Novas por contido

Tanto a OEP-2021 de Función Pública como a de persoal funcionario de escalas sanitarias foron aprobadas na Comisión de Persoal do venres 26 de marzo, co voto en contra da CIG, e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

O proceso de negociación foi todo un exemplo de transparencia e da vontade dos responsábeis políticos da Administración por querer chegar a entendemento: os criterios da OEP entregados sen tempo para difundilo e estudalo, ocultando ata última hora os números de prazas por escalas. Vamos, outro ano de "paripé" de negociación.

Acceso libre

Van a ser 635 postos que saen, eso din, indo ao máximo da taxa de reposición de efectivos (100% para postos non prioritarios, e 110% para prioritarios). Con estes números seguimos moi por debaixo do emprego público destruído nos anos anteriores e por tanto, continuaremos cunha alta temporalidade.

É curioso o dato das xubilacións do 2020: 543 postos. Esto é arredor dun 3% do total de persoal, e con previsión de ir a máis en anos sucesivos, o que indica claramente que estamos nunha Administración moi avellentada que require un plan de resposta ante o que ven nun futuro inmediato.

Un dato que non facilitan é se o número de prazas ofertadas se corresponde co de vacantes en cada escala. Os datos que temos é que fan cambios, polo que están a xerar un problema.

Promoción interna

Haberá promoción interna separada do acceso libre, inicialmente só para corpos xerais, pero a última hora engadiron algo para escalas. O resto, será conxunta co acceso libre, o que dificulta a promoción interna do actual persoal. Desta promoción conxunta coa libre non dan números (falan do mínimo legal, 25%), pero afirman que a suma da conxunta e da separada suporá un 75%. 

Néganse a aceptar que o persoal que cumpra os requisitos de titulación, poida cambiar de escala mediante promoción horizontal ou vertical:

  • O persoal de escalas/especial non vai poder cambiar, agás as escalas de inspección de consumo e turismo (A2) que si poderán ir ao corpo superior.

  • Nada din de se o persoal de corpos xerais vai poder ir a escalas, polo que vai quedar ao que decidan en cada convocatoria. Porén, a experiencia de anos anteriores é que tan só van permitir promocións entre escalas similares (como de escala técnica a superior de finanzas).

Defendemos que mentres as persoas aspirantes cumpran cos requisitos esixidos, se permita a promoción horizontal (entre os mesmos ou equivalentes grupos de clasificación), vertical e cruzada (combinando as dúas anteriores), en todos os casos reciprocamente entre corpos xerais-escalas-especial. Rexeitamos, xa que logo, a restrición que aplican.

A distribución xeográfica dos postos de traballo, nomeadamente a concentración en servizos centrais, é tal que en certas localidades existen poucas posibilidades de obter destino. E un ano máis non prevén ningún mecanismo para facilitar a permanencia no posto (reclasificación) ou na localidade, o que incide no pouco interese que poida ter en promocionar quen traballe nunha desas localidades con poucos postos vacantes. En senso contrario, quen ocupe un posto aberto ao grupo superior, estará obrigado a permanecer nel, sen opción de escoller destino voluntariamente.

Estabilización e consolidación

Tantos anos de restricións causaron unhas porcentaxes inaceptables de temporalidade na Administración. Como solucionalo? 

  • Rexeitamos que a oferta dependa da taxa de reposición, como causa principal da destrución de emprego e do incremento da temporalidade. Para a CIG, a oferta debería ter como único límite, as necesidades reais de persoal.

  • Apoiamos a inclusión na OEP da previsión de vacantes por xubilación, como maneira de anticiparnos ao incremento da temporalidade.

E para quen leva xa anos e anos en postos interinos/temporais/indefinidos, fai falla que os responsábeis políticos se aveñan a sentarse a fixar criterios comúns, que non é aceptable que unha convocatoria negociada un día sexa moi diferente da negociada quinte días despois, sen bandazos, sendo fundamental que se fixen os criterios de corrección.

Funcionarización

Un ano máis, comezan polo tellado: o cambio de laboral fixo a funcionario vai ser antes de que haxa un concurso de traslados e unha oferta de emprego previos como persoal laboral.

A Xunta, apoiada en CCOO e UGT, así o decidiron, e pactaron chantaxear a quen non acepte o cambio con non cobrar a carreira profesional, xunto con quedar atado/a ao posto (non convocar nunca máis concursos de traslados como persoal laboral, nin promoción interna ..).

