Novas por contido

A CIG avoga por un I Plan de Igualdade máis ambicioso e efectivo, cun ámbito temporal de 3 anos de duración —en vez de 4—, ademais de promover que a enquisa de igualdade ao persoal se adiante ao primeiro ano do plan.

Consello de Contas de Galiza: 18 anos de atraso na aprobación do I Plan de Igualdade

Todas as Administracións Públicas teñen a obriga de contar cun plan de igualdade dende 2007. Porén, a lexislación incúmprese de xeito clamoroso, impedindo unha igualdade efectiva. Nas administracións galegas os primeiros plans de igualdade van elaborándose a contagotas, demostrando o máis que feble compromiso coa igualdade real. O Sergas facíao con 14 anos de atraso (2021), mentres que a Administración xeral da Xunta aprobaba o seu plan a finais de 2023, máis de 16 anos tarde. No caso do Consello de Contas, este atraso bate o récord dos 18 anos. Non foi sen tempo! 

Aínda así, é unha moi boa nova para todo o persoal do Consello de Contas dispoñer, por fin, deste I Plan de Igualdade, aprobado este 23 de xuño de 2025, e froito dunha negociación intensa pero con pouca marxe de manobra. Nela foron aceptadas moitas alegacións feitas pola CIG, pero outras moitas quedaron no tinteiro, deixándonos moito traballo por diante para achandármoslle o camiño a un II Plan de Igualdade con moitas máis melloras. 

A CIG-Autonómica demanda un I Plan cunha duración máxima de 3 anos e unha enquisa ao persoal no primeiro ano de vixencia

Por de pronto, este I Plan de Igualdade supón un tímido avance. Inclúense algunhas novas actuacións de conciliación, pero márcanse como metas a conseguir, entre outras, o mero cumprimento das leis ignoradas sen reparo até o de agora e a publicidade do propio plan de igualdade e dos seus obxectivos. 

Por estes motivos, e ao contrario do parecer de CSIF, CCOO e UXT a favor de 4 anos de duración do I Plan, na CIG traballaremos a prol de adiantar a elaboración do II Plan de Igualdade ao terceiro ano de vixencia, para contar con datos renovados e máis fieis á realidade do Consello de Contas, de cara a detectar canto antes problemas preexistentes que ficasen sen atender, ou novas situacións que afrontar, ás que darlles solución á maior brevidade. Tamén avogamos por non esperar 2 anos, e facer unha enquisa directa ao persoal sobre a situación de igualdade no primeiro ano do I Plan de Igualdade.

Logros da CIG-Autonómica

Entre outras peticións recollidas no Plan, o Protocolo de prevención e actuación contra as violencias no traballo deste I Plan abranguerá, a proposta da CIG, o acoso por orientación sexual, o acoso por identidade e/ou expresión de xénero ou outras expresións de violencia no traballo, ademais do acoso sexual e acoso por razón de sexo. Isto é un bo avance cara á loita contra todas as violencias no traballo, con independencia da súa natureza. A prevención e actuación, no caso do acoso moral, será afrontado por parte do Código Ético da entidade.

Este I Plan de Igualdade non dispón dun Protocolo contra a violencia de xénero. Dende a CIG propuxemos que fose elaborado, por entender que se trata dun instrumento indispensable. Vemos cumprida parcialmente a nosa pretensión, dado que, aínda que non se dotou o I Plan deste protocolo dende o seu inicio, inclúese a súa elaboración durante a implantación.

Emprego do castelán e de linguaxe sexista por parte da consultora Ingade Connect, S.L.

Polo demais, na CIG seguiremos vixiantes para que toda a documentación relativa a este plan de igualdade  e todos os que veñan sexa elaborada en galego, esixindo cláusulas de emprego da nosa lingua nas contratacións das empresas «asesoras de igualdade», como Ingade Connect, S.L. Estas entidades privadas, xunto coas nosas administracións, deben respectar a normativa lingüística. Ademais, esixímoslles o cumprimento do seu deber ético e profesional de empregar unha linguaxe non sexista nos seus informes técnicos e documentación. É surrealista e escandaloso, por non dicir insultante, que estas mesmas empresas que asumen o papel de asesoras das administracións na aplicación da lexislación de igualdade, a incumpran elas mesmas. As cláusulas de emprego de linguaxe non sexista por parte destas empresas «asesoras de igualdade» son irremediabelmente necesarias, tamén. 

Se queres facernos chegar as túas suxestións, dúbidas ou queixas, non dubides en contactares connosco.

 

Outras novas recentes

Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Luns, 25 Mai 2026

As sospeitas da CIG confirmáronse: a modificación da RPT da Consellaría de Cultura axustou á medida a praza da dirección do CGAC

O nomeamento da docente de ensino secundario Eva López Tarrío prodúcese após a modificación da RPT en febreiro para abrirlle o acceso á dirección a persoal funcionario desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais. A Xunta decidiu adaptar a praza da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para...
Mércores, 27 Mai 2026

Persoal da promoción interna de 2023 da Xunta exixe que se respecte o seu dereito a ter destino definitivo

Concentración en San Caetano ante a falta de solucións e información transparente por parte da Consellaría de Facenda Centos de compañeiras e compañeiros da promoción interna de 2023 concentrámonos este mércores 27/05/2026 diante do complexo da Xunta de Galiza en San Caetano para exixirlle á directora xeral de Emprego Público e ao conselleiro de Facenda unha solución de...