Novas por contido

O mércores 22 de febreiro participamos na Comisión de Persoal cos seguintes puntos da Orde do día: 1) RPT de Vicepresidencia 1ª e Consellería de Economía, Industria e Innovación; 2) RPT de Sanidade. En rogos e preguntas falamos do estado de varios procesos selectivos, da promoción interna, do salario dos funcionarios e funcionarias en prácticas, do carné de conducir das categorías de condución, integración do Consorcio, funcionarización e Lei de igualdade

RPT DE VICEPRESIDENCIA 1ª E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

Sen cambios respecto da proposta que trouxeron á Mesa Xeral, a CIG entende que non se está a executar a sentenza que gañamos e anula a RPT. CIG vota en contra. CCOO e UGT abstéñense. CSIF en contra.

RPT DE SANIDADE

Trátase da funcionarización dun posto vacante de persoal laboral para dar a posibilidade de adxudicación de destino a unha persoa de novo ingreso na especialidade de médico. CIG, CCOO e UGT votamos a favor. CSIF abstense.

ROGOS E PREGUNTAS

A CIG fai preguntas sobre os seguintes asuntos:

  • Auxiliares administrativos-C2 en prácticas: Na Resolución onde ser regula o período de prácticas establece que estas persoas teñen un horario “..entre as 7,45 e as 15,15 horas, NO DESTINO resultante…”. Co cal se lles tería que aplicar o disposto no artigo 141.1 da LEPG: “Se o curso selectivo ou o período de prácticas se realizar desempeñando un posto de traballo, percibiranse ademais as retribucións complementarias correspondentes a este.”. Que paguen os complementos de destino e específico dunha vez!! Ademais: hai xente que tiña a flexibilidade nun posto de persoal interino e agora tena denegada. O director xeral de Función Pública (DXFP) limitouse a respostar que cobran o que establece a normativa para o persoal en prácticas.

  • Promoción interna corpos xerais: queremos comezar a negociar xa. O DXFP sinala que hai que pechar outros asuntos.

  • RPT de Sanidade, paralizada en decembro do 2022. Insistimos en querer explicacións, xa que estaría a paralizar o concurso de persoal veterinario e obrigar a que en nada haxa dúas promocións en destino provisional. O DXFP volve a dicir que están a traballar nela, con xuntanzas con sanidade.

  • Elección de destino persoal subalterno: levan dende novembro esperando polo acto de elección de destino. Son os únicos que faltan de corpos xerais. Para cando o acto de elección de destino? Di o DXFP que tentarán sacar as prazas para a toma de posesión entre a semana que ven e a seguinte.

  • Elección de destino OEP social: pedimos datas. Resposta do DXFP: terapia ocupacional pendente de enviar a DOG, sairá a semana que ven; auxiliar enfermaría pendentes de que o tribunal saque o baremo definitivo; educadores “está en mans do tribunal”, pendente de rematar; traballo social “pendente de rematar”; enfermería están agora coa documentación; fisioterapia xa está enviado a DOG. Nas vindeiras semanas irán saíndo un ou dous.

  • Prazas de condutores/as do grupo III e IV: Preguntamos por que eliminan o requisito do carné de conducir E para as prazas de condutores do grupo III categoría 063. Nas listas de contratación esixen carné C+E (ata o de agora era así) e agora mudan de criterio e piden o mesmo carnet para as prazas de condutor dos grupos III e IV. Van ter problemas para levar a cabo algunha das tarefas da categoría, por exemplo para conducir bañeiras e semiremolques na AXEGA. O DXFP comprométese a ver se hai algún erro.

Máis información do DXFP

  • Orde de integración do Consorcio, está para publicarse.
  • RPTs de MR e de grupo V: esperan negocialas no mes de marzo.
  • Funcionarización do persoal laboral que remataron os procesos selectivos que remataron agora: xa están na OEP e preparando as negociacións da funcionarización.
  • Lei igualdade: aclarase que está convocada para este venres pola consellería unha negociación sectorial previa respecto a parte que afecte ao persoal empregado público. Posteriormente virá a MX e CP.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...