A postura de CCOO e UGT de antepoñer a funcionarización ao concurso de traslados, obrigounos a que a CIG, conxuntamente con CSIF (o que suma maioría no Comité Intercentros do persoal laboral) interpuxeramos unha demanda xudicial contra a Xunta de Galiza polo reiterado incumprimento do disposto no artigo 7.2.a) do V Convenio Colectivo sobre os concursos de traslados. Ligazón

Discapacidade intelectual

Somos conscientes das limitacións destas persoas para desenvolver determinados tipos de traballos. Pero non nos parece correcto concentralas en dúas únicas especialidades: persoal subalterno e especialidade de limpeza e cociña. Seguro que poderiamos atopar algunha especialidade máis.

Pero é que os datos teñen outra lectura: TODA, absolutamente TODA a oferta de persoal subalterno e especialidade de limpeza e cociña está TODA reservada para persoas con discapacidade intelectual, sen opción laboral para quen non teña a discapacidade.

Propuxemos, e non aceptaron, distribuír as prazas de discapacidade intelectual entre máis escalas/especialidades evitando concentrar desta maneira toda a oferta en poucas escalas, e ao tempo incluíndo oferta para persoas sen discapacidade.

OEP-2021 das escalas sanitarias

Nos anos 2018, 2019 e 2020 tamén houbo oferta de emprego para estas escalas de persoal funcionario. Pero, está TODA sen executar, ata o punto de que se non convocan antes de decembro deste ano as prazas da OEP do 2018, caduca e desaparecen as prazas.

Nesta OEP-2021 tamén hai prazas destas escalas, algunhas delas coincidentes con anos anteriores. O lóxico, neste caso, é autorizar a acumulación das prazas, e así, coa suma, podería haber números suficientes para aplicar promoción interna. Reclamamos ás persoas responsábeis políticas que na OEP constase expresamente que teñen que acumular coas ofertas anteriores. Nin caso.

Anexo de prazas da oferta de escalas sanitarias

Estes son os números de prazas por escalas que se ofertarían:

Anexo de prazas da oferta da Dirección Xeral de Función Pública

Os anexos que van de seguido non recollen os cambios anunciados polo director xeral de Función Pública na propia Comisión de Persoal, e que consistirían en pasar unha serie de prazas de promoción interna do anexo I (que irían en convocatoria conxunta co acceso libre), pasa ser convocadas no anexo IV (promoción interna separada). Estes números non son firmes, pois o propio director anuncia unha xuntanza o día 6 de abril, para pechar os números definitivamente. Estes cambios serían: enxeñería agronómica (10), enxeñería superior de montes (10), enxeñería industrial (2), enxeñería de minas (2), inspección de consumo (2), enxeñería técnica de obras públicas (3). Podería incluír algunha de medio rural (incendios) e bibliotecas.

Para rematar, advertimos que a propia convocatoria de OEP autoriza cambios de números entre escalas/especialidades de prazas do Consorcio debido a que os traballos de revisión da RPT non están finalizados (isto pasa como consecuencia de que van adianto as cousas).

 

Outras novas recentes

Martes, 05 Agosto 2025

A traxedia de O Porriño pon o foco na Xunta para garantir a seguridade das traballadoras/os e usuarias/os

Melloras necesarias nas residencias da Xunta, garantindo a seguridade do persoal traballador e das persoas usuarias.A tráxica morte de Teresa de Jesús González, profesional do Servizo de Atención no Fogar (SAF), non só puxo de manifesto a necesidade urxente de abordar o acoso laboral, senón que tamén fixo saltar as alarmas sobre a seguridade nas residencias da Xunta de...
Venres, 08 Agosto 2025

Previsións de publicación en agosto no DOG de resolucións sobre varios procesos selectivos

Na reunión do día 06/08/2025 a DXEP infórmanos da previsión de publicacións no DOG de resolucións que afectan a varios procesos selectivos. A data de publicación sería a seguinte: - 13/08/2025: nomeamento en destino definitivo das persoas do proceso do grupo I, categoría 32 (técnico/a superior de Arte) - 11/08/2025: modificación da relación de aprobados por concurso e...
Mércores, 30 Xullo 2025

A CIG pide a retirada da denominación sexista «Valedor do Pobo» da fachada do edificio da institución

A entidade está a negociar cos sindicatos o seu I Plan de Igualdade, que chega 18 anos tarde ―contando con que a súa aprobación sexa en 2025 A pesar de que dispoñemos cada vez de máis lexislación no eido da igualdade, o seu incumprimento é sistemático por parte das administracións, sen que teña consecuencias que as disuadan do contrario. A lexislación obriga ás...