Novas por contido

Función Pública puxo enriba da mesa unhas bases comúns a todos os procesos selectivos da Administración da Comunidade Autónoma. A proposta é moi pouco ambiciosa, limitándose a regular tecnicismos e formalismos, pero sen entrar no fondo de aspectos como os tipos e número de exercicios, notas de corte, etc.

En demasiadas ocasións, e especialmente nos últimos anos, puidemos observar diverxencias importantes ante procesos selectivos de grupos iguais ou similares, en especial no referente ao número e tipos de exercicios e na valoración da fase de concurso. Mesmo algunha vez impuxeron procesos máis duros a grupos inferiores que superiores.

A CIG leva anos demandando a fixación de criterios comúns e firmes a todos os procesos selectivos que evitasen os bandazos, e por esa razón, concordamos totalmente na conveniencia de fixar criterios comúns. Consideramos este asunto da máxima importancia, razón pola que a primeira achega da CIG é negocialas ben, con tempo abondo para estudar as propostas e discutilas.

Proposta insuficiente

Entrando na proposta recibida, temos que comezar manifestando a pouca ambición do documento. As nosas expectativas son superiores ao que propoñen dende a dirección política da Administración.

A súa proposta céntrase en formalismos e no procedemento. Regula a fase de concurso, pero non hai apenas referencias á fase de oposición.

Tampouco fai referencia aos diferentes tipos de procesos (promoción interna, estabilización, consolidación, acceso libre) que requerirían un tratamento diferente, tanto na fase de oposición como na fase de concurso.

A experiencia demostra que en moitos casos os procesos selectivos convocados polo sistema de concurso-oposición, tanto no caso das promocións interna como nos procesos de estabilización e consolidación, non foron os instrumentos adecuados ao operar como elemento selectivo unicamente a fase de oposición, tendo a fase de concurso apenas relevancia como sistema selector.

A falla de regulación destes sistema, en especial na fase de oposición, deu lugar a que os criterios empregados polos tribunais non fosen coherentes e existisen moitas diferenzas entre eles. Mostra o acontecido nos últimos procesos da OEP Social ou nos procesos de acceso libre e estabilización de corpos xerais, onde: para o corpo superior se estableceu como criterio de superación do primeiro exercicio un número de preguntas acertadas coincidente co mínimo esixido na convocatoria; para o corpo de xestión o tribunal estableceu como criterio para aprobar un determinado número de aspirantes, e para o corpo administrativo, foi un número de preguntas por riba do establecido nas bases.

Por todo isto, compre que dende Función Pública se faga unha proposta que poña de relevancia todos estes problemas e procure unha solución que, sen invadir as competencias que lles son propias aos tribunais, poña en mans deles os elementos suficientes para que os procesos se axusten aos fins para os que son convocados.

Sobre estas propostas é a nosa intención e disposición a de contribuír a establecer unhas auténticas bases comúns que vaian máis aló de recoller o que ata o de agora figura nas convocatorias actuais.

E máis cando nos asomamos a procesos selectivos que crean incerteza entre as persoas que despois de moitos anos, se ven nunha situación complexa que lles pode supoñer un cambio vital, tanto no caso da promoción interna, como nos milleiros de persoas que están á espera dos procesos de consolidación e estabilización de emprego.

Prazos/data do primeiro exercicio

Fai uns meses (novembro/2020) foron nomeados/as as funcionarias e funcionarios veterinarios, da OEP do 2015 (marzo/2015). É inaceptable que pasaran case seis anos dende a oferta ao nomeamento. Un obxectivo fundamental da CIG é que os procesos deben ser áxiles.

Resúltanos insuficiente que indiquen, de maneira xeral, un tempo mínimo de catro meses entre a convocatoria e a realización do primeiro exercicio, pois xa tivemos exemplos de cambios de criterios entre procesos similares. Queremos poñer prazos concretos, iguais entre procesos do mesmo grupo, diferenciando o tempo necesario para grupos baixos, e grupos altos. Somos conscientes de que hai procesos que requiren de máis tempo, polo que estamos abertos a discutilo.

Fase de oposición

Probablemente esta sexa a parte que máis bandazos ten sufrido entre procesos similares, polo que para a CIG é a parte fundamental. Porén, non entran no fondo do asunto e por tanto é a que máis insatisfacción nos produce.

Queremos unha proposta racional no número de probas, tipos, puntuacións, penalización dos erros, eliminación de partes do programa entre probas, corte para superalas, etc, sempre similar en función do grupo, e abertos a estudar excepcións en procesos que pola súa natureza requiran un tratamento diferente.

Programa

Outro aspecto clave no que non entran nin para fixar as partes comúns de cada tipo de proceso e grupo. Defendemos a preponderancia das normas de dereito positivo sobre os temas, e no seu defecto, a inclusión de referencias bibliográficas e/ou normativas que axuden a centrar a materia de estudo. E que os temarios sexan elaborados pola EGAP.

