Novas por contido

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar.

Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa valoración das luces e sombras da proposta de horarios.

Luces

• Sempre propuxemos as quendas de 10 horas coas cadencias de libranzas T-L-T-L-L-T-T/L-T-L-T-T-L-L. Para nós é un grande avance non poder traballar máis de dous días seguidos e a continuación ter algunha xornada de descanso e non poder facer secuencias de 5 días seguidos de traballo con prolongacións ata as 12 horas.

• A Consellería aceptou a nosa proposta de facer dúas semanas de noite de cada 8, pero o que xa non compartimos é que o aceptou para todos menos para as brigadas. O argumento de que hai distritos onde hai só 5 brigadas e senón non darían as contas parécenos bastante feble pois tamén hai distritos onde hai brigadas que son múltiplos de 4. De tódolos xeitos esa situación en dous anos máis so vai suceder 3 meses no ano nalgún distrito puntual.

• Entendemos coma positiva a eliminación das prolongacións de xornada, excepto para os lumes de nivel operativo 2. Agora só falta que se cumpra. Por este motivo propuxemos mudar a quenda de noite de 23 a 09 e que se solapara nunha hora a quenda de noite e a de mañá e non se fixeran prolongacións de xornada si ou si.

• Libranzas de fins de semana alternos todo o ano en consonancia coa nosa proposta.

• Compensación polo tempo traballo en domingos e festivos. Aínda que dende a CIG defendemos a compensación en tempo de descanso.

• Vacacións tamén no verán. Veremos baixo que criterios.

Sombras

• Non queremos franxas horarias que supoñan entrar a traballar nunha xornada e rematar na seguinte senón é preciso. Por qué hai que traballar ata a 01 ou ás 02 da madrugada? O descanso establecido no acordo é de dous días ininterrompidos. Se se retira á 01 da mañá xa se traballa no día seguinte . Isto non ten razón de ser, na quenda de noite é inevitable, pero é facilmente solucionable se na quenda de tarde todo o mundo se retira ás 24 horas consonte á nosa proposta. A maiores dende a CIG sempre defendimos o binomio brigada-motobomba e con este sistema isto non é posible.

• No caso das motobombas establécense unhas quendas de dúas semanas de noite consecutivas cun cambio de noite a mañá, cambio que dende a CIG non compartimos. Sempre propuxemos e imos seguir defendendo que da quenda de noite se pase sempre á de tarde para optimizar o descanso e diminuír a brusquidade da rotación. Igual cambio sucede nos centros de coordinación e vixiantes. Por que a cadencia non pode ser N-T-T-M-M-N-T?

• Seguimos sen unha proposta en firme de horarios para as brigadas helitransportadas. Na CIG temos claro que calquera proposta neste senso pasa por equiparar a xornada máxima anual de todo o persoal.

• O cobro da nocturnidade segue sendo unha cuestión sen a regulación debida. Por que se vai manter o sistema que fai que se cobren as noites varios meses despois de realizalas e en ocasións a maiores cun atraso adicional? Existe moito persoal na Xunta que realiza quendas de noite e as cobra no mes seguinte coma máximo. Pero o persoal do SPIF segue sendo unha excepción.…..a peor claro. A maiores nós defendíamos o cobro nunha cantidade fixa integrada no complemento específico, cuestión que nunca se aceptou.

A todo isto hai que engadirlle que a día de hoxe seguimos sen a convocatoria ao Comité Intercentros para adecuar a aplicación das condicións específicas de traballo fixadas neste acordo ao réxime xurídico do persoal descontinuo do servizo de prevención de incendios forestais tal e coma recolle o acordo. Dende a CIG solicitamos a súa convocatoria inmediata para que todo o persoal teña os mesmos dereitos e non se vexa minguada a operatividade do servizo.

Tampouco podemos esquecer que os horarios do persoal é a primeira cuestión que tiña que tratarse dentro desa comisión de seguimento, pero aínda quedan moitas cuestións pendentes que teñen que ser obxecto de negociación.

Outras novas recentes

Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...