Novas por contido

Tras dous anos agardando pola creación das listas de escalas de persoal funcionario do Servizo de Prevención e Incendios Forestais (SPIF), fixeron unha apertura extraordinaria destas listas en xaneiro, seica pola urxencia, pero as probas non as fixeron ata a semana pasada, en plena campaña de alto risco.

Na proba visual, realizada na EGAP o 23 de xullo, houbo unha descoordinación tal que provocou atrasos nas mesmas de ata tres horas e media, e incluso que aspirantes marcharan sen ter feito a proba. Xa avisaramos de que o plan non era o correcto pero a Consellería só fixo caso a medias. Este foi o desenlace dun caos xa anunciado:

  1. As présas na convocatoria. As persoas aspirantes foron avisadas 7 días antes da proba, sen definir prazo e forma de presentar alegacións.
  2. Comunicamos que había erros. Ao detectar erros na listaxe (persoas exentas que foran convocadas) e comprobar que convocaban a máis de 1.000 persoas ás 9:00 da mañá, fixemos unha solicitude para que arranxaran iso (así como tamén solicitamos un xustificante de apto/non apto para as persoas que realizaran a proba, tanto a visual como a física).
  3. Modificación. Modifican a lista e poñen tres tramos horarios (escasos para mil persoas), pero non publican ningún tipo de aviso na páxina sobre a modificación, co que persoas aspirantes convocadas ás 12 chegaron ás 9 da mañá por descoñecer o cambio a tramos.
  4. Seguimos insistindo. Avisamos de que tres tramos non chegan, esta vez sen éxito na nosa solicitude. O único que conseguimos é a maneira de alegar ás listas das probas.
  5. Chega o día. Cunha media de máis de 300 persoas nun corredor, sen exposición de listas nas portas, con só dúas máquinas traballando, sen control de acceso por hora nin por apelido… o lío estaba montado.
  6. Queixas. Tralas queixas a viva voz das persoas aspirantes, ás 10:00 h comezaron a usar as listas, por hora e inicial de apelido. Isto non impediu un atraso dunha hora sobre o seguinte tramo.
  7. Máis lío. Comezan a chamar pola mesma inicial dende varias portas, polo que ninguén sabía cara onde tiña que ir. As persoas ían dun lado a outro para non perder opción a entrar (ata o final da mañá non comezaron a chamar por apelidos). Máis de 300 persoas nun corredor, en pleno mes de xullo, sen aire acondicionado nin corrente de aire, sen onde sentar. As persoas responsables solicitan reforzo pero só conseguen unha máquina máis sobre ás 12 da mañá (cousa que se iguala cando ás 15 se retira un equipo avaliador). A última persoa convocada entrou cun atraso de 3,5 horas, e tardou aínda unha hora máis en saír.
  8. Resultado. Caos organizativo que fixo que os/as aspirantes sufriran unha proba con grande estrés, cansazo, descoñecemento de cando ían acabar, e o que é peor houbo quen marchou por non poder quedar máis tempo “a espera” (na privada con sorte só conseguen unhas horas para asistir).

O único “positivo” a salientar é que pediron o reforzo ao verse sobrepasados (que aínda así non solucionou o problema) e que priorizaron persoas xestantes ou con impedimentos físicos que non estaban en condicións de permanecer de pé tanto tempo (ademais de a quen armaba bulla para que non lle alborotara o galiñeiro). 

A Consellería ten que asumir que o persoal aspirante non somos números, senón persoas. Que non bote contas de canto pode aforrar "apertándonos” a todos e todas nun día por non gastar máis cartos nas probas, e que teña en conta os nosos avisos para non “montala” a próxima vez.

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...