Novas por contido

A CIG solicita aos grupos parlamentares que se opoñan á  modificacion da Lei de emprego público sen respectar a negociación colectiva. O Partido Popular emprega a vía das emendas no debate da lei de reactivación económica que está hoxe, xoves 28, no Parlamento para impoñer a mobilidade forzosa do persoal empregado público da Xunta. Deste xeito a Xunta do partido popular habilítase a si mesma para mover o persoal como lle de a gana, sen negociación previa e sen xustificación. 

Para a CIG-Autonómica é unha perversión intolerable do sistema que se carga a seguridade xurídica do persoal e denunciamos que non se trata dun caso illado, senón que a Xunta esta a normalizar a emenda dos seus propios anteproxectos co grupo parlamentario do Partido Popular  para aforrar a negociación e evitar que os denunciemos no xulgado. Así xa o fixeron recentemente na lei de acompañamento dos orzamentos 2021 onde modificaron a lei de emprego para permitir o mantemento dos altísimos salarios de directivos na integración de entes na Xunta ou limitar a segunda actividade ao persoal bombeiro forestal.  

O emprego desta fórmula de eutoemenda xunto desaparición e das mesas de representación ordinarias mostra que a pandemia esta a ser a escusa do PP para empeorar as condicións de traballo do persoal empregado público.

Para a CIG o fundamental é o reforzo do persoal polas listas de contratación e recordamos que  na lei de emprego público xa existen fórmulas para facelo, coma a contratación por acúmulo de tarefas, tanto para o reforzo de persoal como no traslado voluntario.  Porén o lóxico  é  a contratación de persoal polas listas de agarda nos servizos que sexa necesario reforzar, un sistema rápido e eficaz e de responsabilidade social.  Logo de máis de dez anos de recortes continuados non temos ningunha unidade onde sobre persoal, senón máis ven a contrario, e a crise social derivada da pandemia necesita duns servizos públicos reforzados. 

Pois nin reforzo do emprego nin mobilidade voluntaria. A Xunta  do PP opta por impoñer a mobilidade forzosa a dedo e pola porta de atrás creando unha ferramenta máis para abusar do persoal empregado público.

Esta é unha medida máis que se suma á  privatización progresiva e implacable dos servizos públicos, produto dunha estratexia elaborada dende hai moitos anos polo PP para desmontar pouco a pouco a xestión directa dos servizos públicos entregándollos a empresas privadas que priman á rendabilidade económica sobre a atención á cidadanía. 

A constante entrega ao capital privado da cobertura das necesidades básicas das persoas conleva unha merma de efectivos, a sobrecarga de traballo, o empeoramento das condicións laborais e o consecuente deterioro dos servizos públicos á cidadanía.

Pero para o PP de Galiza isto non é suficiente para sacarlle beneficios económicos e partidistas ao control da administración autonómica. Quere  que os minguados efectivos de persoal propio da administración autonómica estean á súa completa disposición. E, para iso, ditan normas que buscan menoscabar a independencia e a obxectividade das persoas empregadas públicas, como a:

  • Ampliación das libres designacións e creación dos concursos de traslados “especiais” para decidir arbitrariamente quen debe ocupar os postos mellor remunerados ou de funcións de inspección e control.
  • Modificación do sistema retributivo e da promoción profesional para que os responsábeis políticos decidan sobre as condicións económicas e laborais do persoal.

E, tamén, utilizan outra estratexia deseñada dende a dirección xeral da Función Pública, que é obstaculizar dun xeito burdo e descarado os poucos recursos dos que dispoñen as persoas empregadas públicas para mellorar as súas condicións económicas e laborais:

  • Negarse a convocar concurso de traslados entre o persoal laboral durante máis de 9 anos, cando o convenio colectivo vixente di que o concurso de traslados debe ser permanente.
  • Excluír ao persoal laboral do cobro da carreira profesional senón aceptan obrigatoriamente a funcionarización.
  • Non resolver o concurso de traslados dos corpos xerais do persoal funcionario durante meses, despois de convocalo con retraso. Do concurso de corpos especiais nin se sabe. 
  • Non cumprir ningún dos prazos nin dos compromisos acadados nas negociacións colectivas.

A parálise da xestión de persoal na administración autonómica non é só consecuencia da incapacidade manifesta do director xeral da Función Pública e da falta de persoal é, en definitiva, a estratexia de demolición dos servizos públicos por parte do PP de Galiza e a doma e castración da administración autonómica para poñela ao servizo duns intereses partidistas.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...