Novas por contido

A vergonzosa realidade que estamos a vivir nos centros do Consorcio e da que a Xunta de Galiza permite mirar para outro lado.

Vas ao supermercado a facer a compra, hai cola e preguntas "quen vai de última?". Alí danche un número e sabes que se respecta a quenda. Pois ben, traballar para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar hoxe en día é peor que ir ao súper: non hai números, non sabes en que posto estás, nin a quen tes diante.

 

1. O caos cronolóxico: Listas sobre listas

Temos un caixón de xastre onde se acumulan convocatorias sen actualizar con criterio: listas de 2007, 2008, 2019, 2023, as actuais de 2026 e as listas do INEM. Unha lea monumental cuxo único resultado é a opacidade máis absoluta. Como pode ser que en pleno ano 2026 un traballador non poida consultar de xeito limpo e transparente a súa posición real nunha listaxe pública?

 

2. Contratos de 3 anos que "caducan" pero non de todo

A lei di claramente que o máximo que se pode ocupar un posto de xeito temporal son 3 anos. Con todo, estamos vendo como a traballadores/as que lles remata ese contrato de 3 anos, os volven admitir para o mesmo posto e no mesmo centro de traballo sen respectar o descanso de 4 meses, tal e como recolle o Decreto de listas.

 

3. ¿Por que non se nos aplica o Decreto de listas?

A resposta é tan sinxela como dolorosa: porque se se aplicase o Decreto de Listas que rexe para o resto da Xunta, non poderían facer as falcatruadas que fan ata o de agora. Ao Consorcio vaille moi ben funcionar como un "chiringuito" aparte, onde chaman como queren sen ter que aterse a un decreto estrito. Sentímonos totalmente ninguneadas e utilizadas.

 

4. Pagamos por estar nas listas: onde están eses cartos?

Moitas pagamos as taxas de inscrición varias veces ao longo destes anos (2019, 2023, 2026...). Pagamos relixiosamente para estar nunhas listas que despois xestionan de costas a nós. Esiximos saber que se fai con eses cartos se o servizo que se nos devolve é o escurantismo.

 

Cal é a realidade: deixárono por imposible ou hai algo máis?

O persoal de PSX e xeros, xunto co resto de categorías, somos o sustento real dos centros de maiores e EI de Galiza. Sen nós, os centros non abren. O que está a pasar con este ente é noxento e indigno dunha administración pública.

Dende a CIG non imos calar: Esiximos unha ferramenta pública onde se poida ver en tempo real "quen vai de última", o cesamento inmediato dos contratos que esquivan o límite dos 3 anos, responsabilidades claras das persoas que permiten contratos en fraude de lei, dereito iguais: a integración total do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Decreto de listas xeral da Xunta.

Basta xa de ninguneo e de xogar co pan das nosas familias.

 


A TRANSPARENCIA NON É UN FAVOR, É O NOSO DEREITO!

Outras novas recentes

Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...