Novas por contido

Anos, e mesmo décadas, para conseguir completar os dous niveis (medio e superior) de linguaxe administrativa galega: este é o panorama ao que nos enfrontamos o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais, dada a reducidísima oferta de prazas ano tras ano.

A EGAP ten por lei entre os seus fins a difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega. Estes fins están en consonancia co estipulado no propio Estatuto de Autonomía de Galiza, na Lei 3/1983 de normalización lingüística (LNL) e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Os poderes públicos, ademais de potenciar o emprego do galego, teñen que dispoñer os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento; e, no caso da Administración da Xunta, teñen como obxectivo específico do PXNLG  mellorar a calidade do idioma falado e escrito polo persoal empregado público.

Porén, unha queixa unánime e abafante do persoal dende hai moitos anos é a imposibilidade de conseguir unha praza nos cursos de linguaxe administrativa da EGAP. E como non vai selo cando 5000 persoas temos que competir por 900 prazas?!

Plan de formación anual 2025 continuísta e sen resposta ás necesidades reais

A pesar desta situación insostible, na EGAP seguen a botar balóns fóra  cada vez que denunciamos esta situación e esiximos como solución un plan de normalización e difusión para o galego e un plan formativo específico acorde ás necesidades e demanda reais do persoal e aos méritos que Emprego Público esixe e puntúa nos procesos competitivos ou carreira profesional. No plan de formación anual da EGAP para 2025 a oferta de cursos de linguaxe administrativa volve ser moi insuficiente, seguen a ignorarse as nosas peticións e continúa a incumprirse flagrantemente a normativa lingüística, o dereito do persoal a formármonos e a obriga da Administración de poñer os medios precisos.

Opacidade nos procesos de selección da EGAP

Existe unha falta total e absoluta de transparencia nas listaxes de persoal candidato aos cursos en xeral e, en particular, aos cursos de linguaxe administrativa, dado que en ningún momento a EGAP fai públicas as puntuacións desagregadas obtidas por cada persoa seleccionada nin polas persoas que quedan na listaxe de agarda en cada convocatoria. 

Por outra banda, os criterios de selección que está a aplicar a EGAP ignoran a casuística propia dos cursos de linguaxe administrativa, dado que se trata de cursos estruturados en varios niveis (medio e superior) nos que, a diferenza do que se establece para o resto de cursos con niveis da EGAP, non se aplica ningunha preferencia de selección, mesmo cando sería posible darlle prioridade ás persoas candidatas que cursaran o nivel medio de linguaxe administrativa da EGAP pola orde da data da súa obtención.  

Ademais, as posibilidades de selección do persoal candidato aos cursos de linguaxe administrativa redúcense porque a EGAP non permite optar á totalidade de prazas convocadas, senón unicamente a unha edición das múltiples nas que se divide a oferta. Na CIG demandamos que o persoal poida optar á totalidade de prazas e sexa baremado en función desa totalidade de prazas e non dun subconxunto delas.

Incremento da oferta de prazas xa!

A solución  non é abocar ao persoal que aínda non obtivo acceso ao curso medio ou superior de linguaxe administrativa debido a unha oferta insuficiente a que renuncie ao resto da formación anual para incrementar as súas posibilidades de selección a futuro. A solución é fornecer os recursos humanos e medios materiais precisos no curto prazo para responder á demanda real e incluír nos plans de formación as prazas suficientes, non unha oferta 5.5 veces menor á demanda.

Se non conseguiches acceder aos cursos de linguaxe administrativa, cóntanos cantos anos levas tentándoo; ou ben, dinos en que data obtiveches o nivel medio e cantos anos che levou obter acceso ao nivel superior, se é que xa o conseguiches, ou canto levas esperando por este nivel superior. Envíanos as túas suxestións, observacións ou peticións, contacta coa CIG-Autonómica!

 

 

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...