Novas por contido

A reestruturación da Xunta de Galiza lévase por diante á GAIN e ao seu persoal

Os secretarios xerais técnicos da Consellaría de Economía e Industria e da Consellaría de Educación convócannos o luns 18 de novembro de 2024 aos sindicatos a unha xuntanza “informativa”, sen opción a negociar ningún aspecto, e a 12 días de  efectuar os traspasos de traballadoras e traballadores (1 de decembro de 2024).

Nada máis recibir a convocatoria da xuntanza, dende a CIG solicitamos o acceso á documentación que ía ser tratada nela, sen que fose respondida a nosa petición, e sen permitírsenos ningunha posibilidade de estudar e valorar o texto do Borrador do Acordo de traspaso entre a Consellería de Educación, Ciencia e Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Economía e Industria. 2º Acordo de traspaso: adscrición de postos con nivel orgánico inferior a servizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasados, o cal se nos entrega en papel unha vez iniciada a reunión.

A CIG pide, en primeiro lugar, que aclaren se estamos nunha mesa de negociación, ou ben nunha mesa de información, porque se falamos de postos de traballo debería tratarse dunha mesa de negociación de RPT, tal e como establece o Estatuto Básico da Empregada Pública, e en ningún caso dunha mesa informativa. Co que nos topamos é cunha situación “estraña” de borrador de acordo entre consellarías con respecto ao cal semella que se nos convida a sermos meras testemuñas.

En segundo lugar, pedimos explicacións dos motivos polos que non se nos facilitou o borrador de acordo con antelación para poder estudalo e verificalo, e traer á xuntanza unha idea clara do que se pretende facer que posibilitase manter uns mínimos de diálogo.

Ademais, poñemos de manifesto que unha cousa é que cambien as funcións de consellarías ou entes e se nos dea traslado diso, consonte a potestade autoorganizativa da Administración, e outra cousa moi distinta son os traslados e modificacións de postos. Despois de botar unha visual rápida ao documento, non entendemos que o “persoal propio” da GAIN se traslade a outras consellarías ou entes. Iso poderíamos entendelo despois de resolto o proceso específico de estabilización deste persoal consonte a Lei 20/2021, e unha vez que este persoal sexa funcionario ou laboral da Xunta de Galiza, e non persoal propio da GAIN. Por este motivo, poñemos en dúbida a legalidade deste traspaso, a falta de dispoñer de máis documentación e poder estudar o borrador.

Na xuntanza instamos a que se nos convoque á preceptiva mesa de negociación dos postos de traballo que se cambian, se nos facilite toda a documentación relativa ás modificacións, como o informe de simplificación administrativa no que se indiquen os criterios do traslado, ou unha memoria funcional dos traslados e dos motivos que os ocasionan, que dean soporte ao discurso exposto pola empresa durante a reunión.

Por parte da Consellaría de Economía e Industria e Consellaría de Educación confírmannos que se trata dunha xuntanza “informativa”, e non contestan á falta de transparencia e boa fe ao non facilitar a documentación. Tentan convencer de que a situación é algo totalmente habitual na Xunta cada vez que hai remodelacións, nas que din que sempre hai persoal que pasa dunha consellaría a outra, e que descoñecen que nestes casos se fagan negociacións. Indican que se consideramos que hai que incluír algún tipo de medida ou garantía no acordo, que llo comuniquemos, ademais de aclarar que se trata dunha subrogación: a Consellaría de Economía e Industria e o Igape subrógranse na titularidade de GAIN. Aseguran que as condicións do persoal seguirán sendo as mesmas e que non vai haber ningún prexuízo para as persoas traballadoras. Consideran que a data máis axeitada é o 1 de decembro, aínda que os efectos económicos os deixan para un momento posterior, segundo a disponibilidade dos créditos; e afirman que as présas responden a que cada consellaría ten as súas competencias, que “as competencias hai que exercelas” e que é un transvase de prazas coas mesmas condicións que teñen.

Por parte de Emprego Público aclaran que os compromisos se van manter, que a estabilización vai seguir o seu curso, que o persoal tomará posesión en destino provisional no posto que ocupan, e que haberá a integración no V Convenio e a funcionarización previstas. Negan que sexa unha situación rara, cualificándoa de “especial”, e que están tratando ao persoal propio de GAIN como se fose persoal da Xunta, sen máis… Din que ao longo de 2025 contan con ter rematadas esas situacións.

Dende a CIG manifestamos a nosa total oposición á sinatura deste acordo mentres non haxa negociación das modificacións dos postos de traballo, e consideramos que, se asinan o acordo directamente, a nosa central sindical non entrou na negociación. Así mesmo, insistimos en que dubidamos da legalidade do traspaso do persoal propio de GAIN, e da capacidade deste persoal de poderse trasladar ás consellarías ou outros entes, pola súa casuística e situación específica (de aí uns procesos selectivos propios), antes das resolucións da estabilización e do cumprimento dos acordos asinados entre determinados sindicatos e Emprego Público, agás que estes sindicatos asinantes se queiran saltar os procesos e protocolos que establecen o procedemento de como han de levarse a cabo estes traslados co persoal legalmente establecido, porque esta situación é unha volta atrás para o persoal de GAIN. Só os postos de persoal funcionario de GAIN son susceptíbeis de seren trasladados, e por iso pedimos que esta situación especial de suposta "legalidade" se documente, e non se limiten a defendelo verbalmente.

Non volvemos ter noticias nin de parte da Consellaría de Economía e Industria, nin de parte da Consellaría de Educación, nin tampouco de Emprego Público, e esta central sindical non foi convocada á negociación da modificación de postos que se vai levar a cabo.

Outras novas recentes

Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...
Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...