Novas por contido

«Na Galiza en galego» foi o clamor que se escoitou na mañá de sábado chuvioso do 14 de marzo na praza da Quintán de Compostela.

   

Queremos Galego, plataforma da que a CIG forma parte, vén de celebrar o 14 de marzo a asemblea na que someteu á aprobación da sociedade galega o Protocolo Lingua Vital. Este instrumento, en cuxa elaboración participou a CIG-Autonómica, ten como obxectivo reverter a emerxencia lingüística, e é froito do traballo de 57 entidades de todos os ámbitos ao longo dos últimos meses, apoiadas por outras 396. 

Celia Armas, Mónica Fernández (servizos públicos) e Xosé Henrique Costas defenderon o proceso social amplo, participativo e plural, en nome de todas as coordinadoras dos grupos de traballo que elaboraron o protocolo. Deseguido, David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per a las Minorías Étnicas i Nacionals (CIEMEN), interviu como entidade promotora da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, un dos documentos nos que está baseado o Protocolo.

A creadora de contido Sara Seco conduciu o acto nacional contra a emerxencia lingüística, que contou coa participación de numerosas entidades sociais e organizacións sindicais, políticas, culturais, veciñais, de defensa das persoas consumidoras, agrarias, deportivas, de persoas migrantes, educativas, relixiosas ou empresarias. A nota musical puxérona Caamaño e Ameixeiras, un dos grupos máis destacados do relevante panorama musical galego actual.

A asemblea amosou o seu apoio unánime á proposta, que entra agora na fase de aplicación por parte das entidades sociais e institucións adheridas.

Reverter o devalo da nosa lingua

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou que os datos estatísticos poñen en evidencia o devalo da lingua galega, como resultado da súa exclusión e da súa ausencia, acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a asegurar sempre; e denunciou que o PP usa a lingua como refén co que chantaxear o movemento social pola normalización.

Queremos Galego foi moi crítica coa Xunta de Galiza, a quen a mobilización do pobo galego obrigou a mudar de aparencia e tentar facernos crer que tiñan disposición a cambiar a política contra o idioma, chegando a anunciar un novo plan de normalización lingüística para antes de rematar 2025. A plataforma lamentou que o plan anunciado por Rueda para reverter o estado da nosa lingua foi o plan para reverter a oficialidade que tanto desgustaba a Feixoó, con votacións no Parlamento contra o galego na xustiza, nas notarías ou nas xestorías. Tamén coa oposición ao aumento de profesorado de portugués; con campañas en español nos centros de ensino; con orzamentos raquíticos que impiden executar calquera dos avances acordados hai 21 anos; coa exclusión do galego da Administración con leis como a da intelixencia artificial, co acceso ao emprego público e con contratacións públicas sen que se requira o coñecemento e o emprego do galego ou dándolle prioridade ao español nos webs.

O PP tamén fixo un boicot directo á oficialidade do galego na UE e á presenza de Galiza con voz propia na UNESCO; e mantén a vixencia do veto e prohibición ás aulas en galego no ensino; un impulso á súa desaparición nas relacións comerciais e a promoción de festivais financiados con fondos públicos cunha cota testemuñal ou nula de música en galego. Ademais, aumentou o control da TVG cunha lei que permite o abandono do galego e da súa función normalizadora, nomeadamente para o público infantil e xuvenil.

  

A forza colectiva do pobo galego

Queremos Galego afirmou que a sociedade galega asumiu a responsabilidade e construíu unha alternativa sólida, unitaria e eficaz á política lingüística de desleixo, miseria e apartheid xestionada por persoas desertoras e irresponsábeis. A plataforma asegurou que coa participación directa e co apoio de centos de entidades sociais o Protocolo Lingua Vital para reverter a emerxencia lingüística é o verdadeiro pacto pola lingua no que hai sitio para todas as persoas, colectivos e institucións que queiran garantir o futuro de Galiza e do seu idioma.

Así mesmo, recordou a forza colectiva do pobo galego, con algúns exemplos recentes como a victoria contra Altri ou a recuperación do Pazo de Meirás, e concluíu que a lingua galega existe porque é a dun pobo que a defende, que a usa e a reivindica en todos os tempos e baixo todas as circunstancias.

     

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de varias escalas do subgrupo C1, C2 e da agrupación profesional

No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento...
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....