Promoción interna

Aínda sendo materia da Oferta de Emprego, insistimos en que a promoción interna en procesos separados do acceso libre, con tribunais, temarios, probas, cortes.. diferentes, de xeito que non mesture a concorrencia competitiva entre quendas diferentes e que permita que as prazas non cubertas poidan ser acumuladas á seguinte promoción interna.

Defendemos que a promoción interna supoña o 50% das prazas, e que se permita a participación cruzada entre corpos e escalas, mesmo horizontal con cambio de escala dentro do mesmo grupo (como está previsto no V convenio).

A normativa actual esixe servizos activos durante dous anos no grupo inmediatamente inferior ao que se promociona, a diferenza do convenio colectivo do persoal laboral, que habilita a promoción a calquera grupo. Sendo norma básica, a CIG insta a recoñecer ao persoal funcionario este dereito que xa esta para o persoal laboral.

Procesos de estabilización/consolidación

Na práctica, hoxe en día, os procesos de estabilización son iguais que os ordinarios. As convocatorias carecen de criterios estabilizadores reais o que fai que sexan unha lotaría que depende das intencións do tribunal. Incidimos en que se traten aquí os criterios básicos tamén para estas convocatorias onde se inclúan cuestións como a nota de corte, a redución de temarios, unha ou dúas probas tipo test e preguntas relacionadas cos postos que se ofertan.

Oferta de discapacidade intelectual

Estamos en contra de concentrar a totalidade da oferta de discapacidade intelectual nunha única escala. Somos conscientes da dificultade, pero estamos dispostos a estudar alternativas para ofrecer unha mellor inserción en funcións máis diversas.

Ao tempo, non podemos aceptar que a oferta dunha escala determinada sexa integramente para persoas con discapacidade intelectual, porque isto deixa sen opcións a persoas que poidan ter dificultades laborais ás que se lle impide obter un posto de traballo.

Fase de concurso

Antigüidade (promoción interna): o máximo de anos para conseguir o tope de puntos son 12,5. Coa elevada media de idade do persoal empregado público da nosa Administración, este número de anos de servizos é, na práctica, igualar a case todo o persoal, sen efectos no proceso selectivo. Propomos incrementar substancialmente o número de anos de antigüidade para obter o máximo de puntuación.

Experiencia (acceso libre): a CIG defendeu historicamente que o tempo traballado na nosa Administración puntuase o dobre que noutras. A resposta que obtivemos nos últimos anos foi que eso era imposíbel por disposicións normativas. Porén, a CIG asinou en decembro do 2019 un acordo coa Administración Xeral do Estado (AXE) no que entre os seus apartados consta unha valoración superior polo tempo traballado na propia AXE respecto doutras administracións. Solicitamos un informe xurídico que avalíe unha posíbel recuperación da discriminación positiva a favor da experiencia na nosa Administración.

Cando se trate de procesos en colectivos de alta temporalidade ou de persoas que exceden o que debería ser un tempo razoable de interinidade, debería engadirse a valoración da experiencia no posto obxecto da oferta.

Pasos seguintes

As intencións do director xeral de Función Pública é que volvamos a sentarnos a falar do asunto ao longo da semana, coa intención de rematar xa en xullo. Veremos se isto non queda en nada, como fas bases comúns a todos os concursos de traslados, ou decreto de provisión, ou moitas outras cousas que van abrindo, e non pechan.

Outras novas recentes

Martes, 08 Outubro 2024

A Consellería do Mar paraliza o Servizo de Gardacostas en Vigo

O servizo de Gardacostas de Galiza en Vigo vese na obriga de paralizar a embarcación Punta da Guía que combate o furtivismo dende a fronteira con Portugal ata a Ría de Aldán ante a falta de efectivos. O cese do único mecánico habilitado para embarcar por cumprir 3 anos como interino, obriga a paralización dunha embarcación financiada con fondos europeos ante a parálise da...
Martes, 08 Outubro 2024

Concurso de estabilización de varias categorías de A1, A2, grupo II, III, IV e Cixtec: baremación definitiva do concurso

No DOG do 08/10/2024 publican varias baremacións definitivas da fase de concurso de determinadas categorías do subgrupo A1, A2 e escalas do grupo III e IV do persoal laboral da Xunta de Galiza, ademais do Cixtec: Baremación definitiva do concurso de méritos do subgrupo A1 que se relacionan: Corpo superior Escala de sistemas e tecnoloxías da información Escala superior de...
Luns, 14 Outubro 2024

Resolución do procemento de integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos

No DOG do 14/10/2024 publican a ORDE do 1 de outubro de 2024 pola que se resolve o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Acordan a integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galiza das persoas interesadas que se enumeran no anexo I da presente orde, co grupo...