Novas por contido

A entidade está a negociar cos sindicatos o seu I Plan de Igualdade, que chega 18 anos tarde ―contando con que a súa aprobación sexa en 2025

A pesar de que dispoñemos cada vez de máis lexislación no eido da igualdade, o seu incumprimento é sistemático por parte das administracións, sen que teña consecuencias que as disuadan do contrario.

A lexislación obriga ás administracións públicas a dotarse de plans de igualdade dende o ano 2007, sen importar o número de persoas traballadoras que teñan ao seu servizo: non son plans de igualdade «voluntarios». Ademais, estes plans teñen que ser negociados sempre coa representación legal do persoal.

Nas administracións galegas esta obriga cúmprese ―no mellor dos casos― con considerábeis atrasos: o Sergas fíxoo en 2021 e a Administración xeral da Xunta no 2023. Outras administracións non correron a mesma sorte, como Ensino, onde nin tan sequera dispoñen del; e esta lista non ten fin… Os atrasos reducen significativamente a eficacia dos avances normativos e provocan prexuízos  moi importantes nun camiño demasiado longo cara á igualdade real de oportunidades e de trato no eido laboral.

A isto engádese a escasa cultura da igualdade e responsabilidade social, pola que os plans de igualdade se afrontan como un mero trámite a cumprir, onde o que menos importa é o rigor e a efectividade. Convértense en simples instrumentos formais de contención dos avances, ao verse reducidos á única meta de cumprir coa lexislación de igualdade até entón insatisfeita con total impunidade e  que terían que acatar sen necesidade dos plans.  Cara á opinión pública véndese  como  avances o que non é máis que ficar no mesmo sitio de onde se partiu.

Outra das obrigas das administracións públicas é implantar e promover a linguaxe inclusiva e non sexista, como parte do dereito á igualdade e á non discriminación. Os poderese públicos deben implantar unha linguaxe non sexista no ámbito administrativo e fomentar o seu uso en todas as relacións sociais, culturais e artísticas (art. 14.11, LO 3/2007). 

Neste contexto é no que a CIG vén de presentar a súa proposta, dentro do marco do compromiso da Valedoría do Pobo que precede á aprobación e implantación do seu I Plan de Igualdade: a retirada, sen máis demoras, da denominación sexista «Valedor do Pobo» que preside a fachada da sede da institución en Compostela, un chanzo de alto valor simbólico acorde coa súas responsabilidades. En substitución, solicitamos que tanto na fachada, como no seu web, imaxe corporativa e comunicacións, se empregue, de contado, a forma inclusiva e neutra «Valedoría do Pobo», símbolo dunha nova etapa por vir. A espera xa foi longa de máis.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...