Novas por contido

A CIG non asina o novo acordo de estabilización pactado entre sindicatos estatais e o Ministerio porque non soluciona o problema do abuso da temporalidade e mantén a taxa de reposición de efectivos.

O texto do acordo pactado o 5 de xullo de 2021 entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, co voto en contra de CIG e ELA, publícase no BOE do mércores 07 de xullo con efectos a partir do día seguinte. 

Este Acordo que modifica o EBEP, incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados nos anos 2017 e 2018, e introduce varios cambios claramente regresivos e outros que, aínda que se venden como melloras, van ter un efecto moi limitado e incluso discriminatorio. 

Analizamos o texto: 

1. Xustificación: CONSTRÚESE SOBRE AS RUÍNAS DOS ACTUAIS ACORDOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO DE 2017 E 2018

Os plans de estabilidade do 2017 e do 2018 non serviron, é evidente. As cifras que se reproducen no propio comezo do texto do Acordo son de escándalo: 56.000 prazas “estabilizadas” dun total de 218.000.

Na Galiza os datos de temporalidade hoxe aproxímanse ao 40%, polo que, a pesar de ter moitos procesos pendentes nas OEPs, foron pouco efectivos por lentos e caóticos con falta de criterios estabilizadores reais e homoxéneos nas notas de corte ou tipo e número de probas. 

Malia todo isto, o acordo actual levántase sobre esas ruínas, sen aportar solucións efectivas, indicando que o proceso de “estabilidade” se desenvolverá coas "mesmas condicións e características dos anteriores acordos". 

2. O apartado A) PROCESO DE ESTABILIZACIÓN NO EMPREGO PÚBLICO

Márcase o limiar de redución da temporalidade no 8% das prazas estruturais con procesos de estabilización de emprego e repítese case todo o previsto nos acordos de estabilización anteriores. 

PRIMEIRO: Afecta ás prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente ao menos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e que non foran incluídas nos procesos de estabilización dos Acordos da Mellora de Emprego do 2017 e 2018. 

Na Administración Xeral da Xunta todas as OPES derivadas do Acordo de Concertación asinado entre Xunta, CCOO e UGT, estarían fora deste novo proceso de estabilización polo tanto fora das accións dos seguintes apartados. Así a maioría da prazas xa foron ofertadas nas OEP 2019 (incluidas repescas de OEP 2017 e OEP 2018), OEP 2020 e OEP 2021.

Os procesos desenvolveranse estean ou non as prazas dentro dunha RPT e autorízase unha taxa adicional de estabilización (como agora, non entrará dentro da taxa de reposición). 

Sinalan un prazo máximo bastante longo: os procesos deben estar resoltos antes do 31 de decembro de 2024

SEGUNDO: Os procesos selectivos de concurso-oposición, cos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia, cunha valoración da fase de concurso do 40%. Como novidade posibilitan a creación de bolsas de interinos específicas ademais das listas de agarda. 

TERCEIRO: As administracións deberan asegurar os cumprimentos de prazos e implantar medidas para a axilidade dos procesos como a reducción de prazos, dixitalización, acumulación de probas..

CUARTO: A non superación do proceso selectivo da persoa que ocupe o posto dará lugar a indemnización. Ollo, só no caso das prazas convocadas ao aveiro deste plan de estabilización (non entrarían as xa ofertadas en base aos Acordos anteriores).

  • Funcionario/a interina: 20 días retribucións fixas/ano de servizo, ata un máximo de 12 mensualidades.
  • Laboral temporal: diferenza entre o máximo de 20 días e a indemnización correspondente pola extinción do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.

A non participación no proceso selectivo non xerará compensación económica.

3. O apartado B) REFORMA DA NORMATIVA BÁSICA EN MATERIA DE EMPREGO PÚBLICO

PRIMEIRO: So se poderá nomear persoal funcionario interino por razóns xustificadas de necesidade e urxencia nestas situacións:

  • Cobertura de prazas vacantes (cando non sexa posible por funcionario/a de carreira) cunha duración máxima de tres anos. Si se lle convoca a praza durante estes tres anos, poderá permanecer ata a súa resolución e o seu cese non implicará compensación económica.

  • Substitución

  • Execución de programas de carácter temporal (3 anos + 12 meses prorroga)

  • Por exceso ou acumulación de tarefas (máximo 9 meses dentro dun período de 18)

SEGUNDO: Selección do persoal funcionario interino en base a procedementos que respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade. O nomeamento non suporá en ningún caso o recoñecemento como funcionario/a de carreira.

TERCEIRO: Acúdese entre outras á causa da amortización da praza ou posto de traballo para finalizar á relación laboral sen indemnización. A ver se para despedir de balde van adicarse a amortizar!

CUARTO: As vacantes ocupadas por persoal funcionario interino deberán cubrirse a maior brevidade posible, e pasados 3 anos finaliza a relación laboral e só será cuberta por persoal funcionario de carreira, ou si nun proceso selectivo quedara deserto, farase un novo nomeamento por interinidade.

As actuacións irregulares por parte das administracións e incumprimentos de prazos máximos de permanencia dará lugar a compensacións económicas nos mesmos termos que si non se superara o proceso de estabilización, pero só será de aplicación aos nomeamentos e contratacións efectuados con posterioridade á entrada en vigor da reforma do TREBEP.  

PARA O PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA CERO PATATERO: MOITO DO MALO E NADA DO BO 

Este Acordo non facilita as cousas aos milleiros de persoas temporais da Xunta sexan laborais temporais ou funcionarias interinas, nin lles afecta a nivel indemnizatorio, ao estar hoxe a práctica totalidade xa incluídas en ofertas de emprego anteriores. Os procesos selectivos de concurso-oposición son os mesmos que os que temos hoxe e non obriga a que cambie nada “a mellor” como facer criterios comúns e estabilizadores nestas convocatorias, temarios reducidos…

Tampouco soluciona nin pon freo ao abuso da temporalidade posto que non elimina a taxa de reposición nin fixa un marco sancionador estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade, nin establece medidas reparadoras co persoal interino vítima do abuso na contratación temporal. 

Pola contra, a “sanción”, recae no traballador/a que vai ser despedido antes dos tres anos e se por calquera causa o despedimento se produce despois para colmo será sen compensación.

Outras novas recentes

Xoves, 31 Xullo 2025

Privatización do servizo de vixilancia de explotación de estradas

O pasado 10 de xuño, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) publicou na páxina de Contratos Públicos de Galiza a documentación relativa á contratación da conservación ordinaria e vialidade invernal das estradas dependentes da Xunta de Galicia. Nos pregos desta licitación figuran os requisitos e tipo de persoal con dedicación exclusiva que deben contratar as empresas...
Luns, 28 Xullo 2025

Caos nas probas visuais da Consellería do Medio Rural

Tras dous anos agardando pola creación das listas de escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Incendios Forestais (SPIF), fixeron unha apertura extraordinaria destas listas en xaneiro, seica pola urxencia, pero as probas non as fixeron ata a semana pasada, en plena campaña de alto risco. Na proba visual, realizada na EGAP o 23 de xullo, houbo unha...
Xoves, 31 Xullo 2025

RPT de Atriga, Facenda, C.Presidencia. RPT con cambios en admon. especial (para 01/08/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas que serán o día 1 de agosto, coa seguinte Orde do día: RPT DA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES Trátase dunha proposta de certa amplitude que foi tratada nunha xuntanza previa o día 11 de xullo. E agora, no mesmo día pretenden "negociar" en Mesa Sectorial de...