferta contén prazas para corpos e escalas de administración xeral e especial, incluíndo sanitarias, persoal laboral, e entes como o Consorcio, Cixtec, CES, Augas e AXI.

Despois de moitos anos dunha importante redución do cadro de persoal da Administración Autonómica coa desculpa da crise económica, e cando a pandemia demostrou a necesidade de contar cuns servizos públicos ben dotados en medios e persoal, o goberno galego non crea nesta OEP nin un só posto de traballo novo, limitándose a repoñer exactamente as 562 baixas do ano anterior e a ofertar postos que xa existen, ocupados por persoal interino e temporal, xunto cunha promoción interna insuficiente e o proceso de funcionarización do persoal laboral que xa é fixo.

A promoción interna

Queda aprobada unha promoción interna de 320 prazas para corpos xerais, separada do acceso libre, e outras 73 para Augas e AXI. En canto á Administración especial, tan só ofertan 2 ridículas prazas.

A maiores, comprométense a sacar en promoción interna o 25% das prazas de acceso libre. Pero ollo, que esa porcentaxe non se pode aplicar sobre as 562 prazas totais de acceso libre, senón individualmente sobre cada unha das escalas, tendo efectos ese 25% unicamente naquelas escalas en que haxa un número suficiente de prazas. O director de Función Pública rexeitou a proposta da CIG de aplicar o 50% de promoción interna á oferta de acceso libre, e unila á oferta de promoción interna separada.

Rexeitou tamén a nosa petición de facilitar a promoción interna horizontal e cruzada. Non entendemos a negativa a facilitar que calquera persoal funcionario que teña a titulación académica necesaria poida presentarse para ascender e cambiar de escala. Evidentemente, con reciprocidade en todas as escalas.

Néganse a falar de calquera opción que facilite conservar a localidade a quen promocione. Esa postura do Goberno implica que para moita xente que vive en determinadas localidades, a promoción é un salto que carece de interese.

O único que dixeron estar dispostos a estudar é non obrigar a permanecer no posto a quen ocupe un aberto ao grupo inmediato superior, de xeito que poida escoller destino se lle interesa. Pero no documento aprobado non aparece tal opción. Esperemos que o texto que saia no DOG si recolla esa proposta da CIG.  

Estabilización e consolidación

Estamos pola redución da inaceptable alta temporalidade que temos na Administración Autonómica, consecuencia de anos de recortes, baixas taxas de reposición de efectivos, e continuos contratos en fraude de lei. A tal efecto, apoiamos a oferta mediante concurso-oposición.

Respecto dos contratos como persoal indefinido por sentenza xudicial, nada temos en contra dos traballadores e traballadoras que defenden xudicialmente os seus intereses ante os abusos da Administración. Pero ao tempo esiximos a cabeza das persoas que por acción ou omisión son causantes de que ano tras ano teñamos sentenzas por contratacións en fraude de lei. A maiores das responsabilidades administrativas que deberían aplicárselles, esiximos responsabilidades xudiciais. 

Funcionarización do persoal laboral fixo

A CIG mantén que a funcionarización do persoal laboral fixo, que vai tamén nesta OEP, ten que ser un proceso posterior á convocatoria previa dun concurso de traslados como persoal laboral, un proceso selectivo con promoción interna, e unha negociación das RPTs.

Porén, os asinantes do Acordo de concertación, CCOO, UGT e Xunta, manteñen a chantaxe ao persoal laboral fixo para que acepten a narices renunciar ao seu actual vínculo e ser nomeados funcionarios/as. Porque quen non acepte non cobra a carreira profesional, non terá concurso de traslados, non poderá promocionar, non terá postos aos que moverse, non pasará de 9 a 12 meses no caso do SPIF ..

CCOO, UGT e Xunta manteñen o seu Acordo, e obrigan ao persoal laboral fixo a lanzarse ás cegas e baixo chantaxe. 

Servizo de incendios

Dende a CIG mantemos a nosa postura de que no SPIF debería terse feito primeiro un proceso selectivo de consolidación como persoal laboral, postura que xa manifestamos en diversas ocasións e que caeu en saco roto. Pero en vez diso, optaron pola vía do Acordo de concertación e sacar as prazas do servizo de incendios en convocatorias de persoal funcionario.

Algún sindicato manifestou que a CIG non defendeu ao persoal do servizo de incendios, pero a realidade é que estas convocatorias de OPE sí que NON defenden ao persoal do SPIF, e a Xunta e asinantes do Acordo de concertación xa tiveron claro cal era o camiño que querían seguir. Ao resto só nos quedou ter que aplaudir os seus feitos consumados. 

O grupo B

A Administración convoca prazas en acceso libre, estabilización, consolidación e funcionarización ao grupo B para delineantes, axentes técnicos en xestión ambiental, escala técnica do servizo de incendios, xardín de infancia, bombeiros forestais.. 

Pero, que pensan facer coas persoas que xa son persoal funcionario de carreira desas mesmas escalas e que permanecen no subgrupo C1 mentres outros compañeiros e compañeiras entrarán directamente no grupo B? A CIG esixe o cumprimento dos acordos de promoción interna que no seu día asinamos coa Xunta. 

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

No ano 2016 a CIG asinou un acordo coa Xunta que indicaba que dende o ano 2017 e sucesivos habería oferta de emprego do consorcio. E como de costume, o goberno galego non cumpriu. Por fin chegou o día e na OEP 2020 van prazas do consorcio.  Pero temos dúbidas que o director de Función Pública non acaba de respondernos:

  • Di que están a ofertar categorías completas. Pero, por exemplo, en todo o Consorcio tan só hai 2 mestres/as? Esto non é correcto, pero os números non cadran.
  • Se teñen as cousas tan claras, e xa que no Consorcio non existe RPT, reclamamos unha relación do que quedaría por convocar (limítase a dicirnos que sairá na OEP do 2021).

