Novas por contido

O pasado 3 de marzo a Xunta de Galiza, nunha comparecencia pública do Presidente Rueda, anuncia o Plan de axilización e simplificación dos trámites da dependencia e discapacidade. Este plan, implementado dende xaneiro, basease segundfo refiren en:

  • Na “redución ao máximo dos trámites” ao introducir un novo modelo de solicitude conxunta.
  • Na creación de xefaturas de servizo de discapacidade nos 4 departamentos territoriais, postos directivos e de libre designación que non incidirán en aliviar a sobrecarga de traballo porque estes non tramitan expedientes, e no reforzo con 11 profesionais a área de dependencia, ademais das equipas de reforzo xa contratadas.
  • Na formación específica para o persoal.
  • Na implantación do plan de produtividade que consideramos ineficaz posto que o persoal está sobrecargado e evidencia a necesidade de máis equipas. Falar de produtividade é unha demagoxia xa que non se da feito o traballo de cada día.

Este anuncio, sen tratalo coas equipas técnicas, produce un incremento arbitrario das solicitudes e caeu coma un xerro de auga fría sobre os/as traballadores/as das equipas de valoración así como no resto de persoal da área social, que levan anos soportando unha gran sobrecarga de traballo. A Xunta agradécello querendo difundir a idea errónea de que este persoal  precisa de incentivos económicos para facer o traballo xa que, polo que insinúan, ata o de agora debían de estar incumprindo coas súas obrigas...

Dende a CIG levamos anos insistindo na creación de novas equipas con prazas estructurais para poder desatascar dita situación.

Con este plan xorden unha serie de dúbidas ou eivas no procedemento que dende a CIG poñemos enriba da mesa:

- Antes do 2025 todas as valoracións facíanse partindo da información do informe social, entre outras. Agora, nalgúns casos prescinden del, polo que, como e quen vai informar sobre a situación real do contexto no que vive a persoa?
A carencia de informe social, dunha valoración, dun diagnóstico e dun asesoramento sobre a idoneidade dos recursos pode supoñer unha situación de vulnerabilidade das persoas dependentes consentida pola Administración. De feito a través destas profesionais é dende onde parten as solicitudes de emerxencia social tras detectar situacións de risco social.

- Converten ás traballadores sociais dos concellos en persoal administrativo xa que “so teñen que proceder a encher a solicitude”. Semella que podería ser este un nicho aboado á entrada de asesorías privadas que por un “módico prezo” lles fagan os trámites á xente que por urxencia, descoñecemento ou falta de habilidades telemáticas non lles quede outra… 

- Ata o de agora asinaban as valoracións os órganos de valoración como órganos colexiados. Agora pretenden que o asinen as traballadoras sociais das equipas de valoración, dándose xa o caso de profesionais que se negan a facelo, posto que ditas resolucións correspóndenlles a un órgano colexiado e non a un/ha profesional en exclusiva.

- Desprofesionalización das equipas. Cando falan de “persoal técnico das áreas sanitaria e social”, que categorías ou escalas compoñen estes profesionais cualificados?  

- O persoal contratado para as equipas de reforzo xa implementadas teñen unhas diferencias retributivas escandalosas fronte ao persoal que, coa mesma titulación, fai o mesmo traballo que estes veñen a reforzar. Ademais o tempo traballado non se lles ten en conta para as listas de contratación temporal da Xunta de Galiza.

- A equiparación entre os grados de dependencia e a porcentaxe de discapacidade recoñecida de feito, fai que unha persoa cun grado de dependencia 3 lle corresponda un 100% de discapacidade, algo nunca visto ata o de agora...

- A estratexia de non dar cobertura a través dos servizos públicos directamente e substituílos por libranzas do servizo; de axuda no fogar, de centro de día ou de residencia, que as persoas usuarias teñen que complementar cun co-pago, moi difícil de asumir polos dependentes e os seus coidadores, en moitos casos obrigan a estas persoas a declinar estes servizos ofertados de maneira indirecta por non poder asumir este custo.

- Para o persoal que fai as valoracións a domicilio a falta de informe social vai supor un risco engadido á falta de valoración de riscos laborais nos domicilios aos que teñen que acudir. Este persoal tamén debería de acceder a cursos de condución segura  e  ter enconta que con alerta metereolóxica vermella ou laranxa non deberían de facer valoracións en domicilios.

Este Plan aquí exposto, coa súa faciana amábel e vendíbel exposta pola xunta, máis sobre todo coas eivas que nos traslada o persoal que leva anos traballando arreo neste procedemento, ven de rematar coa dúbida formulada polo goberno de España que a través do  Ministerio de Política Territorial enviou á Xunta unha invitación para participar na comisión bilateral de cooperación para abordar ditas discrepancias que afectan a varios artigos da lei, advertindo de que en caso de non haber acordo o asunto podería rematar no Tribunal Constitucional...

A Xunta de Galiza debe implementar realmente a Dependencia para todas as persoas que a necesiten, con  servizos sociais públicos de xestión directa, e que tanto a tramitación, a asignación do recurso e a súa xestión non pretendan o desprestixio do servizo e a súa privatización.

Outras novas recentes

Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...
Luns, 27 Xullo 2026

Nomeamento como persoal funcionario dos subgrupos A1, A2, C1, C2, persoal subalterno e apertura do prazo posesorio

No DOG do 27/07/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2026 pola que se procede ao nomeamento como persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244,...
Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...