Novas por contido

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) vén de iniciar a recollida de sinaturas da Proposición Non de Lei (PNL) para blindar por lei a revalorización salarial na administración xeral, o ensino e a sanidade

 A Área Pública da CIG  compareceu en rolda de prensa este luns para reiterar as demandas para garantir a recuperación da capacidade adquisitiva do persoal empregado público e dar a coñecer a campaña de recollida de sinaturas da PNL para o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

As federacións da Área Pública denunciaron que o Goberno do Estado aínda non trasladou ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros, malia que xa nos atopamos no último trimestre do ano. Dende a CIG-Administración Pública lembrouse que a última revalorización salarial que tivo o persoal empregado público foi o cobro dos atrasos correspondentes á suba do 0,5%, que se debería ter aplicado xa en xaneiro. Un incremento que para nada compensa a perda acumulada do 2,30% que supuxo a estafa do acordo marco 2022-2024, asinado polos sindicatos españois co Goberno.

Para reverter os efectos prexudiciais deste “pacto de perdas”, para este 2025 reivindicamos un incremento dos salarios do 5%, con carácter retroactivo a xaneiro; a recuperación íntegra das pagas extraordinarias recortadas dende 2010 no salario base e os trienios (conceptos que dependen do Estado); e a incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.

Reclamamos tamén que a negociación de calquera acordo plurianual se realice en base a estes principios e que se acorde un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos 15 anos que, co acumulado deste 2025, xa supera o 20%.

PNL por unha cláusula de garantía salarial       

Este deterioro continuado provocou que a día de hoxe moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas. De feito, os soldos dalgúns corpos e escalas básicas xa están igualados co SMI e soben grazas á alza do salario mínimo, revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público.

No camiño da recuperación dos soldos, a CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estabeleza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba, que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral.

Neste senso, cuestionamos que CCOO, UGT e CSIF anuncien agora mobilizacións e ameacen cunha convocatoria de folga cando foron partícipes dos acordos asinados co Goberno español que impediron a recuperación dos salarios e afondaron no empobrecemento do persoal empregado público; e cando non asumen a necesidade de blindar por lei a revalorización conforme ao IPC na administración pública. Vai ser complicado que un acordo da mesa xeral que non teña xa recoñecida esta cláusula nos deixe nunha situación de recuperación de dereitos e moito tememos que quedemos nas mesmas condicións de perda de poder adquisitivo.

 

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...
Luns, 27 Xullo 2026

Apertura do prazo posesorio do concurso de traslados da Administración xeral

No DOG do 27/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2026 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, e se abre o prazo posesorio dos postos...