Novas por contido

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas.

Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de competencia da comunidade galega e non afondan en dar solucións aos principais problemas deste persoal que sí son cuestións de competencia estatal directa.

Ademais non se nos convocou como organización sindical coa consideración de mais representativa nin se negociou dentro da Mesa Xeral das Administracións Públicas, a pesar de que este persoal na Galiza e noutros territorios é persoal empregado público.

Tendo en conta que pouco mudou o contido dos textos dende o anterior intento de proxectos de lei (que se desbotou por mor da convocatoria das pasadas eleccións xerais), as nosas propostas seguen sendo as mesmas que daquela.

A modo de resumo estas son as nosas principais reivindicacións:

 

Axentes forestais e medioambientais

• Funcións: obviase a función da dirección técnica de extinción (DTE), función fundamental e necesaria na Galiza en relación coa loita contra o lume. Solicitamos a súa inclusión no texto.

• Coeficientes redutores da idade de xubilación: propoñemos regular de xeito directo a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación anticipada (0,20 por ano completo efectivamente traballado).

• Colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado: opoñémonos a que se articulen nesta norma competencias que non son de entidade estatal e polo tanto non son función directa destes corpos. Con este proceder, se estaría a validar unha duplicidade de competencias.

• Seguridade e saúde laboral: precísase un catálogo de enfermidades profesionais propias e medidas impositivas cun prazo máximo de actuación e un sistema de avaliación.

• Uniformidade: é preciso estabelecer a igualdade da uniformidade do persoal dos parques nacionais transferidos.

• Igualdade: propoñemos a obriga de estabelecer un plan específico de igualdade atendendo á especial infrarrepresentación feminina.

 

Bombeiros/as forestais

• Xubilación anticipada: concordamos con que a xubilación para o persoal bombeiro forestal sexa a recollida no Real Decreto 383/2008, de 14 de marzo tal e coma sostivo sempre a CIG. Nós solicitamos que se estenda o cálculo para os coeficientes redutores con carácter retroactivo e vinculados ás funcións efectivas realizadas independentemente da nomenclatura da categoría empregada.

• Precariedade laboral: a pesares de que este anteproxecto referise á alta temporalidade e estacionalidade, non achega solucións a este problema. Dende a CIG defendemos a necesidade de traballar os 12 meses do ano, cun servizo profesional de emerxencias completo no medio natural e rural.

• Dereitos laborais básicos: o proxecto de lei debería recoller medidas impositivas concretas para implementar unha conciliación laboral e familiar real e efectiva. Ademais, tería que estabelecerse unha xornada máxima anual universal que tivera en conta os coeficientes multiplicadores do traballo nocturno e a quendas e as condicións tóxicas e penosas desta actividade.

• Seguridade e saúde laboral: debe estabelecerse un catálogo de enfermidades profesionais e un regulamento de prevención de riscos laborais propios no prazo máximo dun ano.

• Igualdade: hai que eliminar do texto a linguaxe sexista e implementar a obriga de establecer un plan específico de igualdade atendendo á especial infarrepresentación feminina.

• Servizos 100% públicos e con mando único.

• Formación: debe ser unha formación ampla e axeitada. Ten que ser considerada en todo caso como de prevención de riscos laborais (PRL) e realizada en tempo de traballo.

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...