Novas por contido

Solicitaremos reunións cos diferentes partidos para que apoien o recoñecemento deste dereito

Os sindicatos CIG, ELA, LAB, e a Intersindical Catalá presentamos o venres 15 de xullo en rolda de prensa a iniciativa conxunta que temos en marcha para exixirlle ao Goberno español o recoñecemento, este ano 2022, do dereito á xubilación aos 63 anos sen penalización, e aos 60 esta lexislatura, do persoal da sanidade, dos sectores sociosanitarios e do transporte sanitario. Na comparecencia, por parte da CIG, participaron o secretario nacional da CIG-Saúde, Manolo Moreira, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, e a secretaria nacional do sector de Administración Autonómica da CIG-Administración Pública, Zeltia Burgos. Tamén participa na campaña a FGAMT-CIG en representación do persoal do transporte sanitario

As organizacións sindicais reclamamos do Goberno que respecte, de maneira inmediata, o dereito das e dos profesionais da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo esixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.

Reunións cos partidos e demandas ás administracións autonómicas

Neste sentido, solicitamos aos partidos políticos con representación en Madrid que prioricen este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial para a sociedade, para a aprobación dos próximos orzamentos, condicionen os seus votos á aprobación deste dereito.

Así mesmo, esixímoslle aos Gobernos e diferentes administracións de Galiza, Euskal Herria e Catalunya, que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos como son as primas de xubilación anticipada.

Xubilación sen penalizacións

A actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.

Pero a articulación dese dereito, implica a aplicación de porcentaxes de redución á contía da pensión que poden alcanzar até o 21% e que non é recuperábel ao cumprir os 65 anos. A Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de 65 anos se poida rebaixar por Real Decreto para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.

Neste senso, reclamamos a aplicación da Lei 40/2007 para o dereito á xubilación aos 63 anos, sen penalización, este ano, para o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, incluídas en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social. O que demandamos é que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, se poida xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero.

Esta medida só precisa a aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007 polo que as organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá solicitamos reunirnos coas organizacións políticas presentes no parlamento español para demandar os apoios necesarios para a súa aprobación. Entendemos que á vista da actual aritmética parlamentaria, os seus votos son decisivos e é por iso que, de cara á aprobación dos próximos orzamentos, esiximos que prioricen este tema.

Tamén instamos o Goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.

Cadros de persoal cunha media de idade superior aos 50 anos

Os cadros de persoal teñen unha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e unhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindíbel a articulación deste dereito.

Atribuimos a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios á planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos. Unha planificación baseada en recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade.

As organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instamos a que durante esta lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e teña 35 anos cotizados. Para iso, solicitaremos das organizacións políticas presentes no parlamento español o apoio a este proceso negociador encamiñado ao recoñecemento deste dereito á xubilación ordinaria aos 60 anos dos profesionais da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado.

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...