Novas por contido

Na páxina web Museos de Galiza da Xunta de Galicia podemos atopar información do chamado “Conxunto Etnográfico do Cebreiro”. Cóntanos que está formado por catro pallozas, tres delas musealizadas. Tamén temos información dos horarios de apertura, iso si tamén nos advirten do seguinte: “Este centro pode estar pechado puntualmente por causas técnicas”.

Esta advertencia non é casual, este conxunto etnográfico leva pechado todo o mes de agosto.

Alguén podería preguntarse cales poden ser as causas técnicas que teñen pechado este singular conxunto etnográfico na época de maior afluencia de visitantes a O Cebreiro. Como pode a Xunta de Galiza ter pechado o único espazo musealizado que ten en todo o Camiño Francés? Un conxunto único, que permite aos visitantes que acaban de entrar en Galiza realizar unha inmersión instantánea nunha Galiza que xa non existe, pero que nos conforma como pobo.

Noutra páxina web da Xunta de Galiza Cultura de Galiza tamén temos información da exposición dos traballos derivados do “III Encontro Internacional de cestería no Camiño” que se pode visitar no Museo Etnográfico do Cebreiro do 1 de xullo ao 30 de setembro de 2024. Neste caso xa non hai información de que o museo pode estar pechado por causas técnicas, pero polo de agora dos 3 meses que dura a exposición 1 mes xa non se puido visitar.

Para sacar de dúbidas a quen se faga estas preguntas imos explicar as “causas técnicas” deste peche:

Os xestores políticos da Xunta de Galiza son incapaces de realizar un chamamento polas listas de substitución para cubrir a baixa do vixiante do museo. A persoa que realizaba esas labores até o mes de agosto está de baixa laboral, nas listas de substitución para ese posto no ámbito no que está incluído O Cebreiro hai nestes momentos 34 persoas apuntadas e o trámite para realizar o chamamento pode durar 3 días. A única causa técnica que existe para ter o Conxunto Etnográfico do Cebreiro pechado durante o mes de agosto é a incapacidade dos xestores políticos da Xunta de Galiza para realizar o seu traballo.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...