Novas por contido

Remitímoslle un escrito a Función Pública para que restableza as condicións á espera da sentenza tras a denuncia presentada en 2019.

Reclamamos a restitución dos dereitos laborais que foron recortados ao persoal empregado público coa escusa da crise en 2012. Máis dunha década despois o Goberno galego segue a utilizar os mesmos argumentos para non restablecer as condicións de traballo suspendidas o que nos levou a presentar demanda no 2019 ante o TSXG contra as decisións da Xunta de manter os recortes.

Queremos lembrar que a Xunta aproveitou a crise económica iniciada en 2008 para sacar adiante a lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, unha norma que impuxo recortes de dereitos laborais que se manteñen a día de hoxe a pesar de que o texto da propia lei establece que “o carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas”.

Unha vez atenuados os efectos máis graves da crise a partir de 2018 dende a CIG comezamos a demandar a restitución dos dereitos e desenvolver distintas mobilizacións con este obxectivo, porque nos cansámos de tentar razoar contra o muro dos sucesivos Gobernos do PP.

Por iso iniciamos un proceso de reclamación xudicial en 2019 para a restitución dos dereitos suspendidos con carácter retroactivo, e aínda estamos a agardar pola sentenza. Agora decidimos presentar un escrito dirixido ao director xeral da Función Pública reclamándolle a restitución dos dereitos suprimidos mentres non se produce a decisión xudicial.

Neste tempo o Goberno español derrogou a disposición adicional 2ª do RDL 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade coa lei 21/2022, de 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, en vigor dende o 01/01/2023. De xeito que o propio Goberno central, que ditou unha lei similar á galega no mesmo ano, recoñece por lei que non se dan as circunstancias que xustifiquen a aplicación dos artigos 32 e 38.10 do Estatuto Básico do Empregado Público. Por iso preguntámonos a que agarda a Xunta entón para restituír os dereitos laborais arrebatados ao seu persoal hai máis dunha década.

O texto derrogado é o seguinte:

"Disposición adicional segunda. Suspensións ou modificacións de convenios colectivos, pactos e acordos que afecten ao persoal funcionario ou laboral por alteración substancial das circunstancias económicas.

Aos efectos do previsto no artigo 32 e 38.10 do Estatuto Básico do Empleado Público entenderase, entre outras, que concorre causa grave de interese público derivada da alteración substancial das circunstancias económicas cando as Administracións Públicas deban adoptar medidas ou plans de axuste, de requilibrio das contas públicas ou de carácter económico financeiro para asegurar a estabilidade orzamentaria ou a corrección do déficit público."

A eliminación de dereitos baseouse precisamente no artigo 38.10 do EBEP, “por concorrer causas graves de interese público derivadas dunha alteración substancial das circunstancias económicas que afectaban á sustentabilidade das contas públicas”. A súa vixencia ficou condicionada á crise económica que se iniciou en 2008, rematou en 2014 e deuse por totalmente superada en 2018, segundo se recolle nos argumentos incluídos na nosa demanda.

Os dereitos suspendidos foron:

• O Fondo de Acción Social: suprimiron todas as medidas agás as destinadas a persoal empregado público con persoas con discapacidade a cargo; todas as demais quitáronas, como por exemplo a axuda por adquisición de vivenda, estudos de crianzas ou para gastos en gafas, lentes de contacto ou dentista.

• O dereito a nove días de “permiso por asuntos persoais sen xustificación”, quedando reducidos a seis.

• Artigo 19º do V Convenio Colectivo, relativo ao “descanso e festivos”.

• Artigo 29º do Convenio Colectivo, relativo aos “dereitos de comedor”.

• Artigo 34º.2 do Convenio Colectivo, relativo á “gratificación por xubilación”.

• Disposición Adicional 3ª, relativa a "períodos de descanso en Nadal e Semana Santa”.

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...