Novas por contido

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto

Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto peor; o "susto", que te mandan de oficio onde non molestes. Unha estratexia de extorsión pura e dura que substitúe as garantías democráticas polas formas de Cosa Nostra de andar por casa.

Dende hai uns días, algunhas persoas puxéronse en contacto coa CIG porque dende Emprego Público están instándoas a que renuncien ao seu posto obtido por concurso. O modus operandi é o seguinte:

Alguén de Emprego Público chama por teléfono e dilles que o seu posto está dalgún xeito xudicializado por estar reclamado por outra persoa. Como solución ofrécenlles outros similares na mesma localidade. Eses postos similares, segundo nos comunican, non son tan similares como expresan: a distancia é bastante maior, as funcións serían completamente distintas e, nalgún caso, até ofreceron postos dun nivel inferior.

A "Televenda" de Emprego Público

Parece que na DXEP cambiaron a Lei de Emprego Público de Galiza polo catálogo de Teletenda. Iso de chamar por teléfono para ofrecer un posto de nivel inferior a cambio do que gañaches por concurso é unha estratexia de márketing brutal: "Se renuncia hoxe ao seu posto merecido, regalamoslle un castigo de oficio e un nivel menos! Chame xa!". Só faltou que che ofreceran un xogo de coitelos coa rebaixa de soldo.

A maneira de “incentivar” a esas persoas para que elixan os postos que ofrecen é dicirlles que, se non o fan, lles adxudicarían un posto de oficio. A algunha, segundo conta, até lle dixeron que podería pasar a excedencia voluntaria.

Alucinante!

Nunca, de ningunha maneira, debe tratar de mediatizarse unha decisión así, dicindo que se non acepta se lle dará unha de oficio ou, noutros casos, que pasarían á excedencia voluntaria. Isto é unha ameaza máis propia doutras latitudes, en concreto duna illa sita no Suroeste da península itálica.

En calquera caso, dende a CIG consideramos, que a adxudicación dun posto deste xeito non aparece como forma de provisión de postos na Lei de Emprego Público de Galiza. Vaia, que se está a prescindir total e absolutamente do procedemento legalmente establecido e, considerarmos que podería ser acto nulo de pleno dereito. É máis, de proceder así estaría a ditarse unha resolución inxusta a sabendas de que é inxusta, e isto ten un nome que todos e todas coñecemos.

Se en Emprego Público non pensan igual, que teñan a valentía de comunicalo por escrito, coa expresión dos recursos, órgano e prazos para interpoñelos para que as persoas afectadas podan alegar o que no seu dereito corresponda.

O que está a suceder é que Emprego Público, despois dunha xestión nefasta durante anos, sen dirección nin política de emprego nin nada que se lle pareza, ten moitos e graves problemas. Este é un deles. En vez de asumir as súas responsabilidades, traslada o problema ós/ás empregados/as públicos/as.

Emprego Público debe asumir as súas responsabilidades

A DXEP non parece comprender que facer unha adxudicación de oficio ou obrigar a unha excedencia “voluntaria” no caso de que non se renuncie ao posto obtido lexitimamente no concurso, pode traer milleiros de problemas xurídicos.

Imaxinade por un momento que unha das persoas afectadas decide acudir ao contencioso e o tribunal lle dá a razón e decide que, se non pode ocupar o posto que lle tocou no concurso por pertencer a outra persoa, debe ocupar outro dos que elixíu.

Ou que o tribunal decide que hai que rebaremar todo ou, incluso, tumbar o propio concurso. Cousas máis raras temos visto. O lío podería ser maiúsculo. Como a un xuíz ou xuíza se lle dea por mandar rebaremar todo o concurso porque á DXEP lle pareceu boa idea facer encaixe de palillos cos postos, o balbordo vai ser tan grande que o do Prestige vai parecer unha balsa de aceite. Vai andar cruzándose o persoal funcionario polas autovías con caixas de mudanzas de Lugo a Vigo sen saber moi ben onde traballa.

A solución que propón a CIG é que DUPLIQUEN OS POSTOS, como se fixo noutros procesos, e que a partir de agora empecen a facerse as cousas doutra maneira. Propónselle duplicar os postos para arranxar a trapallada e póñense nerviosos. Claro, debe ser que na Xunta non hai costume de duplicar chiringuitos nin altos cargos cando convén, entón o de duplicar postos para o persoal de a pé páreceselles de ciencia ficción.

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...
Xoves, 11 Xuño 2026

Modificación da RPT de Medio Rural

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son: A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as. A inclusión de 6 postos de persoal...
Venres, 12 Xuño 2026

Oposicións análises de laboratorio e enxeñaría de camiños, canais e portos (para MSF 17/06/2026)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño de 2026, coa seguinte orde do día: Proposta de convocatoria de proceso selectivo pola quenda de acceso libre e promoción interna na escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1). Descargar Proposta...