Novas por contido

A interinización forzosa non é novidade: vén do 2017

Aínda que algún sindicato se sorprenda agora e descubra o que a Xunta pretende facer co persoal laboral temporal, a interinización forzosa vén dunha modificación da Lei de Emprego Público introducida hai 4 anos pola Lei 2/2017, de medidas fiscais e administrativas.

A CIG xa denunciou daquela os plans da administración

Chamamos á atención sobre este asunto e posicionámonos en contra desta chantaxe xa en xaneiro do 2017, Lei de medidas fiscais e administrativas 2017

“...o persoal laboral temporal vai ter que optar entre aceptar o cambio a persoal funcionario interino ou o despedimento, sen opción a continuar como persoal laboral temporal. “

Lembrámolo de novo en xaneiro de 2019 no Boletín sobre o Acordo de Concertación Social.

“...rescisión de contrato para quen non acepte pasar a persoal funcionario interino.”

As restricións de permanencia do Icetazo pactadas por CCOO, UGT e CSIF

O que vai facer saltar polos aires todo isto é o RD-l 14/2021, o “Icetazo”, que vén derivado dun acordo do Ministerio con CCOO, UGT e CSIF onde se establece que os contratos ou nomeamentos por interinidade non poden exceder dos tres anos.

Consecuencias de conxugar a funcionarización co Icetazo

Ao mudar o vínculo xurídico e funcionarizarse (pasar de ser persoal temporal a persoal interino), aplican de cheo a limitación aos nomeamentos dos antigos temporais, agora funcionarios interinos, polo que ninguén poderá estar máis de 3 anos na praza.

E se non me quero funcionarizar?

Coa normativa na man, “...nos casos en que o persoal interesado non acepte o nomeamento interino..., a Administración procederá a efectuar os trámites legais tendentes á extinción da relación laboral”

Cobraría indemnización?

Sabemos que aínda que estea recollido na LEPG, a Xunta non vai pagar de oficio, o que implicará ter que acudir ao xulgado para que indemnicen.

Que pasará con persoal indefinido?

Pois que evidentemente se se lles propón a novación do vínculo xurídico perderían a indefinición e pasarían a ser funcionarios interinos en praza vacante por un período non superior a 3 anos (salvo as excepcións que recolle a lei).

Agora ben, isto implicaría que a Xunta se metería nun grave problema se o persoal indefinido non acepta interinizarse e eles extinguen o contrato, polo que en principio non sabemos como queren abordar este asunto pero xa anunciamos a nosa oposición.

Cando se vai aplicar a interinización forzosa?

Parece que a intención da Xunta é iniciala despois da funcionarización do persoal laboral fixo.

A única solución que garante dereitos sería a voluntariedade

Dende a CIG cremos que a única solución a esta perda de dereitos é que a voluntariedade sexa real e que a Xunta admita que quen non queira pasar a ser persoal interino poida permanecer como persoal laboral temporal ou indefinido, e así non ter que novar a relación xurídica co límite dos tres anos.

Mantemos que a normativa actual deixa marxe para que, previa á funcionarización se saiba que persoas non queren facelo e por tanto non se inicie un proceso, que de rexeitarse implicaría a extinción do contrato. A voluntariedade sería a mesma solución que se lle aplicou ao persoal laboral fixo coa funcionarización.

Outras novas recentes

Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...