Novas por contido

Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 h, na Illa de Arousa

 

 

Dende a CIG chamámosche á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño.  A marcha de terra arrancará da praia do Vao, na Illa de Arousa,  ás 12:00 h, baixo o lema «Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino».

Esta manifestación  forma parte da campaña comezada no mes de marzo, coa recollida de sinaturas, para exixirlle a Rueda o peche definitivo de Altri e da mina de Touro e  demandarlle ao Goberno galego que proceda á denegación definitiva e posterior arquivamentos de ambos os dous proxectos.

Até hai unhas semanas, a Xunta mantiña que  Altri «estaba morto» pero, malia estas afirmacións, e a piques de rematar o prazo, a empresa presentou alegacións a favor do proxecto. Na nota de prensa, a compañía di que nesas alegacións achegan unha solución ao problema do subministro eléctrico, que é a mesma que xa figuraba cando presentaron o proxecto en marzo de 2024. Altri minte dende o primeiro día e segue a mentir agora, como cando dixo en 2023 que non se implanta en territorios nos que a xente non os quere.

Mina de Touro-O Pino

A mina de Touro-O Pino, tanto o primeiro proxecto como o segundo, supoñen un impacto ambiental negativo e son esencialmente iguais. A recente sentenza do TSXG anula a declaración da Xunta sobre o primeiro proxecto en xaneiro de 2020 só porque se fixeron mal os trámites. Reclamamos que se manteña a declaración de impacto ambiental negativa neste proxecto, así como o que Cobre San Rafael presentou en 2024, coa fraude de que é o mesmo proxecto, pero cunha nova lei que nos deixa máis indefensas que no proxecto de 2017, xa que a actual tramitación limita moito máis o dereito de defensa.

Os anuncios feitos pola conselleira no Parlamento sobre novos dereitos mineiros teñen unha realidade tráxica co  proxecto da mina de Touro-O Pino. Digan o que digan dende a Xunta ou dende calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi elevado para a veciñanza dos concellos afectados e representa un novo intento de espoliar os nosos recursos. Queren impoñernos unha herdanza envelenada, afondar o papel colonial e subministrador de recursos a outros territorios mentres en Galiza avanza a desertización económica e social, mentres sectores produtivos que xeran riqueza e asentamento de poboación no territorio se ven arrasados.

Crítica situación da Ría de Arousa

Todo isto cando é moi crítica a situación que atravesa a Ría de Arousa, cun deterioro constante das súas condicións sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade. Mais ben ao contrario, o que fai a Xunta  é promover estes proxectos e outros como a planta de betume de Vilagarcía ou o punto de vertedura dos dragados do Lérez na boca de Sálvora. Proxectos que son unha ameaza para a ría e que van en contra de milleiros de familias que viven honestamente dela.

Altri e a mina de Touro-O Pino representan un conflito ambiental, territorial e social que segue máis vivo ca nunca, é un conflito no que nos xogamos o dereito a vivir e a traballar na nosa terra, porque nos impoñen un proxecto depredador.

Por todo isto, dende a CIG facemos un novo chamamento á mobilización en defensa da ría e para rexeitar todos os proxectos que a poñen en perigo.

Autobuses fletados pola CIG

  • Pontevedra: saída ás 10:30 h desde o Pavillón dos Deportes. Inscrición no 986 847 610.
  • Lugo: saída ás 8:45 h desde o edificio sindical. Inscrición nos teléfonos 982 225 812 e 616 950 778 (WhatsApp).
  • Ferrol: saída ás 9:00 h desde o local da CIG en Esteiro, con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. Inscrición no 981 358 750 ou en ferrol@galizacig.gal.
  • Santiago de Compostela: saída ás 10:15 h desde o campo Vero Boquete. Inscrición no 627 912 542 (ata o 10 de xuño).
  • A Coruña: saída ás 9:00 h desde o Campo da Leña, con paradas en San Pedro de Mezonzo e no edificio sindical (SEAT). Inscrición no 981 169 293.
  • Val Miñor-Vigo-Redondela: saída ás 9:45 h da Ramallosa, ás 10:15 horas do local da CIG en Vigo e ás 10:30 horas de Redondela-Chapela. Inscrición no 986 827 900 (ata o venres 12).
  • Ourense: saída ás 9:30 horas desde o Pavillón dos Remedios, con parada ás 9:50 h na rotonda de Viña Costeira. Inscrición nos teléfonos 988 782 726 e 674 227 824.

Non faltes!!

Outras novas recentes

Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...