Chegados a este punto, despois de tantos anos de incumprimentos e atrasos, reclamamos que convoquen todas as prazas xa, nesta Oferta. 

Cixtec

O Cixtec é un ente que botou anos ás voltas. Finalmente semella que vai integrarse en Amtega e a tal efecto xa nos enviaron unha proposta de modificación de estatutos (teñen intención de aprobalo en Comisión de Persoal neste mes de decembro).

O caso é que din que na Oferta van as prazas, pero non lles peta entregarnos un listado desagregado para que poidamos verificar que as cousas están ben feitas. Tan só din que son 78 prazas, máis outras cinco que non fai falla funcionarizar porque as persoas titulares son persoal funcionario en excedencia. O conflito vai vir cando lles asignen a escala, xa que estas persoas non eran das escalas de informática. Tampouco resposta.

Escalas sanitarias

Como se non fosen persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, outra vez é a Consellería de Sanidade quen trae a proposta de Decreto da OEP das prazas de persoal funcionario de escalas sanitarias. Apuntar que as súas funcións son administrativas, non asistenciais.

E un ano máis, en ningunha das tres reunións tivemos algunha persoa que fixera de interlocutora cos sindicatos. Sanidade simplemente envía o documento e deixa a cousa en mans do DXFP, quen tampouco di moito, non sexa que en Sanidade se enfaden por meterse.

A oferta total son 12 prazas, pero repartidas de tal maneira que é imposíbel que haxa promoción interna agás nunha das escalas (e nin nesa).

O problema aquí súmase ao feito de que van xa outras dúas OEPs (anos 2018 e 2019), integramente sen executar, e no Decreto que nos presentan non prevén a posibilidade de acumular as prazas. 

Fixándonos na escala de Farmacéutico/a Inspector, por poñer un exemplo: 8 prazas do 2018 + 3 do 2019 + 1 ridícula praza do 2020. Total, poderían acumular e convocar 12 prazas xuntas, e aplicarlle a ese número unha porcentaxe de promoción interna. 

Nada, que ninguén resposta nin á CIG (que vota en contra) nin aos demais sindicatos (que se absteñen).

A bandazos cos procesos selectivos

Outra das demandas da CIG é que se deixen de andar a bandazos e se senten a negociar criterios racionais nos procesos selectivos. 

Non pode ser que procesos similares do mesmo subgrupo teñan tipos de exames e cantidade de temario tan diferentes entre o negociado un día e o negociado un mes máis tarde. Ou algún caso en que ao persoal subalterno se lle esixía máis coñecemento en procedemento administrativo que ao persoal dunha escala do subgrupo A1. Ou promocións internas moito máis difíciles que o acceso libre. Ou subgrupos inferiores con máis exercicios que subgrupos superiores..

Ao director xeral de Función Pública (e compañía), importalle un pito esta reclamación da CIG.

O ritmo na execución das ofertas

Simplemente inaceptable que escalas ofertadas no 2015 elixan destino no 2020. E por riba ese destino é provisional, porque non hai concurso de traslados. Esta oferta se suma ás tres anteriores, que ainda teñen bastante sen executar. Nin tan sequera está rematada a OEP do 2017.

Anunciar ofertas de emprego é de balde e unha medida de cara á galería se non se executan.

Función Pública ten que poñerse as pilas e axilizar tanto os procesos selectivos como os concursos de traslados, de xeito que estes últimos estean resoltos a tempo para que as persoas dos procesos selectivos poidan ter un destino definitivo, e nun prazo de tempo razoable. 

Unha falsa negociación

O proceso de negociación quedouse na faciana no que respecta á CIG: mentres que algúns sindicatos amigables participaron nas xuntanzas con evidente coñecemento previo da proposta, a CIG, o sindicato maioritario na Administración Autonómica, recibiu a relación de postos o luns 30 ás 14h, para discutila co director xeral de Función Pública ao día seguinte ás 9h, e a continuación, ese mesmo día, Mesa Xeral de negociación ás 12:30, para rematar coa Comisión de Persoal ao seguinte día. É dicir, sen tempo real para difundila e recibir alegacións dos compañeiros e compañeiras.

O que votan os sindicatos

A Oferta dos postos dependentes da Dirección Xeral de Función Pública foi aprobada na Comisión de Persoal do mércores 2 co voto en contra de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT. 

En canto á OEP de escalas sanitarias, a CIG votou en contra, mentres que os demais sindicatos abstivéronse.

Outras novas recentes

Mércores, 13 Novembro 2024

RPT do Medio Rural (proposta 19/11/2024)

A Consellería do Medio Rural convocounos a unha xuntanza que terá lugar o día 19/11/2024 para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT).  Se resulta do teu interese, podes descargar a proposta. Para achegarnos o que consideres, contacta coa CIG.
Luns, 18 Novembro 2024

A Xunta quere probas físicas unisex para o servizo de incendios

A CIG ven de presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) reclamando a equiparación no criterio de superación da proba física entre o persoal bombeiro/ a forestal do SPIF, o persoal técnico de defensa contra incendios forestais e o persoal axente técnico de xestión ambiental. Nas convocatorias publicadas destas...
Luns, 18 Novembro 2024

Posicionamento da CIG en relación aos méritos nas listas de persoal funcionario do SPIF

Como xa manifestamos na Comisión de Listas a CIG está conforme coa apertura de listas para as escalas de persoal funcionario do SPIF. Pero entendemos que os méritos de tempo traballado como persoal laboral non deben ser tidos en conta por tratarse de escalas con diferentes requisitos de acceso e diferentes titulacións. Iso foi o manifestado na comisión celebrada o 19 de...