Novas por contido

Publicouse no DOG do 27/12/22 a Oferta de Emprego Público (OEP) ordinaria do ano 2022 de administración xeral e especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, dependentes da Dirección Xeral de Función Pública. Queda pendente a publicación da OEP de  persoal funcionario de escalas sanitarias (Lei 17/89) dependentes da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas.

OEP de Función Pública

Acceso libre (anexo I)

Son 702 prazas de acceso libre. Non indican cal vai ser a forma de cobertura (oposición ou concurso-oposición). 

Din que van ao máximo de prazas que permite a Lei. Non temos maneira de verificalo, pero nalgún caso non nos coincide co que sabemos. Exemplo: en axentes ambientais cónstannos 91 vacantes, e trala intervención da CIG pasaron de ofertar 12 prazas o luns a 38 o mércores. Se manexan así de ben os datos nunha soa escala, non imaxinamos a trapallada que pode haber nas demais.

Na oferta hai un anexo II con oferta de promoción interna separada. Neste anexo I de acceso libre, para aquelas escalas que non aparezan no anexo II de promoción interna separada, haberá promoción interna conxunta con acceso libre, sendo o mínimo legal o 25%. Pero non indican cal vai ser exactamente a porcentaxe, polo que a decisión final quedará para cando se negocie cada convocatoria. Ante a incerteza que produce esa decisión posposta, a CIG insistiu en que as persoas interesadas teñen dereito a saber xa agora cales son os números exactos de oferta en cada escala e valorar se nesas condicións lle interesa preparala ou non.

Promoción interna separada (anexo II)

Ofertan 422 prazas para promoción interna separada, todas para corpos xerais e escala de persoal de servizos xerais (PSX). Nada para outras escalas ou administración especial.

En canto a quen vai poder participar na promoción interna, decidiron que para corpos xerais quedan excluídas as escalas, agás A2 de turismo e consumo que si poderán participar.

Para a promoción interna conxunta con acceso libre do anexo I, a concretar cando se publique cada convocatoria, que sería para escalas e administración especial, nada din de que tipo de persoal funcionario poderá participar. 

A CIG defendeu que o persoal que teña a titulación requirida poida participar na promoción interna sen ningún tipo de restrición.

Funcionarización (anexo III)

A OEP inclúe tamén prazas para continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo de determinadas categorías (algunhas ofertadas por primeira vez, outras son repesca de ofertas de funcionarización de anos anteriores).

A CIG mantivo sempre que o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo comezou polo tellado, pois debería ter sido o último chanzo despois de convocar e resolver un proceso selectivo, unha promoción interna, un concurso de traslados e trasladar á Lei do emprego público de Galiza os dereitos e deberes regulados no convenio colectivo. 

OEP de escalas sanitarias (Lei 17/89)

Coa mesma actitude que Función Pública, a consellería de Sanidade tamén despachou esta OEP formalmente en dous días, sen negociación real.

Unha ridícula oferta de 20 prazas para dúas clases. Sen datos de cal será a forma de provisión (oposición ou concurso-oposición). Sen datos cuantitativos nin porcentuais da promoción interna, e de quen vai poder presentarse á mesma.

Un novo modelo de promoción interna é necesario

A promoción interna ten demostrado ser procesos dun alto nivel de dureza. En todo caso, é necesario darlle un cambio ao modelo que facilite a progresión do persoal funcionario. O director xeral de Función Pública rexeitou a proposta que lle fixemos de impulsar os cambios normativos necesarios para habilitar a promoción interna mediante concurso de méritos, e sen límite de prazas (ter en conta que a promoción interna non computa para a taxa de reposición de efectivos). 

Outra cuestión que tampouco queren abordar é o feito de que o actual modelo bota atrás ás persoas que prestan servizos en localidades de alta demanda de postos e/ou deficiente oferta, xa que os compañeiros e compañeiras saben que se superan o proceso van ter que desprazarse de localidade ou pedir excedencia no novo grupo tirando pola borda o seu esforzo. Nesta liña, a CIG solicitou sen éxito que ou ben ser reclasifiquen os postos de quen supere o proceso, ou como mínimo se busque algunha fórmula que facilite a oferta de postos na localidade.

E xusto na liña contraria, se hai que escoller destino, que tamén poida escoller quen estea a ocupar un posto aberto ao grupo superior, voluntariamente. A nosa petición tamén foi rexeitada.

As negociacións que non existiron, e a xenuflexión de CCOO e UGT

Tanto a OEP de Función Pública como a de escalas sanitarias foron despachadas con dous días de diferenza, entre a Mesa Xeral do luns 19, e a Comisión de Persoal do mércores 21. Por maior abastanza, os datos cuantitativos de prazas para cada escala foi entregado apenas hora e media antes da primeira xuntanza, o que evidencia o nivel de negociación real que houbo.

A OEP de Función Pública contou co inestimable voto a favor de CCOO e UGT, e voto en contra de CIG e CSIF. A OEP de prazas de persoal funcionario de escalas sanitarias, quedou aprobada coa abstención de CCOO e UGT, e voto en contra de CIG e CSIF.

Outras novas recentes

Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o buzón de postos e continuarán en breve, pero non da...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...