Novas por contido

Están CCOO, CSIF e UGT a renegociar a carreira profesional con Función Pública?

Pois parece ser que por fin son conscientes de que a carreira profesional que pactaron coa Xunta ten eivas importantes, polo que xa se atreven a propoñer “interpretacións” na “comisión de seguimento” dos acordos que asinaron.

Pero se o que queren é ser un pouco máis ambiciosos e corrixir os problemas en serio, non queda outra que alterar algunha das indicacións dos acordos, pois “interpretar” cousas que vaian en contra dos acordos publicados é meter inseguridade xurídica por medio.

Na negociación dos acordos de carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario, e complemento do desempeño para o persoal laboral), tamén participou moi activamente a CIG, pero finalmente a Xunta marcou o límite, que foi aceptado por CCOO e UGT (e CSIF para o persoal funcionario). Aplaudiron coas orellas, e agora veñen os problemas.

Pero limitarse a "interpretar" o que está escrito non é suficiente se o que necesitamos é modificar algunha cousa dos acordos. É dicir, hai que facer cambios no sistema de carreira profesional, renegocialo, e así fixemos as nosas propostas para mellorala:

  • Ir a un sistema aberto permanentemente, sen prazos de solicitude. É dicir, que adquirir un grao da carreira sexa como cos trienios: comezas a cobralo en canto cumpres os requisitos, sen agardar a que publiquen unha convocatoria para solicitalo. Así as persoas que cumpren os requisitos non teñen que agardar a que alguén decida publicar ou non unha orde de convocatoria. Cun sistema aberto permanentemente e mantendo os prazos deixaría de existir un sistema ordinario e outro extraordinario e quedaría implantada un único modelo. E á vez poderíase abrir á porta ao cobro dos graos III e IV para aqueles compañeiros e compañeiras que xa levan moitas décadas traballando na Administración.

  • Abrir un prazo de repesca do sistema extraordinario de 2022 polo reducido prazo de solicitude. Foron demasiados casos de compañeiros/as que non o solicitaron en prazo, especialmente persoas que traballan en centros illados e non se decataron, ou quen por motivos de estacionalidade (como o persoal de incendios), estaba de vacacións xusto no medio do prazo de solicitude. Aínda que hai que modificar o acordo para suprimir os prazos de solicitude e deixala permanentemente aberta, para aquelas persoas ás que xa lle pasou desta vez, permitirlles que soliciten a carreira, con carácter retroactivo, e habilitar tamén para que as persoas que estaban en IT podan percibir a carreira xa que teñen dereito.

  • Persoal funcionario de carreira ao que se lle recoñeceu o grao I porque se lle valorou o tempo traballado noutras administracións, e que agora queda fora do grao II porque co novo sistema ese tempo non se lle conta. A CIG advertiuno na negociación pero non lle importou á Xunta, CCOO, UGT, e nisto tamén a CSIF (que si asinaron o acordo do persoal funcionario).

  • Restaurar o dereito á carreira a aqueles compañeiros e compañeiras que xa a estaban a cobrar e lla suspenderon (persoal laboral fixo que non aceptou a chantaxe da funcionarización ou simplemente suspendeu, recoñeceuselles o grao I, pero finalmente non puido ou non quixo funcionarizarse).

  • Suprimir a esixencia da funcionarización. Todos os sindicatos temos claro que o sistema de carreira é un novo concepto retributivo que se adquire mediante o cumprimento dun mínimo de anos de servizos e outros condicionantes, como a formación. Pero .. como é posible que dous sindicatos, CCOO e UGT, tragaran coa chantaxe da Xunta, de que o persoal laboral fixo só entre na carreira se acepta pasar obrigatoriamente a persoal funcionario?

    O persoal funcionario de carreira xa tiña o dereito no sistema anterior. Tamén o tiña o persoal laboral fixo que aceptara a funcionarización. O persoal funcionario interino e persoal laboral temporal tamén entrou, porque non lles quedou outra despois de que a CIG o gañara nos tribunais de Xustiza. Pero segue a quedar fora o persoal laboral fixo que non acepte a funcionarización. Estes son os únicos que continúan fora, porque así o quixeron a Xunta, CCOO e UGT.

Por suposto, que non renunciamos a que se recoñeza a carreira a quen xa no 2019 debería ter dereito, e con efectos retroactivos. Tamén esiximos que se resolvan as solicitudes dos centos de persoas que cumprindo os requisitos non cobran aínda hoxe a nova carreira profesional.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...