Novas por contido

Aparentemente, nos seguintes meses teremos a convocatoria de tres concursos (primeiro incendios, despois escalas sociais, seguido do resto de administración especial). Do resto (corpos xerais e demáis escalas), o DXFP non se compromete. Mentres, teiman en manter a valoración das comisións de servizo no baremo de traballo desenvolvido.

Despois de varias xuntanzas e escritos de alegacións, e catro borradores do concurso de traslados de Administración especial, que servirá de modelo para todos os concursos, a CIG e a Dirección Xeral de Función Pública mantemos numerosas diferenzas. Aquí, queremos destacar dúas cuestións:

Concurso de traslados para todo o persoal

O tempo que pasa entre concursos é excesivo. Temos xente que leva anos e anos desprazándose entre localidades cando hai numerosas vacantes dispoñíbeis (que se adxudican en comisión de servizos, a dedo). Temos algunhas escalas con máis de 10 anos sen concurso. A CIG esixe que se convoquen os concursos de traslados para a totalidade dos corpos e escalas da Administración Autonómica, de xeito que poidan estar TODOS resoltos antes do 31/12/2024.

O DXFP non dá prazos. Tan só fala da orde que van seguir (algúns): primeiro o das escalas de incendios, despois as escalas sociais, e por último o resto da administración especial. Dos corpos xerais, e do resto de escalas de administración xeral non di nada, non se compromete a poñer datas, nen sequera aproximadas.

E aquí cabe unha reflexión: existe a posibilidade de facer un concurso único para absolutamente todo o persoal da Administración autonómica, con todas as prazas vacantes? Non é obrigatorio que os concursos teñan que ser por escalas ou grupos de escalas, podería ser para a totalidade dos postos á vez. Cada concursante só vai poder facelo ás prazas que están abertas ao seu corpo, escala ou especialidade. E isto tamén resolvería as situacións que se teñen dado no pasado de que os corpos que primeiro concursan eran os que collían os mellores postos cando estaban abertos a varios deles.

Deste xeito tamén se poderían incorporar ao concurso único os corpos xerais e escalas que Función Pública agora elude contestar cando van concursar.

Traballo desenvolvido en comisión de servizos

O baremo do traballo desenvolvido calcúlase cunha fórmula que ten en conta o tempo que se prestou servizos en diferentes niveis. O problema está en como valorar os niveis en comisión de servizo. 

A CIG teno claro: as comisións de servizo son adxudicadas sen criterio obxectivo algún, directamente a dedo, a vontade das persoas con responsabilidade política na Administración. Nesa situación rexeitamos que un nivel obtido porque a alguén lle saiu das narices concedelo, teña o máis mínimo valor como mérito nun concurso de traslados. Outra cousa diferente sería se existise algún tipo de criterio obxectivo para a súa adxudicación. Pero non é o caso.

No último concurso de corpos xerais mediaron tantos anos entre que se solicitaron as prazas e se resolveu o concurso, que por medio houbo un importantísimo número de prazas libres que foron adxudicadas en comisión de servizos. Mesmo puidemos ver como xente que obtiña un destino, estaba en comisión ao día seguinte. Non houbo criterio algún, non houbo obxectividade, foi algo discrecional. E no caso de administración especial, pasaron tantos anos dende o anterior concurso que temos unha enorme cantidade de persoas en comisión. E agora imos valorar iso como mérito?

A CIG, así como todos os sindicatos presentes nas xuntanzas (CCOO, CSIF, UGT e SEPGA), solicitamos que o tempo traballado en comisión de servizos fora valorado como no posto de orixe. O DXFP por agora, teima en manter o seu criterio.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Martes, 06 Outubro 2026

Elección de destino de varias escalas de C1, C2 e AP

No DOG do 05/10/2026 publican a Resolución pola que se modifica a Resolución do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...