Novas por contido

O día 10 de marzo de 2026 tiñamos unha convocatoria ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Servizos Centrais (SSCC) despois de case un ano dende a anterior reunión, que foi o 31/03/2025. Nesa reunión de 2025 a CIG xa preguntara polos resultados das medicións de radon nas diferentes oficinas de SSCC, ao que nos responderon que primeiro tiñan que reunirse co Comité Intercentros de Saúde Laboral e logo valorar as medidas que habería que tomar por causa deste gas canceríxeno. Nós non temos claro o porqué disto último, dá a impresión de que son desculpas de quen non quere facer ben o seu traballo.

Pois un ano despois iamos reunirnos para falar deste tema do radon. A subdirectora de Servizos Comúns da Xunta de Galiza, que é a presidenta deste comité, indicounos que non se podían incluír máis puntos na reunión do 10 de marzo dado que se trataba dunha reunión monográfica sobre o tema que nos ocupa. De feito o punto número 2 da convocatoria indícao expresamente: “Comunicación resultados medicións gas radon no Edificio Administrativo de San Caetano e informe explicativo”. Salientamos que é tan só no edificio de San Caetano, como pon o punto, non en todos os edificios dos SSCC.

E para sorpresa da CIG e todos os axentes sociais, a presidenta do Comité suspendeu esta xuntanza con menos de 24 horas de anterioridade sen comunicar o motivo desta suspensión. Á CIG parécelle totalmente impresentable esta situación e que nos están tomando o pelo.

Dende a CIG queremos lembrar que o radon é un gas que en cantidade pode producir cancro de pulmón, cuestión que está demostrada. Cómpre dicir tamén que Compostela é unha zona de máximo risco ante este gas, que é inodoro e incoloro, motivo polo que se deberían facer medicións segundo a directiva europea, publicada no ano 2013, data dende a que a CIG está a solicitar estas medicións.

Porén, ata que se publicou o Real decreto 1029/2022, polo que se aproba o Regulamento sobre a protección a saúde polos riscos derivados da exposición de gases ionizantes, basicamente sobre o gas radon, non se fixeron medicións. A Xunta de Galiza incorrería en delito se non o fixese, mais a data de hoxe, a representación sindical do persoal non temos nin os resultados nin as medidas que se deberán tomar, motivo polo que queremos que quede claro de quen é a responsabilidade. Instamos a que todo o persoal cuxo posto de traballo estea nun soto, nun baixo ou nun ático ventile o local de traballo, porque de non facelo existe o risco de enfermar.

Outras novas recentes

Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...